Documentos>Reportaxe>Xofre: 23 anos despois

Descarga o PDF coa reportaxe ampliada e o facsímil de "Xofre" aquí (13 Mb)

Precisas do Acrobat Reader para lelo.Podes descargalo de balde aquí

Colaboradores

Un dos colaboradores de "Xofre", Ricardo Lázaro, tamén desenvolveu unha carreira na banda deseñada no noso país. Lázaro chegou a "Xofre" con vinteseis anos desde "Vagalume", onde realizaba a serie "As aventuras de Alistarco Polo". Segundo Fran Jaraba "daquela Ricardo Lázaro era Deus para nós, alguén que publicaba nunha revista." En 1982 coincide con este autor e con Xan López Domínguez na exposición e no álbum colectivo "Coordenadas".En 1989 participou en "Cine e historieta galega" e, ó igual que os seus compañeiros de "Xofre" aparece referenciado en "O cómic en Galicia", obra publicada pola Deputación da Coruña en 1993.

En Xofre colaborou tamén outro mozo, Suso T. que tamén asinaba co pseudónimo de Alvarito antes de dedicarse plenamente á literatura e chegar a ser coñecido coma Suso de Toro. Curiosamente, Suso de Toro continuou realizando esporádicamente obras de banda deseñada e ilustración polo menos ata 1982, cando está rexistrada a súa participación na mostra e no álbum "Coordenadas".

Xofre: 23 anos despois
Cando Miguelanxo Prado facía fanzines

Xermán Hermida

O 17 de maio de 1979 saía a rúa un curioso experimento de autoedición. Unha publicación de tamaño comic-book, grampada, cunha portada a dúas tintas na que se pode ver un guerreiro facendo garda. Na contraportada, unha envellecida Marilyn anúncianos un perfume coñecido coma "Cheirel nº5". No interior os traballos de tres debuxantes moi novos que editan o invento e dalgúns colaboradores. A temática fantástica, grandes doses de humor e unha abondosa crítica social (con especiais referencias ós problemas nucleares) enchoupan as páxinas. Miguel Ángel Prado, Xan Carlos López Domínguez e Fran Jaraba, todos eles roldando os 21 anos, iniciaban co "Xofre: Historieta galega" unhas carreiras que farían historia na banda deseñada e na ilustración.

O comezo
Todo comezou cando Xan López Domínguez e Fran Jaraba se coñeceron mentres o segundo vendía debuxos pola rúa no outono de 1978. A coincidencia de gustos sobre banda deseñada e un café foron suficientes para decidir botar a andar unha publicación pioneira na banda deseñada galega. Jaraba decidiu avisar a un excompañeiro de Arquitectura, Miguelanxo Prado, daquela na Coruña aínda a estudiar e que compartía a afección pola novena arte.

Xa no propio texto de presentación da publicación explícanse as razóns polas que esta saíu á rúa nun intre no que a banda deseñada no noso país reducíase ós traballos que se publicaban na revista infantil "Vagalume". Segundo ese texto, "érase unha vez un grupo que amigos que tiñan, entre outras, a insana e incurable manía de dibuxar historietas" aos que lles deu "por non parar hasta que viran os seus garabatos en tinta de imprenta, co fin de mortificar cas súas paridas a meirande parte posible de xente" (humildade non lles faltaba). A presentación da revista non esquece un repaso das eternas cuestións que acompañan a calquera fanzine feito en Galicia: a ausencia de publicacións de banda deseñada no país, de ónde sacar os cartos, ónde atopar colaboradores...

Os tres autores presentaron a revista coma "Publicación do colectivo Xofre" , composto por eles mesmos, sen ningún recoñecemento legal e cuns estatutos e réxime interno acordados entre os debuxantes. O nome ocorréuselle a Fran Jaraba, lembrando a moda de títulos -"esotéricos", sinala Xan López Domínguez- que daquela tiñan as principais publicacións da época ("Metal Hurlant", "Tótem"...). Ademais, soaba ben, e daquela non moita xente coñecía o seu significado.

O proceso
Para financiar un proxecto que a día de hoxe os seus promotores califican de "heroico", os intrépidos autoeditores decidiron facer pegatinas e vendelas. Logo de reunir suficientes cartos para pagar a entrada da imprenta acordouse ir pagando o resto segundo se fose vendendo a publicación. Jaraba e López Domínguez decidiron que o 17 de maio, Día das Letras Galegas, sería o día da presentación pública. Sen embargo, a última hora, o dono da imprenta dixo que non daba tempo, e os dous autores pasaron unha noite grampando exemplares no propio local para cumprir os prazos.

A tirada foi, segundo Xan López Domínguez, de mil cincocentos exemplares, dos que case a metade vendéronse na rúa o Día das Letras. Os demais fóronse vendendo, aínda que con escaso éxito, en diferentes locais da cidade que se publicitaban na revista..

De calquera xeito a repercusión do invento non foi moi grande, e mesmo recibiron críticas negativas desde algunha publicación nacionalista que os acusaba de "españoleiros" e de imitadores do estilo francés en lugar de continuar na liña dos pioneiros da banda deseñada galega. Segundo os propios editores, déronse pagado setenta das oitenta mil pesetas que custou a edición. Os editores coinciden en sinalar que as dez mil restantes danas por pagadas coa noite pasada a grampar na imprenta.

A imposibilidade de continuar o proxecto debeuse á disolución do colectivo Xofre. Fran Jaraba decidiu voltar á Coruña a continuar arquitectura xusto cando Miguelanxo Prado marchaba facer a mili e Xan López seguía en Compostela o que deixou sen contacto os tres autores para un hipotético segundo número da revista.

As carreiras
Logo da fallida experiencia de "Xofre", ningún dos membros do colectivo cesou a súa actividade. A comezos dos oitenta xa vemos a Miguelanxo Prado realizando a serie "Os
compañeiros" para "La Voz de Galicia" compaxinando esta actividade coa seu traballo no "Zero Comics" de Barcelona. Pouco despois comezaría a publicar profesionalmente nas distintas revistas do grupo Toutain iniciando unha exitosa carreira xa por todos coñecida e coa que acadaría fama internacional. Unha fama que non o fixo esquecerse da promoción da banda deseñada no país. Así, nos últimos vinte anos Prado estivo apoiando todo tipo de iniciativas que se desenvolveron no país a prol da novena arte: Desde realizar portadas para publicacións a encargarse en 1998 da dirección da fallida "Elipse", unha revista que ía ser semestral e que pretendía facer banda deseñada en galego con financiamento público. A pesar deste fracaso, Prado continuou o seu traballo no país encargándose da organización de "Viñetas desde o Atlántico" na Coruña ou facendo a postal que se regalou co número dous de "BD Banda" no 2001.

Pola súa banda, Fran Jaraba e Xan López Domínguez fanse no mesmo 1979 co primeiro e segundo premio no certame de banda deseñada que organizou a asociación "O facho" (pioneiro no país). Foi na exposición correspondente a este certame cando contactou con eles a editorial Anaya, onde iniciarían a súa carreira na ilustración infantil e xuvenil.
Tres anos despois atopámolos na exposición "Coordenadas" e no número especial que a revista do mesmo nome dedicou á banda deseñada. Tamén en 1982 Xan López Domínguez volta ó terreo da autoedición participando no fanzine "El patito feo". Os dous autores voltan coincidir colaborando entre 1983 e 1984 na revista satírica "Can sen dono". A partir deste intre as carreiras de ámbolos debuxantes vanse centrando na ilustración para literatura infantil e xuvenil.

En 1988 Fran Jaraba volta á banda deseñada para facer "A volta a Galicia en corenta pontes e medio", un álbum financiado por Autopistas del Atlántico. Un ano despois volta coincidir con Xan López Domínguez na obra colectiva "Cine e historieta galega", editada con ocasión da xornadas de cine Xociviga. En 1990 publican senllos traballos no especial que "A Nosa Terra" dedicou á novena arte o Día das Letra baixo o título "A banda do 17" e coinciden na mostra que o colectivo cultural Xiria realizou en Cangas con motivo da I Semana de Banda Deseñada desta localidade.

No eido da ilustración Xan López Domínguez ten acadado recoñecementos internacionais coma o premio UNICEF, unha placa na bienal de ilustración de Bratislava, a inclusión na Lista de Honor do IBBY en 1992, o premio Malba Tahán da Fundação Nacional do Livro Infantil e Juvenil do Brasil en 1994 ou a honra de ser seleccionado para a Feira do Libro
Infantil de Boloña en numerosas ocasións.
No ano 2000, e con ocasión da saída ó mercado do número seis de "Golfiño" debuxou "Escaqueo", un experimento narrativo no que se mesturaban a banda deseñada e ilustración. Na mesma liña publicou no 2001 a historia muda "Un paseo polo parque" no primeiro número de "BD Banda". Segundo el mesmo sinala, como planificar páxinas fáiselle aburrido, o que fai é debuxar esceas e ir probando diferentes combinacións das mesmas no computador. Na actualidade conta con máis de trescentos libros ilustrados editados en todo o mundo entre outros innumerables traballos

Pola súa banda, Fran Jaraba realizou tamén abondosos traballos de ilustración, compaxinándoos co seu traballo coma profesor e acadando diversos recoñecementos. En 1989 fíxose co premio "Curuxa gráfica" de Fene e en 1990 acadou o Premio Lazarillo do Ministerio de Cultura polo seu traballo nos "Contos por palabras" de Agustín Fernández Paz. No ano 2000 voltou á banda deseñada co álbum "Cita na Habana", editado por Xerais en galego e en castelán logo dun traballo de máis de dous anos. Tamén colaborou con "Golfiño" realizando varias ilustracións.

Proxectos
Miguelanxo Prado atópase logo dunha longa época sen facer banda deseñada, embarcado simultaneamente en varios proxectos. Por unha banda está a realizar a versión en banda deseñada da serie de animación "Os vixilantes do Camiño" que comezará a publicar en breve a revista "Golfiño" e a rematar a ilustración dunha obra sobre a cidade de Porto Alegre para o Colexio de Arquitectos de Galicia.
Ademais, atópase debuxando unha historia de vinte páxinas con guión de Neil Gaiman sobre un dos Eternos creados por este afamado guionista. Tamén está a traballar nun álbum con guión de Pierre Christin que verá a luz dentro da colección "Les correspondences" da editorial francesa Dargaud, e noutro máis totalmente feito por el que publicará a editora Albin Michel. Por se fose pouco, non abandona o proxecto de publicar o material co que ía saír o segundo número de "Elipse".

Fran Jaraba está actualmente a rematar os debuxos da segunda parte de "Cita na Habana", que previsiblemente editará Xerais cara o 2003. A historia continúa as aventuras de Maxi Torres, e comeza cando é detido por desertor e vese ameazado co fusilamento. O autor promete máis acción e menos documentación nesta segunda entrega.

Pola súa banda, Xan López Domínguez continúa o seu labor coma ilustrador fundamentalmente para obras de literatura infantil e xuvenil, xénero no que está a explorar novos estilos. Ademais está a realizar a súa primeira experiencia profesional en animación realizando o guión e o deseño de personaxes para o episodio piloto dunha posible serie.


Descarga o PDF coa reportaxe ampliada e o facsímil de "Xofre" aquí (13 Mb)

Precisas do Acrobat Reader para lelo.Podes descargalo de balde aquí

   




 

 

Cultura Galega.org
Especiais / Arte / Comunicación / Música / Espectáculos / Historia / Lingua e Literatura / Sociedade /
Certames / Arquivos / Participa / Xénese / Alén da Terra / Zona Cultura / Colaboracións
Correo / Acerca de Cultura Galega.org


Cultura Galega.org é unha iniciativa do Consello da Cultura Galega
©Consello da Cultura Galega, 2000