 |
Baseado na obra de Avilés
de Taramancos, homenaxeado coa dedicatoria do día
das Letras Galegas do ano 2003 ós dez anos da
súa morte, Cantos Caucanos e o novo traballo discográfico
e escénico de Rodrigo Romaní.
O poeta noiés, paisano e amigo persoal do músico,
representa o gran nivel acadado pola poesía
galega no século XX pero ademais posúe
unha personalidade que brilla con luz propia na paisaxe
poética galega. Os elementos inconfundibles
desa paisaxe son a música e a cor. A música,
en tanto que a súa poesía ten ritmo e
cadencia, nos remite constantemente a temas musicais.
A cor, porque a obra é froito e víctima
da saudade de ida e volta que provocou en Avilés
a emigración durante vinte anos en Colombia,
onde casou, traballou e tivo os seus tres fillos. Colombia
deixou unha profundísima pegada na obra do escritor,
aportándolle unha especial orixinalidade en
léxico e temática.
Cantos Caucanos, a producción musical, é o
intento de traducción á linguaxe musical
esta dupla direccionalidade propia de Avilés
de Taramancos, a cordilleira dos Andes e a Ría
de Noia, a lírica galega e a paleta de cores
da selva colombiana. Tenta combinar pois diversos elementos
xa presentes no anterior traballo do músico, “Albeida”,
que sorprendeu pola súa novidade e eclecticismo.
Recóllense os poemas máis musicais dos
seus libros “O tempo no espello” “As
torres no ár”, “Cantos Caucanos” e “Ultima
fuxida a Harar”.
O elenco de músicos está formado por excelentes profesionais
de primeira fila con ampla experiencia no mundo do folk e o jazz galego.
A recuperación da voz orixinal do poeta coa
restauración dunha cinta caseira en formato
casete que o propio Avilés gravara en Colombia,
será acompañada no recitado dun dos seus
poemas máis emblemáticos pola Real Filharmonía
de Galicia, dirixida por Maximino Zumalave.
O CD Cantos Caucanos sairá á venta no
mes de Maio coincidindo coas presentacións.
“Cantos Caucanos”sitúase no horizonte
do renacemento do nexo literario-musical, nese punto
onde se entreviran poesía e música, lonxe
da comercialidade, na procura dunha linguaxe nova que ó mesmo
tempo non esqueza os vínculos coa tradición
lirico-musical do noso país.
|