Untitled Document
Especial Dia das Letras Galegas. Antón Aviles de Taramancos
  CD+ Libro. Homenaxe a Antón Avilés de Taramancos
  MENU
Inicio
Avilés, o seu perfil
[CD]
Cantos Caucanos
[CD + Libro]
Homenaxe a Antón Avilés de Taramancos

  BAIXA O CATÁLOGO
catálogo de obras literarias en lingua galega traducidas a outros idiomas. unha primeira achega

Ed.Consello da Cultura Galega-Sección de Cultura Galega no Exterior.
Pax. 726 , 1Mb
Formato:
PDF .Baixa aqui o plugín
Cando nos anos 70 Antón Avilés de Taramancos merca unha gravadora e nunha casa da cidade de Cali, a tantos miles de quilómetros das raíces, do paparroibo e da píllara, recita e grava os poemas da ausencia non podía imaxinar que estaba a esculpir na voz un dos documentos sonoros que máis nos emocionan hoxe, once anos despois da súa morte, no ano das Letras de Avilés. Así é a memoria, unha voz que se grava nos sucos do tempo e persiste estremecedora. Como estremece escoitar hoxe trinta anos despois a gravación caseira e artesanal deses poemas. É o regreso de quen nunca marchou de todo e tal vez nunca puido regresar de todo. O documento sonoro que aquí se presenta nos devolve exacta a tensión dunha biografía poética sólida e singular con todos os seus acentos nesa voz que por sempre nos acompaña. Vivía daquela Avilés de Taramancos na cidade colombiana de Cali, dirixía a Librería Cultural Colombiana de Occidente e algunhas tardes, tal e como nos relatou o seu fillo Luís Avilés Baquero, pechábase nun cuarto da súa casa, poñía os discos de Cantigas da Terra e recitaba contra o tempo e contra o olvido os seus Poemas da ausencia. Foi esa mesma gravadora a que rexistrou as voces familiares nunha viaxe que fixo daquela a Galicia, en Taramancos gravou as voces dos amigos, dos irmáns, da nai. as voces da memoria e do idioma para levalas exactas a Colombia. E saber que a nosa historia sonora se abastece ás veces así, da necesidade. Neste caso, e mais aló da relevancia do documento, a gravación que Antón Avilés elaborou para si mesmo, afortunadamente gardada tamén agora para nós, permítenos descubrir os perfís dun autor fundamental da literatura galega. Tal vez escoitar na súa voz estes poemas, sabelo nomeando con esa intensidade a tantos miles de quilómetros de distancia no val do Cauca sexa o mellor pórtico, o máis revelador, para adentrarse na obra de Avilés de Taramancos, na súa visión do mundo, da creación poética, na súa experiencia vital.

Estas son outras torres no ar, as arquitecturas sonoras do poeta nesa voz inconfundible, con todos os seus matices, os acentos, os ritmos, e as intencións. Porque na voz está tamén o poema, esa maneira de dicilo que o desvela. Na gravación realizada por Antón Avilés de Taramancos nos anos 70 en Cali e que agora presenta o Arquivo Sonoro do Consello da Cultura Galega recita o poeta unha escolma dos poemas que logo conformarían os Poemas da ausencia publicados, xa ó regreso en Noia no ano 1982, no volume O tempo no espello. Son "Cántico de anguria e esperanza pra arrola-lo meu neno", "Od. Himno. Cántico. Elexía" (que se compón de 5 textos), "A Máquina" cun verso que logo non incluiría no poema publicado e "O Obús" todos eles pertencentes á segunda parte de "Os Poemas da Ausencia" escritos en Bogotá entre abril e maio de 1969. Rexístranse na gravación tamén os poemas "Eu amo as minerais entrañas do meu eido", "Sangue callado. Terra escura, terra" cunha estrofa de catro versos que logo suprimiría no poema editado e "Feliz viaxeiro subterráneo", todos os tres incluídos nos Poemas da Ausencia. Primeira parte, escritos en Bogotá no ano 1963 segundo se recolle no volume O tempo no espello. Estamos pois diante dun documento que nos aporta a dimensión sonora de parte do labor poético de Antón Avilés de Taramancos nas dúas décadas colombianas. Unha distancia que foi tamén permanencia no idioma, na terra e no poema.

Nestas outras torres no ar, as que describe a voz, está tamén o pensamento e a reflexión do autor sobre si mesmo, sobre o seu tempo. Diso fala o propio escritor nas gravacións que complementan este documento sonoro. O seu periplo vital, a infancia en Taramancos, a orixe do seu nome, o mar de fondo, a intensidade da bohemia e a conciencia nacionalista da xuventude coruñesa, a influencia da pintura, esa ansia das formas e das cores, o xuramento con Reimundo Patiño e Xohan Casal. Todo iso que conforman episodios fundamentais da biografía do escritor revélao Avilés nestes rexistros sonoros, a chegada a Colombia, a visión das grandes cordilleiras, a integración naquel país, e a dureza do regreso. "non hai regreso avoa". Da súa voz e con todos os matices, coa ironía, a proximidade ou a cordialidade da súa conversa, sabemos da súa visión da creación poética, do papel do escritor, dos obxectivos do seu labor como concelleiro de cultura en Noia, da relación coa natureza ou da paixón vital de quen sempre está disposto a comezar. Son gravacións recuperadas das entrevistas realizadas por Ana Romaní e Antón Rodríguez López no programa "A Viborona" de RNE Radio 4 en 1988 e por Cristina Lombao no programa "O son da súa vida" da Radio Galega no ano 1989.

Mais aló da achega que poden supor estas gravacións para o labor investigador arredor da figura de Avilés de Taramancos, mais aló tamén da incorporación ó noso patrimonio sonoro dun documento que se suma así á construcción doutra historia, a oral, esa que non está nos libros nin nas hemerotecas, que está nos acentos e nos matices da voz. Mais aló este documento sonoro dános a posibilidade de conversar e escoitar de novo, para quen tivemos o privilexio de coñecelo, ou e de descubrir, para aqueles que non o coñeceron, a intensidade emocionada dunha voz gravada por sempre nos sucos da amizade, da memoria, da historia da literatura galega. Ouvide os ríos. Que fale o poeta. Ana Romaní

Extracto do libro "Homenaxe a Antón Aviles de Taramancos" pax 7

 

  EDICION A CARGO DO
  BAIXA O LIBRO EN PDF
Homenaxe a Antón Aviles de Taramancos
As nosas voces 19

Ed.Consello da Cultura Galega
Pax. 92 , 297 Kb
Formato:
PDF .Baixa aqui o plugín
  AUDIO EN MP3 PARA BAIXAR
01. Cántico. Elexia
3 min 44 seg| 2. 56 MB
02. "Hei de cantar en silencio"
1 min 02 seg| 730 Kb
05. A Máquina
1 min 56 seg| 1. 33 MB
06. O Obús
3 min 14 seg| 2. 22 MB
07. Pórtico
2 min 41 seg| 1. 84 MB
08. De como Reimundo Patiño se transforma en montaña e nace no seu corazón un río cantareiro
4 min 05 seg| 2. 80 MB
E.01 O son da súa vida, programa radiofónico conducido por Cristina Lombao. Radio Galega, 1989.
31 min 19 seg| 28. 67 MB
E.02 A Viborona, programa conducido por Ana Romaní e Antón Rodríguuez López. RNE. Radio 4, 1988.
16 min 21 seg| 11. 22 MB
Tecnico de Son:Equipo Arquivo Sonoro de Galicia.
Limiar: Ana Romani
Transcrición: Ana Salgado
Revisión Lingüística: Begoña Tajes
Coordinación: Rodrigo Romaní e Cristina Pujales
Xerencia: Antonio Montero

Edita:
© Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar
Praza do Obradoiro
15705 Santiago de Compostela
Tel.: 981 957 202
Fax.:981 588 699
correo@consellodacultura.org

ISBN 84-95415-69-0
D.L. VG 407-2003

Información
Noticias
Eventos
Especiais
Temas do dia
Zona Cultura
Fin de Semana
Axenda
Certames
Biblioteca
Zona Rss
Soportais
LG3 - Literatura
MeGA - Música
AVG - Cine
BD - Banda Deseñada
Interactividade
Lista de desexos
Propostas de temas
Boletins
Enviar actos
Enviar certames

Correo da redacción
Mapa do Sitio
Axuda
Nós
O equipo do portal
Aviso legal
Licenza de uso
 

Consello da Cultura Galega. (www.consellodacultura.org)
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Contacto: Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org
Impossible de se selectionner la base SQL, essayez plus tard