|

|
|

 |
|
Escoita e compara os relatos orixinais
de Castelao coa versión dos contacontos:
|
| |
|
Na noite da derradeira novena de difuntos |

Escoita aquí
este relato en Real Audio
|
|
Na noite da derradeira novena de difuntos a eirexa estaba inzada
de medos.
En cada vela [e]scentilaba unha ánima e as ánimas
que non cabían nas velas acesas acochábanse nos currunchos
sombrizos e dende alí fitaban os rapaces e facíanlles
carantoñas.
Cada luz que o sancristán mataba era unha ánima acesa
que se desfacía en fíos de fume e todos sentíamo-lo
bafo das ánimas en cada vela que morría.
Dende entón o cheiro da cera traime a lembranza dos medos
daquela noite.
O abade cantaba o responso diante dunha caixa chea de ósos
e no intre de fina-lo paternóster daba comenzo
o pranto.
Catro homes adiantábanse apartando mulleres enlouquecidas
de door e cunha man erguían o ataúde e coa outra empuñaban
unha facha.
A procesión tiña remate no osario do adro. Os catro
homes levaban o ataúde pendurado a rentes do chan e a facha
deitada pingando cera por riba dos ósos. Detrás seguía
o enxamio de mulleres ceibando laídos abrouxadores, moito
máis arrepiantes que os do pranto nun enterro de afogados.
E se as mulleres carpían, os homes esbagullaban calados.
Naquela procesión todos tiñan por quen chorar e todos
choraban.
E aínda choraba Baltasara, unha rapaza criada pola caridá
de todos que aparecera dentro dun queipo, a carón dun cruceiro,
que non tiña pai nin nai nin por quen chorar; mais ela foi
collida polo andacio do pranto e tamén se desfacía
carpindo con tódolos folgos.
Camiño das casas unha veciña inquireu da rapaza:
-¿Por quen chorabas, Baltasara?
I ela dixo, saloucando:
-¿O non ter por quen chorar parécelle pequena desgracia,
señora?
|

Escoita aquí
este relato en Real Audio
|
|
I.- Cando eu era rapaz
chegou Ramón Carballo; viña con chaqueta de tarazona
forrada de baeta vermella e unha gorra con visera de carei, como veñen
os que van a navegar. Tamén traía o peito tatuado, que
ben lle mirei eu un paxaro cunha carta no peteiro e o seu nome debaixo.
Lémbrome que Ramón Carballo foi a Bos Aires e volveu
sen cartos. Logo foi á Habana e non trouxo diñeiro.
Despois foi a New York e volveu tan probe como fora. Ramón
Carballo aínda foi a non se sabe ónde e non volveu
máis.
II.-Eiquí compría escribir unha novela; pero
eu son home de ben e non debo conta-lo que non sei. Pero novela
haina.
III.- M. Lavalet gana o seu pan vendendo restos humáns.
M. Lavalet é un home arrepiante: ollos roxos de vidro, cabelos
mortos de peluca vella, regos secos de suor luxado na testa, friaxe
de éter nas mans e nos beizos a sustancia de moitos venenos.
Iste home vive no terceiro piso dunha rúa estreita de París.
Un día chamei cos cotelos á porta i entrei... Unha
sala chea de ósos humáns, algúns aínda
frescos, compoñía o comercio para médicos.
Na sala de curiosités, para cosmopolitas, había
moitas cousas: un feto momificado ollándose o embigo, unha
caveira de gorila coa súa cresta de casco guerreiro, a pelexa
da cabeza dun chino para sere colocada nunha armadura de escaiola.
Cando M. Lavalet soupo que eu era pintor amostroume unha gran coleición
de coiros humáns tatuados e curtidos para facer petacas,
carteiras...
Un dos coiros era do peito dun home, representando un paxaro cunha
carta no peteiro e debaixo do deseño campaba iste nome: Ramón
Carballo.
|

Escoita aquí
este relato en Real Audio
|
|
Dende a fiestra da torre a
condesiña ten os seus ollos chorosos enfiados na derradeira
revolta do camiño, por onde un día fuxen a súa
ledicia de namorada. Co verme dos ciumes rillándolle o corazón,
a condesiña vai morrendo pouquiño a pouco na fiesta
da torre.
E pasan días e meses e anos, esculcando no camiño a
volta do seu amor. E nun serán de pensamentos velaíños,
relembrando aquel bico que se deron a furto, a condesiña belida
morreuse de amor.
Velaí como contan as xentes a morte da namorada.
Este sartego encerra dende hai centos de anos as cinzas da malfadada
condesiña, e a lenda que se conta de vellos a mozos colleu
pulo sentimental no moimento de pedra, hucha misteriosa para tódolos
espíritos románticos.
Unha vez foi aberto polos "intelectuales" da vila e dentro
atoparon ósos, retrincos de lenzo, po e...carabuñas
de cereixas para encher dúas cuncas.
Por certo que o médico, home de moitos anteollos e de moita
caspa na chaqueta, díxolle ó boticario:
-A condesiña do que morreu foi dunha enchente de cereixas....
Hai homes que non saben calar.
|

Escoita aquí
este relato en Real Audio
|
|
O señor Andrés,
disque foi "cabo de banderas" no servicio do rei, sinte
un amor desasisado por tódolos panos de coores que flamean
ó vento na punta dun pau. Eu xúrovos que a idea de patria
non xoga no seu amor ás bandeiras, pois eu vin moitas veces
asolagados en bágoas os ollos do señor Andrés,
cando arriaban a insinia de barcos estranxeiros, ingleses, alemáns,
rusos... Nos días de festa o señor Andrés quédase
aparvado no peirán, a estremecer de arrufío diante dos
barcos engalanados. Unha bandeira de calisquera nación ou de
calisquera matrícula é a suprema ledicia do señor
Andrés de moitas bandeiriñas de coores enfiadas nunha
corda son a mellor regalía dos seus ollos vellos.
O señor Andrés tolea polos panos fermosos e na súa
casa hai colchas antergas que saen á fiestra nos días
de procesión. Son as insinias da cas que relocen ó sol
pra fachenda do dono. Unha vez un can esgazoulle unha colcha e o señor
Andrés chorou bágoas, como peras urracas.
O señor Andrés, como xa e velliño e foi ó
servicio do rei, conta mentiras que fan rir ós mozos. Son mentiras
en que sempre aparecen bandeiras, panos, lenzos...
-Unha vez o rei embarcou no noso barco para facer unha viaxe e
díxome o capitán, que me quería moito: "Andrés:
tes que ir deseguida a terra e mercar cachos de seda, raso... do
mellor que atopes nas tendas". E merquei unha fartura de retales
que valían más de mil reas.
-¿E para quen eran, señor Andrés? - pergunteille
eu.
E o señor Andrés mideume cos ollos e díxome
con desprezo:
-!Parece mentira que sexas home de letras! ¿E logo ti pensas
que o rei limpa o "aquel" con un papel?
|
|
Cultura
Galega.org
Especiais / Arte
/ Comunicación
/ Música / Espectáculos
/ Historia / Lingua
e Literatura / Sociedade
/
Certames / Arquivos
/ Participa / Xénese
/ Alén da Terra / Zona
Cultura / Colaboracións
Correo / Acerca
de Cultura Galega.org
Cultura Galega.org é unha iniciativa do Consello da Cultura
Galega
©Consello da Cultura
Galega, 2000
|
|