PRESENTACIÓN    

 
  Escoita e compara os relatos orixinais de Castelao coa versión dos contacontos:



Descarga aquí o MP3 dos relatos narrados por Cándido Pazó (14,27 Mbs)
 

O Retrato

Manter un animal para comelo



  O Retrato


Escoita aquí este relato en Real Audio
  Por amaina-la concencia guindei co meu tiduo de médico no fondo dunha gabeta, e busquei outra maneira de me valer. As xentes xa non sabían que eu era dono de tan tremenda licencia oficial, mais unha noite foron requerído-los meus servizos.
Era domingo. Melchor, o taberneiro, agardaba por min ó pé da porta. Doume as “boas noites” e rompeu a chorar, e por antre os saloucos saíanlle as verbas tan estruchadas que somentes logrou decirme que tiña un fillo a morrer.
O probe pai turraba por min, i eu deixábame levar, enfeitizado pola súa door. Dispois de todo eu era médico tiduado e non podía negarme! E tiven tan fortes anceios de complacelo que sentín xurdir nos meus adentros unha gran cencia...

Cando chegamos á casa de Melchor logrei arriarme das súas mans, e con finxido acoitamento confeseille que sabía pouco da carreira...

-Repara que fai moitos anos que non visito enfermos.

I entón Melchor, facendo un esforozo, díxome quedamente:

-O meu fillo xa non precisa de médicos. Eu xa sei que o coitado non pasa da noite. E váiseme, señor; váiseme e non teño ningún retrato seu!
Ai, eu non fora chamado como médico; eu fora chamado como retratista, e no intre sentín ganas acedas de botarme a rir.
E por verme ceibe de xeira tan macabra díxenlle que unha fotografía era mellor que un deseño, asegureille que de noite poden facerse fotografías, e botando man de moitos razonamentos logrei que Melchor largase de min a cata dun fotógrafo.
A cousa quedaba arrombada, e funme durmir con mil ideas ensarilladas na chola.
Cando estaba prendendo no sono petaron na miña porta. Era Melchor.

-¡Os fotógrafos din que non teñen magnesio!

E díxome tremendo de anguria. A face albeira, e os ollos coma dous tetos de carne vermella de tanto chorar.
Endexamais fitei a un home tan desfeito pola door.
Pregaba, pregaba, e collíame as mans, e turraba por min, e o malpocado decía cousas que me rachaban as entranas:

-Considérese, señor. Dous riscos de vostede nun papel e xa poderei ollar sempre a cariña do meu neno. ¡Non me deixe na escuridade, señor!

¡Quen tería corazón para negarse! Collín papel e lápiz e alá me fun con Melchor, disposto a facer un retrato do rapaz moribundo.
Todo estaba quedo e todo estaba calado. Unha luz cansa alumeaba, en amarelo, dúas facianas arrepiantes que ventaban a morte. O neno era o centro daquela probeza da materia.
Sen decir ren senteime a dibuxa-lo que ollaban os meus ollos de terra, e somentes ó cabo de algún tempo conseguín afacerme ó drama que fitaba e aínda esquecelo un pouco, para poder traballar afervoado, coma un artista. E cando o deseño estaba xa no seu punto a voz de Melchor, agrandada por tanto silenzo, fireume con estas verbas:

-Pola i-alma dos seus difuntos, non mo retrate así. Non lle poña esa cara tan encoveirada e tan triste!

Confeso que ó volver á realidade non soupen que facer, e púxenme a repasa-las liñas xa feitas do retrato. O silenzo foi esgazado novamente por Melchor:

-Vostede ben sabe como era o meu rapaciño. Faga memoria, señor, e dibúxemo rindo.

De súpeto nasceume unha gran idea. Rachei o traballo, ensumín o meu ollar nun novo papel branco e dibuxei un neno imaxinario. Inventei un neno moi bonito, moi bonito: un anxo de retablo barroco, a sorrir.
Entreguei o dibuxo e saín fuxindo, e no intre de poñe-lo pé na rúa sentín que choraban dentro da casa. A morte viñera.
Agora Melchor consólase ollando a miña obra, que está pendurada enriba da cómoda, e sempre di coa mellor fe do mundo:

-Tiven moitos fillos, pero o máis bonito de todos foi o que me morreu. Velaí está o retrato que non minte.


  Manter un animal para comelo


Escoita aquí este relato en Real Audio
  Manter un animal para comelo non está ben, aínda que troquémo-la súa carne na nosa propia carne; pero manter con agarimo un animal para levalo dispois á feira, paréceme unha mostra da ruindade humán.
!Un día de feira! Diñeiro, xuramentos falsos, meter burro por cabalo, comidas con pimento, pan reseso, viño cativo, tabernas acuguladas....A leda bullanga das feiras é tan mintireira como son as carantoñas do antroido, pois debaixo da ledicia hai tristura nos que venden e medo nos que mercan. O día de feira todos van de raposos e ninguén leva o corazón no peito, porque todos coidan que a xente de ben perde diñeiro nos tratos.
O chorar dos cabirtos, que se laian coma fidalguiños esmirriados, pode feri-lo peito dun home endeble; o noxento carpir dos porcos, que berran por calquera cousa abrouxa os nosos ouvidos e desfai toda compasión. Pola rúa van pasando, no remate da feira, os regueiros da dor animal; pero nas feiras hai algo máis.
Os homes andan ó seu e non reparan na outra dor, na dor humán que sinten os animais de Deus. As probes vacas endoudecidas que chaman polos fillos, os probes puchos que van ó matadeiro chamando polas nais...
Eu quero que todos seipan iste conto:

Unha vez había dous bois que xa eran moi velliños e que traballaran xuntos toda a súa vida. O amo vendeunos para matar e tiveron que arredarse para sempre... E din que no intre da despedida díxolle un ó outro:

- Adeus, meu compañeiro, e deica a feira de Soutomaor. (Na feira de Soutomaor había mercado de coiros.)

 

Cultura Galega.org
Especiais / Arte / Comunicación / Música / Espectáculos / Historia / Lingua e Literatura / Sociedade /
Certames / Arquivos / Participa / Xénese / Alén da Terra / Zona Cultura / Colaboracións
Correo / Acerca de Cultura Galega.org


Cultura Galega.org é unha iniciativa do Consello da Cultura Galega
©Consello da Cultura Galega, 2000




Software MP3 - Winamp

Descárgao

Para descomprimir os arquivos - Winzip

Descárgao

Para escoitar os contos rápidamente




Descárgao