
A historia da Banda Deseñada galega
30 anos de intentos

Santiago. Redacción
Texto redactado no ano 2000
Todo comezou cara a 1971.
A cultura galega atópase nunha etapa de resistencia e busca sobrevivir
coa integración de elementos vangardistas. Xaquín Marín
ponse en contacto con Raimundo Patiño para que o introduza no mundo
da estampa popular galega. Patiño convénceno da necesidade de
facer banda deseñada como xeito de integrar a cultura galega na últimas
tendencias internacionais.
Xaquín realiza nese primeiro ano a súa primeira historia, "O
emigrante", que vería a luz na revista "Chan". Logo de
colaborar con publicacións como "Gaceta Universitaria" ou "La
Codorniz". Mentres, Patiño realiza a exposición "O
home que falaba Vegliota", composta por unha banda deseñada mural.
Tamén no setenta e dous se forman os grupos Fusquenlla, con Marín,
Patiño e Xesús Castro e o Grupo do Castro, no que participaban
outros autores com Chichi Campos ou os irmáns Díaz Arias. Este
grupo organiza en 1973 a Mostra do Cómic Galego, en colaboración
coa Asociación Cultural O Galo, e en 1974 acadan sacar a primeira revista
de banda deseñada galega, "A Cova das Choias", feita en Xenebra
e distribuída de xeito clandestino en Galicia.
En 1975, Marín e Patiño publican na editorial Brais Pinto o
primeiro álbum da banda deseñada galega: "2 Viaxes",
na que tratan en cadansúa historia a emigración galega cunha
ollada moi crítica, que se ampara na ciencia ficción para amosarnos
unha Galicia eternamente emigrante. Nese mesmo ano, a asociación O Facho
organiza unha exposición de banda deseñada co Grupo do Castro
en homenaxe a Castelao, e convoca varios concursos de banda deseñada.
O intento de transmitir a lingua ás novas xeracións promove que
no mesmo ano comeze a súa andaina "Vagalume", revista de carácter
infantil que inclúe banda deseñada. Durante os seus tres anos
de existencia, acollería obras de autores como Ricardo Lázaro,
Saavedra Pita, Docampo, Xiráldez, Llorca ou Pepe Barro.
Máis adiante, e xa desde xente máis nova aparece, en 1979, o único
número do que é considerado primeiro fanzine de banda deseñada
galega: "Xofre. Historieta Galega", editado en Compostela polo colectivo
do mesmo nome. Nel estaban algúns dos que serían os nomes máis
destacados das banda deseñada galega como Miguelanxo Prado, Fran Jaraba
ou Xan López Domínguez entre outros. O seguinte ano de importancia
para a banda deseñada galega é 1982. É entón cando
o pub Paraíso Perdido de Compostela organiza unha exposición
na que participarían unha grande cantidade de autores e que despois
sería recopilada nun número especial da revista universitaria "Coordenadas".
López Domínguez, Fausto, Manuel Angel Cerbiño, Xaquín
Marín, Pepe Barro ou Siro foron algúns do escolleitos.
Chega a modernidade: Os anos 80
Os anos 80 suporían unha auténtica explosión dos fanzines
como medio de expresión para a banda deseñada, coa aparición
dun grande número de publicacións a miúdo de estilo vangardista
que conectaban coas "movidas" das diferentes localidades. Historias
de carácter urbano que tocaban temas como as drogas, o sexo ou a angúria
vital expresábanse coas tendencias estéticas dominantes no intre
e desde unha perspectiva galega. O primeiro en aparecer, en 1982 é "El
Patito Feo" en Ferrol, que chegou ós seis números, e pouco
despois "Fat City", con só dous. Entre os autores que colaboraron
neles, destcan Eduardo Galán "Dudi", Cubero e Xan López
Dominguez.
No 83 aparece a que sería outra das revistas máis destacadas
e de máis duración da banda deseñada galega, "Can
sen dono", da que verían a luz dez números ata 1984 revista
centrada no humor gráfico que dedicou unha grande atención a
este xénero irmán. Entre os creadores da revista atopamos a Pepe
Carreiro, Gogue e Antonio Mascato, e entre os colaboradores a Varela Ferreiro,
Carlos Silvar, Oti ou Bernar.
Ese mesmo ano xorde en Carballo "A Ameixa Cacofónica", con
Carlos Silvar, Varela Ferreiro, Lois Pereiro e outros. Tratábase dun
fanzine cun material de grande calidade dedicado enteiramente á banda
deseñada e que abogaba pola renovación da cultura galega onda
outras publicacións coetánea como "Tintimán", "A
Ameixa" ou "La Naval".
No mesmo ano e pouco tempo despois, saíu á rúa o que
se chegaría a convertir no fanzine de referencia da época, "Valium
Diez". Unha publicación que chegou a vender mil exemplares e a
facer sete números, incorporando portada a cor nas súas últimas
edicións e mesturando a banda deseñada con artigos de actualidade
e opinión, sempre desde unha perspectiva de modernidade e rebeldía
contra a cultura oficial. Ademais dos seus coordinadores, Fausto Isorna e Pedro
Sardina, colaboraron Arturo Regueiro, García Varela, Nacho Hortas, Bernar,
Chichi Campos, ou Norberto Fenández entre outros. Os compromisos profesionais
que foron adquirindo os implicados e a necesidade cada vez superior de tempo
que esixía a publicación provocaron o seu fenecemento cando ía
dar o paso á profesionalización en 1985.
Tamén a mediados dos oitenta saíron en Vigo unha serie de publicacións
que, en maior ou menor medida se dedicaron á banda deseñada. "Vigorizador", "Escape", "O
Coiote", "Castrelis" (revistas dos barrios de Coia e Castrelos
respectivamente) e, nunha maior medida, "Interlínea" e "Katarsis",
incidiron neste xénero dentro do espírito da cultura underground.
A banda deseñada tamén estivo presente nas dúas revistas
máis importantes da "movida" galega: La Naval e Tintimán,
que se publicaron durante a primeira parte dos oitenta con notable éxito.
O espírito rompedor chegou a Lugo na forma arredor de varios fanzines,
entre os que destacou especialmente "Atlántico Express", publicación
que combinaba a banda deseñada coa actualidade musical e cultural do
intre. Entre 1983 e 1985 chegou a tirar tres números nos que colaboraron,
entre outros, Quique Bordell, Honorio Espiral, Roxo ou Xaime da Pena.
A banda deseñada tamén se desenvolveu no medio prensa durante
a década, sendo unha das produccións máis destacables
neste eido foi a serie "Aventuras dun neno galego", publicada durante
1985 no suplemento "O Pizarrín" de "Faro de Vigo" e
recompilada en tres tomos co patrocinio da Xunta. O debuxo corría a
cargo de Jesús Bofill sobre guións de Xesús Franco. Os
volumes que se publicaron foron "Os homes do fin do mundo" (1985), "Os
fillos de Breogán"(1985) e "A grande viaxe polo río" (1988).
A pesar desta edición de álbumes non se produciu en toda a década
un intento editorial serio de publicar banda deseñada ata que en 1988
atopamos o primeiro intento de crear unha serie de álbumes feita por
autores galegos. A idea partiu de Xuntanza Editorial, e concretouse nun único
número do que pretendía ser unha Historia de Galicia. "Os
Viaxeiros do tempo", primeiro volume da que ía ser a serie "As
aventuras do profesor Carbonato", contou cun guión de Urbano Fra ó que
deron forma os debuxos de Fausto e o entintado de Norberto Fernández.
Ó ano seguinte editouse un monográfico sobre banda deseñada
e cinema con ocasión do festival de cinema do Carballiño Xociviga,
no que participaron Cubero, Dudi, Fausto, Fran Jaraba, Ricardo Lázaro,
López Domínguez e Xaquín Marín entre outros.
Dos autores que traballaron durante esta época, destacou sobre todos
Miguelanxo Prado, que colaborou con revistas do grupo Toutain Editor en España
ou coa publicación "El Jueves" entre outras, chegando a publicar
varios álbumes e acadando un recoñecemento internacional como
debuxante e narrador. Unha carrerira semellante seguiu Julio Martínez "Das
Pastoras", con colaboracións en "El Jueves" e "El
Víbora" que continúan na actualidade.
Rematan os oitenta, chega "Fronte Comixario"
O ano 1989 desvelouse como un dos máis importantes na historia da banda
deseñada en Galicia. É neste ano que saíu a revista "Das
Capital", promovida polo Concello de Santiago e realizada por Fausto Isorna
e Arturo Regueiro, equipo de "Valium Diez", e que realizaron unha
publicación de grande calidade na que a banda deseñada ocupaba
un lugar fundamental. Entre os colaboradores dos dous únicos números
que chegaron a saír atopamos a Xaquín Marín ou a Varela
Ferreiro entre outros.
Tamén neste ano naceu o que aínda hoxe é considerado
o principal movemento da banda deseñada galega, o grupo denominado "Frente
Comixario". Con sede en Ourense e co apoio da Casa da Xuventude da cidade,
este grupo chegou a sacar ata 1993 sete números dun fanzine co seu mesmo
nome e no que se deron cita a maior parte dos novos valores da época.
Atopamos así a Fran Bueno, o Colectivo Pestiño, Carlos Portela,
Fernando Iglesias, Norberto Fernández e Tokio. Ademais, realizaron un "Special
Zombies" e un "Special Pelegrín", así como a colectánea "Debuxantes
en Banda", que recollía historias completas de moitos dos autores
máis destacados do momento, coma os xa mentados Norberto Fernández,
Carlos Portela, Fernando Iglesias, Fausto ou Miguel Anxo Robledo entre outros.
Ademais, e no mesmo ano en que comezou a andaina do fanzine, organizaron as
primeiras Xornadas de Banda Deseñada de Ourense, que se celebraron na
Casa da Xuventude de Ourense e manteñen a súa continuidade ata
hoxe. Despois da fin da "movida", toda unha xeración de novos
autores de toda Galicia se congregaron arredor deste proxecto. O colectivo
mesmo lanzou unha colección de álbumes do que só saíu
un "Papagaio Spray" (1993) co debuxo de Fernando García Varela
e escaso éxito económico. Pola súa banda, o fanzine consolidouse ó longo
da súa historia coma un dos máis importantes de Galicia, situándose á mesma
altura que "Valium Diez" no seu tempo e distribuíndose por
toda Galicia. Os membros do redenominado "Colectivo Pestinho", integrado
na "Frente", puxeron en marcha en 1991 o fanzine "Lendia Prea" de
temática "gore" que só tivo un número e, no
ano seguinte, realizaron a "História da língua em banda
desenhada", álbum do que se chegaron a vender cinco mil exemplares
e que narra a historia do galego desde o reintegracionismo.
Dun xeito semellante ó acontecido con "Valium Diez", a introducción
no meracado laboral dos integrantes e a retirada da subvención da Casa
da Xuventude pola liberdade normativa nas publicacións do colectivo
determinaron a fin do fanzine e do colectivo en 1993. Ese mesmo ano saíu á luz
o primeiro número de "O fanzine das xornadas", publicación
que se vén realizando anualmente coincidindo coas Xornadas de Banda
Deseñada de Ourense.
Voltar ó comezo: Os anos 90
A pesar do baleiro deixado pola fronte, axiña comezaron a aparecer novas
publicacións e, nese mesmo ano apareceu un novo intento de publicación
de banda deseñada, de novo coa idea de plasmar a Historia de Galicia.
Nesta ocasión foi Vía Láctea Edicions quen publicou "O
máxico arrecendo", álbum debuxado por Fran Bueno, con José Ramón
e Ángel Manuel no que se narraba unha historia ambientada na época
castrexa que tampouco vería continuidade.
En 1994 comezou a que ata a data é a serie máis longa da banda
deseñada galega, "Un misteiro para Simón". Editada
nun comezo de xeito promocional por Caixa Galicia, Renfe e a Xunta, desde 1995
Edicións Xerais faise cargo da serie, da que ata a data apareceron catro
títulos: "A irmandade dos lectores tristes" (1994), "Flores
desde Hiroshima"(1995), "No nome da amada morta" (1996) e "A
maldición dos Velasco" (1999). Os guións corren a cargo
de Aníbal Malvar e Rober G. Méndez, os debuxos son de Fausto
e o entintado de Norberto Fernández. A serie, de carácter xuvenil
na mellor tradición de Tintín ou Astérix narra as historias
de Simón, unha rapaza que se ve metida en diversos enigmas policiais
e colabora co detective Sam Espada para resolvelos.
Tamén a mediados da década viuse o primeiro intento de editoriais
galegas de traducir ó nos idioma bandas deseñadas foráneas.
En 1996 Galaxia comeza a edición de Astérix e case simultaneamente
Xerais traduce varias series francesas e belgas como "Franka", "Bloch" ou "As
aventuras de Gill e Georges" con escaso éxito.
O emprego da banda deseñada con fins de propaganda viuse de novo en
1995 coa edición por parte da Associaçom Artábria da "História
da Galiza em banda desenhada". Trátase dun álbum debuxado
polo pintor Leandro que narra, con grandes doses de humor e de crítica
a Historia de Galicia desde a Prehistoria ata os nosos días, desde unha óptica
independentista e reintegracionista.
En canto a presencia da banda deseñada na prensa, é de destacar
a historia "O labirinto de pedra", realizada por Carlos Portela e
Fernando Iglesias para a revista "Compostelán" e que saíu
a razón dunha páxina mensual entre 1995 e o ano 2000. Estes mesmos
autores deron nestes anos o salto á realización de traballos
para editoriais españolas, con series como "Kami Seeds", "Impresiones
de la Isla" ou a exitosa "Gorka". Ademais, foron seleccionados
para a colectánea internacional "Comix2000" realizada nese
ano en Francia. Tamén Norberto Fernández comezou a traballar
fóra neste período, con traballos para "Penthouse Cómix" e "El
Víbora".
Os fanzines dos 90
Á parte destes intentos e da producción de "Frente Comixario",
a producción de banda deseñada en Galicia ficou reducida ó eido
dos fanzines durante os anos noventa, a non ser pola publicación anual
dos volumes que recompilaban os traballos gañadores nos certames de Ourense
e Galicia. Así, saíu "Andando correndo pola chaira" (1995)
con tres números nun dos cales faise un amplo percorrido pola historia
da banda deseñada e polos fanzines que se publicaran ata entón.
"Lixo" foi un fanzine feito na Coruña desde 1996 chegou ós
sete números, fenecendo a continuación. Tamén de Coruña
saíu "La Carallada", cunha grande calidade que o facía
aspirar a ser o herdeiro de "Frente Comixario", aínda que non
saíu máis dun só número. Na mesma cidade apareceron "El
bolchevique vespertino" (1996) ou "Sin Fe", que alcanzou catro
números.
Desde Lugo saíu o vangardista Kedeké en 1997 e o debuxante Manuel
Cráneo creou ou coordinou "Ovo", e "Craneografía" ou "Craneofilia" curiosos
experimentos dos que só saíu un número de cada un.
Resulta curioso constatar, segundo sinala Carlos Portela, a tendencia que
se veu dando en Galicia a que a publicación de fanzines se vaia producindo
de xeito alternativo nas diferentes cidades galegas. Se nos oitenta a explosión
aconteceu en Vigo, con "Frente Comixario" e algunha outra publicación
trasladouse a Ourense co comezo dos anos noventa, e na segunda metade da década,
A Coruña tomou o relevo.
Ademais dos mentados, saíron outros fanzines coma "Alopecia Mental",
feito en Vigo desde 1999 con colaboracións como as de Jano, Víctor
Rivas ou Carlos Portela ou "Chámalle X", feito na mesma cidade
e que chegou ós seis números.
Cara a finais da década, en 1998 atopamos un novo intento de crear
unha revista galega de banda deseñada, "Elipse", auspiciada
pola Consellería de Educación e que, baixo a dirección
de Miguelanxo Prado, pretendía servir como ferramenta para os mestres
de ensino secundario ó tempo que recollía traballos dalgúns
dos mellores debuxantes galegos. Só chegou a saír un número,
e aínda que o segundo estaba preparado, nunca viu a luz por problemas
cos seus contidos.
Ese mesmo ano púxose en marcha o salón "Viñetas desde
o Atlántico", que se ven celebrando anualmente na Coruña
cun notable éxito de público e repercusión internacional.
De aquí en adiante
En 1999 saiu a que hoxe en día é a única revista sobre
banda deseñada que se está a facer en Galicia, "Golfiño".
Editada por Xerais baixo a dirección artística de Fausto Isorna
e dirixida a un público infantil, está a dar saída ó traballo
de autores coma Fran Bueno, Norberto Fernández, Robledo, Xaquín
Marín ou Varela Ferreiro entre moitos outros.Tamén no 99 tres
autores galegos -Jano, Adrián López e Kike Benlloch- acadaron
publicar a súa serie "Nieve Negra" na editorial madrileña "La
Factoría de Ideas", sendo os últimos autores galegos en
dar o salto á publicación no exterior. O 2000 rematou cunha iniciativa
esperanzadora para a banda deseñada galega: Xerais sacou ó mercado
o álbum "Cita na Habana" de Fran Jaraba, unha historia de
coidada ambientación que nos sitúa na Guerra de Independencia
de Cuba. Igual que desde o nacemento do xénero no noso país,
existen abondosos proxectos abertos que, de realizarse, poden permitir que
contemos, por fin, cunha industria da banda deseñada propia e dunha
calidade que xa é indiscutible. |