|
Na Praza da
Catedral de Mondoñedo hai unha estatua en metal dun home sentado,
en actitude relaxada, observando o monumento medieval. É Álvaro
Cunqueiro, un dos máis coñecidos autores da literatura galega
e clave para comprender a súa evolución neste século.
Poeta, narrador, xornalista e mesmo ensaísta, Cunqueiro é
coñecido por unha filosofía vital de home conversador, de
verba e risa fácil, contador de historias e de fantasía
desbordante. Agora cúmprense
20 anos do seu pasamento.
Benvidos
e benvidas ó mundo de Cunqueiro. Culturagalega.org ofréceche
manuscritos de poemas e escritos del en galego e catalán, xunto
con fragmentos da súa visión do mundo.
Álvaro
Cunqueiro naceu en Mondoñedo, no ano 1911. Entre
a galería de peculiares personaxes da cidade e as
sotanas dos vellos cregos da cidade luguesa, Cunqueiro comenzaría
a súa vocación literaria. De alí pasaría a
Santiago de Compostela, onde estudiaría Filosofía e Letras.
A carreira non semellou interesarlle moito, porque pronto mudaríase
ós cuarteis do xornalismo. Comezou como colaborador dun dos principais
xornais galegos da época, El Pueblo Gallego, para pasar logo a
ABC, La Noche e Faro de Vigo, do que sería director.
A poesía como inicio
Os
seus inicios na literatura viñeron dados pola poesía. Antes
da Guerra Civil, o creador de Mondoñedo xa tiña publicados
tres libros de poemas en galego, obras intensas como Mar ao Norde (Santiago,
1932), Poemas do si e do non
(Lugo, 1933) e Cantiga nova que se chama ribeira
(Santiago, 1933), inspirado este último no estilo, nas formas e
nos temas dos trobadores da Galicia medieval, dentro dun estilo que se
chamou neotrobadorismo.
Despois
da Guerra Civil, coma sempre, a vida dos autores galegos vai dar un cambio
fundamental. Cunqueiro comeza a empregar o castelán xunto co galego
como vehículo de literatura. Co castelán como arma gaña
o premio Nadal en 1968 con Un hombre que se parecía a Orestes,
unha das súas obras máis coñecidas a nivel español,
ou Viajes y fugas de Fanto Fantini della Gherardesca.
Tradición
oral e imaxinación erudita
Para nós
é coñecido pola prodixiosa obra en galego: iniciouse na
narrativa no noso idioma con Merlín e familia
(Vigo, 1955) á que seguirán As crónicas
do Sochantre (Vigo, 1956) ou a exótica Si o vello
Simbad volvese ás illas... (Vigo,
1961). Moitas das súas obras en galego provén do seu contacto
con personaxes populares nos que se plasma a tradición oral galega,
iso sí, tamizada polo peculiar estilo narrativo do autor e pola
súa prodixiosa imaxinación.
É
un escritor de mitos: continuamente a súa obra remite ós
vellos libros de cabaleirías da época medieval, ás
lendas artúricas e do Santo Graal de tanta raizame na nosa literatura
da Idade Media. Pero Cunqueiro reinvéntaos: non fala do pasado,
senón dun mundo e tempo que só é propio do seu traballo
de creación. E isto tamizado por un profundo coñecemento
da etnografía e gastronomía galega. Segue a ser empregado
o seu libro A Cociña Galega
(Vigo, 1973), paradoxicamente, un dos seus máis coñecidos
a nivel popular.
|
|