Inicio / opinión / Puntadas do Xastriño

Puntadas do Xastriño por Xastriño
Ver todos os artigos de Xastriño en Puntadas do Xastriño
Data: 8 / 11 / 2006
Marjane Satrapi
Marjane Satrapi é única na banda deseñada. Orixinaria de Teherán trouxo a Europa o cómic iraniano e o seu primeiro traballo obtivo un gran éxito editorial

Marjane Satrapi é unha especie única dentro do xénero da Banda Deseñada. Muller orixinaria de Teherán trouxo a Europa o cómic xenuinamente iraniano e o seu primeiro traballo obtivo un gran éxito editorial pouco habitual, que sorprendeu a moitos debido ao aparentemente simple do seu traballo, pero unha vez ollado e lido, descubrimos a unha autora salvaxemente franca á hora de narrar os acontecementos da súa axitada vida e as súas ideas.
Evidentemente, estoume referindo á súa célebre obra de corte autobiográfico, de Persépolis, a cal me libera de introducir unha longa mención biográfica da autora pois, ¿qué mellor forma de coñecer a súa vida que a contada a través dela mesma? Iso si, terei que comentar feitos posteriores á obra para detallar a súa introdución no mercado francés.
Unha vez instalada na Galia e descuberta a súa vocación de autora de BD por impulso de David B, as primeiras páxinas do que había de ser o seu soado traballo, foron rexeitadas 186 veces en distintas editoriais ata que entrou en contacto con L’Association. Aínda que accedesen de bo grao á súa publicación, tampouco foron moitas as expectativas postas no seu traballo ata que, unha vez impreso o primeiro número dos catro que a compoñen, o público, máis ben motivado por unha morbosa curiosidade cara os costumes integristas da rexión do Golfo Pérsico, soubo traspasar barreiras, apreciando a gran expresividade de cada unha das súas viñetas que desmitificaban moitos dos tópicos acerca do país e, sobre todo, das mulleres iranianas. Obras posteriores como a xenial reunión de Bordados e o dramático Pollo con Ciruelas, viñeron a confirmar a mestría dunha autora que se defende con uñas e dentes nun mercado saturado de obras graficamente moito máis elaboradas pero sen a honesta profundidade de Satrapi.
E é que a man de Marjane, a que non sostén o seu eterno cigarro, é beneficiaria dun estilo herdado do seu mentor David B. pero máis simplista, case infantil, con claras trazas da arte persa. Estas maneiras artísticas proxectan uns garabatos de pinceladas espidas e pesadas manchas de tinta que resultan sumamente eficaces á hora de narrar. Máis baseado no poder da franca simpleza que no pobre trampantollo dun elaborado deseño que Marjane rexeita con contundencia, o seu debuxo non sería o que é sen a perfecta cohesión coa súa temática, o xénero feminino e a historia da súa familia.
Marjane disecciona os acontecementos da súa vida e o que xira ao redor dela para nos ser ofrecida coma unha valente confesión, sen andrómenas, dos seus pecados sen esperar unha absolución por parte de ninguén pero que non deixa de ter detalles de exquisita tenrura, episodios de alto contido dramático ou faíscas de corrosivo enxeño feminino.
Pero, por riba de todo, ofrece unha visión moi crítica do seu país, rompendo numerosos tópicos sobre os seus costumes e sobre as mulleres, habituadas a seren vistas como vítimas dun integrismo devastador.
En definitiva, unha autora que sobreviviu á represión das liberdades individuais para dar unha patada no cu ao mundo, con tódalas súas forzas.



Reseña sobre Persépolis Mini site sobre a autora Entrevista a Marjane Satrapi

Marjane Satrapi


Untitled Document
 
Información
Noticias
Reportaxes
Sala de Lectura
Catálogo
Autores
Publicacións
Entidades
Extras
Fondos de pantalla
Todos os extras
Outros
Historia
Suscríbete


Información
Arquivo
Eventos
Especiais
Temas do dia
Zona Cultura
Fin de Semana
Axenda
Certames
Biblioteca
Zona Rss
Soportais
LG3 - Literatura
RCG - Audio
AVG - Cine
BD - Banda Deseñada
Interactividade
Propostas de temas
Boletins
Enviar actos
Enviar certames

Correo da redacción
Mapa do Sitio
Axuda
Nós
O equipo do portal


Consello da Cultura Galega. (www.consellodacultura.org)
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Contacto: Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org