PRESENTACIÓN    

 
  Escoita e compara os relatos orixinais de Castelao coa versión dos contacontos:



Descarga aquí o MP3 dos relatos narrados por Avelino González (8,71 Mbs)
 

O Gran Camanduleiro

Unha vez chegou

Cousas da vida: nenos




  O Gran Camanduleiro


Escoita aquí este relato en Real Audio
  O gran camanduleiro non tiña máis vicio que o de xogar á lotería, e sempre mandaba un realiño de participación ó asilo de probes. Os probes teñen moito valimento no Ceo e ¡quen sabe!, porque lle tocase ós pobres podíalle tocar a el. E unha vez tocoulle, e a súa riqueza medrou moito. Pero tiña un fillo...

Por fóra semellábase ós cambistas que pintou Roymerswael e por dentro tamén. Tiña unha “tenda de diñeiro” e cando se achegaba unha víctima collían os seus beizos un aquel de ledicia, coma se lle rañasen os proídos do lombo; pero na súa faciana endexamais se pousou a risa limpa dos homes de ben. Era millonario e ruín o gran camanduleiro, e tiña tanta xente collida nos seus papeles que ademais de noxo daba medo. Pero tiña un fillo...

O fillo do gran camanduleiro foi o vingador das víctimas do pai. O diñeiro que o vello arrapañara con tanta pacencia foi gastado ledamente polo fillo en tódolos vicios do mundo.

O vello, eivado, morríase de carraxe ollando como o fillo desfacía a súa obra, e un día díxolle:

-Hei de amolarte, que has de ir ó servicio, porque eu non te libro.

E o fillo respondeulle:

-Bo, bo, bo. Eu hei de librar por fillo de viuda probe.

E así foi.


  Unha vez chegou


Escoita aquí este relato en Real Audio
  Unha vez chegou de fóra un maxistrado e axiña de chegar apañou a súa derradeira enfermedade. Era fidalgo de pergameos e quixo morrer valentemente, con tódalas formalidás do caso. O maxistrado "fixo e ordenou e declarou seu testamento e súa manda e súa postrimeira vountade, de xeito que dispois de morrer non podesen xurdir contendas sobre seus bens. Era un agudo letrado e cos poucos folgos que lle restaban impuxo á súa dona en curtas iñormas para libertarse das leises contributivas... Dispois aproveitou o derradeiro alento nun consello de home asisado.

- Eu ben quixera repousar cabo dos meus antergos, no noso panteón; ¿pero custaría tanto diñeiro!...Non; mellor é que me enterren eiquí. Dispois... ¿sabes?, dispois podes falar co enterrador, en pasando algún tempo, e por cinco ou dez pesos xa me levas alá.

O entendemento do maxistrado foi embazándose pouco a pouco e morreu docemente.
Certa mañán chegou ó cimenterio unha señora enloitada e falou co enterrador e dispois dun pequeno regateo o enterrador díxolle de remate:

-Non teña coidado, señora. Esta noite veñen co automóbil e xa terei eu todo ben arrombadiño nunha caixa.

O enterrador é un home ruín, mestura de verdugo e de sancristán. Ten cara de chino vello e como está no segredo de moitas cousas fíxose descreído, perguiceiro, bulrón.
Aquela noite dous criados da señora enloitada recolleron de mans do enterrador unha caixa chea de ósos e con verdadeiro agarimo foron levados a un panteón lonxano.
Ai, a viuda do maxistrado coidaba levar os restos do seu home e o que levou foron os ósos dun probe carabineiro estremeño.

Cousas do enterrador.


  Cousas da vida: nenos


Escoita aquí este relato en Real Audio
 

 

Cultura Galega.org
Especiais / Arte / Comunicación / Música / Espectáculos / Historia / Lingua e Literatura / Sociedade /
Certames / Arquivos / Participa / Xénese / Alén da Terra / Zona Cultura / Colaboracións
Correo / Acerca de Cultura Galega.org


Cultura Galega.org é unha iniciativa do Consello da Cultura Galega
©Consello da Cultura Galega, 2000




Software MP3 - Winamp

Descárgao

Para descomprimir os arquivos - Winzip

Descárgao

Para escoitar os contos rápidamente




Descárgao