Warning: reset() expects parameter 1 to be array, null given in /var/www/html/cultura/html/especiais/banda/noticias.php on line 144 Warning: Variable passed to each() is not an array or object in /var/www/html/cultura/html/especiais/banda/noticias.php on line 145 Noticias e reportaxes - Banda Deseñada- Culturagalega.org


culturagalega.org Consello da Cultura Galega

 
Novas de actualidade
2009-12-16 00:00:00
Dispoñible na rede un manual práctico sobre a banda deseñada
¿Que é unha banda deseñada? ¿Cales son as diferenzas entre o cómic estadounidense, o manga xaponés e a BD Franco-belga? As respostas a estas e outras consultas están no Manual de emerxencia de banda deseñada. Unha publicación de 48 páxinas que reparte o seu contido en catro seccións: estudo de mercado, proceso de creación, recursos gráficos e materiais. Un manual didáctico e de libre distribución creado por Gochi, que se usará na campaña de obradoiros 2010 que desenvolverá a Asociación Cerditos de Guinea.
2009-08-14 00:00:00
Viñetas desde o Atlántico 2009 entra na recta final con charlas e dedicatorias
Hoxe no festival de cómic brigantino o premio nacional de cómic Paco Roca falará para o público entre as 18:15 e as 19:30, no segundo andar do céntrico Kiosco Alfonso. Despois tocaralle quenda á inglesa Posy Simmonds, que presentará o seu "Tamara Drew" recén publicado en castelán. Será das 19:45 ás 21:00 horas. Mais non remata aí a actividade.
2009-08-12 00:00:00
Miguelanxo Prado rematará en 2011 Ardalén, o seu novo traballo
Nunha entrevista en El País a propósito do arranque de Viñetas desde o Atlántico, Miguelanxo Prado adianta datos da banda deseñada que está a realizar. Titularase Ardalén, terá formato de novela gráfica e unha extensión 170 páxinas, das que leva feitas 16. O autor coruñés conta con acabar esta historia arredor da memoria persoal dentro de dous anos. No entanto, os diversos medios de comunicación do país e do Estado continúan a seguir o desenvolvemento do festival de BD da Coruña.
2009-08-11 00:00:00
Glenat vai editar nun volume a triloxía de Cita na Habana de Fran Jaraba
A filial española da editorial francesa Glenat publicará en breve a triloxía Cita na Habana de Fran Jaraba, nun único volume baixo o título De sangre y ron. Mi Cuba. Deste xeito, péchanse as negociacións que o autor estivo mantendo coa editorial desde o Salón do Cómic de Barcelona. A obra, de coidada ambientación histórica, conta a historia dun soldado que se enrola no exército por unha cuestión de namoramento. Cita na Habana fora editada en galego no seu momento por Xerais. A nova edición de Glénat non conterá material inédito propiamente dito, mais Jaraba retocou algunhas páxinas da obra e redebuxou e deu cor de novo a outras. Ademais o volume levará textos explicativos da Guerra de Cuba e comentarios do autor. Agárdase que De sangre y ron saia publicado para finais de ano, probablemente como novidade de luxo para o Nadal, en palabras do coordenador editorial Hernán Migoya.
2009-08-07 00:00:00
Catrocentos mil euros para a versión en cine de Engurras
O premio nacional de cómic Arrugas do valencián Paco Roca vai ter versión cinematográfica con participación galega na produción. Por este proxecto de Perro Verde Films S.L., a Axencia Galega das Industrias Culturais ven de concederlle á empresa 400.000 euros, o importe máis alto dos outorgados. As subvencións desta convocatoria da Xunta de Galicia están destinadas para "producións ou coproducións audiovisuais en lingua galega con decidido contido artístico e cultural". Concedéronse tamén cincuenta mil euros a A muller do Eternauta, documental sobre a viúva do desaparecido debuxante Héctor Oesterheld. Non é a primeira vez que esta produción de Frida Films acada unha axuda pública, xa que para o seu desenvolvemento se lle deron o ano pasado máis de trece mil euros. Nos últimos tempos foron varios os proxectos vencellados dalgún xeito coa BD que obtiveron cartos públicos do sector audiovisual. En 2008 destináronse 15.000 euros ao desenvolvemento do guión da adaptación animada do álbum Psiconautas de Alberto Vázquez. A través da convocatoria de produción, o documental de TV Siete sobre autores de BD Na procura da besta recibiu 35.000 € en 2007. Na mesma quenda Estigmas, adaptación da novela gráfica de Piersanti e Mattotti coproducida pola coruñesa IB Cinema, ingresou 90.000 euros. Mesmo se ten dado o caso de guións subvencionados que acabaron sendo BD en vez de película, como A conta atrás, con 11.000 euros en 2006.
2009-08-03 00:00:00
Álex Cal e Álvaro López ultiman a publicación de novos cómics
O debuxante vigués Álex Cal, convidado á edición deste ano de Viñetas desde o Atlántico, asina un novo título de acción para o mercado americano. Trátase de G.I.Joe Origins nº7, con guións de Chuck Dixon. Verá a luz o vindeiro mes de setembro baixo a editorial IDW. Prevese que ao longo dos próximos meses saian ata catro cómics máis da franquía bélica debuxados polo ilustrador galego.
Máis axiña estará á disposición dos lectores o novo título de Álvaro López. O deseñador coruñés compila neste seu novo Habitación 13 os capítulos que viñera publicando na revista Barsowia. Ademais do prólogo que saira en 2006 no tomo Barsowia en Llamas, a publicación de 36 páxinas recollerá un epílogo inédito e levará unha chapa de agasallo. Estará á venda en Viñetas desde o Atlántico a partir do 10 de agosto.
2009-07-30 00:00:00
Selos galegos apostan pola BD francobelga
Obras orixinarias do mercado europeo francófono serán editadas en galego co gallo de Viñetas desde o Atlántico. A editorial pontevedresa Faktoría K publica Como facer un cómic, un álbum no que Lewis Trondheim e Sergio García explican as claves narrativas da banda deseñada. Sairá tanto en castelán como en galego. No entanto, a coruñesa Cerditos de Guinea distribuirá os primeiros tomos de senllas coleccións europeas: Os Cinco Loitadores, sobre un quinteto de enmascarados que practican a loita libre, e mais Gárgolas, coas aventuras máxicas dun rapaz. Noutra orde de cousas, Edicións do Cumio prepara o cuarto volume da serie xaponesa Bícame Profe, mais non estará preparado para Viñetas desde o Atlántico e sairá en setembro.
2009-07-30 00:00:00
Maioría de autores españois nesta edición de Viñetas desde o Atlántico
Faltan menos de dúas semanas para que comece Viñetas desde o Atlántico, o salón da banda deseñada coruñés, e a organización deu a coñecer onte os nomes dos convidados desta ocasión. Un encontro que contará coa presenza de moitos autores do Estado, entre os que se atopa o premio nacional de Cómic, Paco Roca, xunto ao veterán Pasqual Ferry, Enrique V. Vegas e Jose Fonollosa. Canda eles, o cómic europeo estará representado por dous clásicos, o francés André Juillard e o italiano Vittorino Giardino, e mais a exitosa autora inglesa Posy Simmonds. Nesta edición a organización destaca a atención que lle prestará ao cómic americano do século XX. Nesta liña contará coa presencia de Scott McCloud, máis coñecido como ensaísta de banda deseñada. Con el estarán os galegos Álex Cal e Emma Ríos que nestes momentos está a traballar para o mercado americano. Completa esta aproximación unha exposición comisariada por Jaume Vaquer que percorre a historia do cómic book dos EEUU.

Consello da Cultura Galega. (www.consellodacultura.org)
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Contacto: Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org
Warning: include(../../sistema/estadisticas/write_logs.php): failed to open stream: No such file or directory in /var/www/html/cultura/html/especiais/banda/noticias.php on line 334 Warning: include(): Failed opening '../../sistema/estadisticas/write_logs.php' for inclusion (include_path='.:/usr/share/pear:/usr/share/php') in /var/www/html/cultura/html/especiais/banda/noticias.php on line 334