Biografía
Debuxante e animador, comezou na ourensá Limaía Produccións. Continúa no campo dos debuxos animados, agora traballando para a produtora coruñesa Dygra. Ten feito curtametraxes e cortinillas de animación, pero é máis coñecido como autor de BD, xa que é un dos máis prolíficos de Galicia. Confundador do colectivo Polaqia en 2001, debuxou unha historia escrita por Kike Benlloch no álbum colectivo "Mmmh!!". Conta con series propias nas principais revistas galegas: "BD Banda" (desde 2001) e "Barsowia" (desde 2003). Foi o autor de "Os Kinkilláns", unha das series máis populares da segunda etapa de "Golfiño" (La Voz de Galicia). Cómics seus viron a luz en innumerables publicacións como "Tos", "Huevo", "El fanzine enfermo", "Humo", "Interzona" (2007), "Ex Abrupto" (2008). Foi un dos autores que máis contribuiu á segunda época da revista "Dos veces breve". "El circo del desaliento" (Astiberri 2005) é o seu primeiro álbum monográfico, e inclúe en castelán a historia "Onde ninguén pode chegar" (Lea 2006). "La tetería del Oso Malayo" é o seu segundo álbum (Astiberri 2006), tamén artellado arredor de varias historias curtas xunto a unha extensa.
Premios
Levou o segundo premio no XV Concurso Galego de Banda Deseñada Xuventude 99 coa obra "Penso en ti e o resto é sinxelo". Gañou o primeiro premio das Xornadas de Banda Deseñada de Ourense, na categoría de 22 a 30 anos, nos anos 2000 (por "A sombra xigante que me afoga") e 2002 (por "Antón ardendo") e mais o cuarto premio en 2001. Premio Ourense ao mellor autor afeccionado (Casa da Xuventude de Ourense, 2000). Gañador en xaneiro de 2003 do VIII Certame de Cómic de Arteixo, correspondente ao ano 2002. Gañador en marzo de 2004 do IX Certame de Cómic de Arteixo coa historia "O segundo que ía dicirche". En 2004 fíxose co segundo premio do certame "Na Vangarda" (Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade) polo relato breve "Corredora" feito en equipo con Emma Ríos. Gañador en 2005 do I Premio Castelao de BD (Deputación Provincial da Coruña) coa novela gráfica “Onde ninguén pode chegar”. Venceu tamén en 2005 no certame "Na Vangarda" coa historia curta "Patacas". Gañador do Premio Josep Toutain ao Mellor Autor Novel no Salón Internacional do Cómic de Barcelona 2007, pola súa novela "A tearía do Oso Malaio". Este mesmo título valeulle o premio da crítica española á mellor obra nacional de 2006 e mais ser finalista no Premio Nacional de Cómic concedido en 2007.
Estudos
Estudou na Escola de Arte Antonio Failde (Ourense).