| |
Día de Defuntos.
Os camposantos están cheos de candeas e de flores. Hai dous días
que se ve a xente limpando as lápidas e arranxando o panteón.
Ofrendas para que os que morreron saiban que nos lembramos deles. E para
os que viven saiban que tratamos ben os nosos mortos.
Día de defuntos. É a data dos que xa non están, a
comunidade do pasado que sigue onda nós.
Visita dos defuntos
Os vivos visitan os cemiterios. É tradición que, no mesmo
xeito, os defuntos visitan a casa dos vivos durante a noite. Entran pola
cheminea, percorren os espacios nos que outrora viviron.
Cómpre recibilos ben. Para isto, déixase o lume aceso na
lareira toda a noite. Chega o inverno, e as ánimas teñen
frío. Tampouco se varre a cociña, xa que iso podería
afastar os visitantes igual que se afasta o po. Hai que ter coidado á
hora de pechar a cancela. É crenza popular que se se pecha de golpe
pode mancarse unha ánima que estea a entrar na casa. E disque as
ánimas tenden a xuntarse onda as cancelas...
Aparicións
Día de defuntos. As aparicións son aínda máis
comúns nesta data que durante o resto do ano.
Ánimas illadas, co mesmo aspecto que tiveron en vida pero que,
olladas desde as costas, deixan ver o esquelete ou son ocas. Ánimas
que aparecen coma pombas, coma lagartos, coma abellas, coma unhas bolboretas
xa chamadas "das ánimas", brancas e con pintas amarelas.
Ánimas en grupo: a compaña, hoste, estadea ou estantiga.
Longas procesións de mortos envoltos en sudarios e que portan luces
polas corredoiras, disque purgando os seus pecados.
A Compaña
Hai que ter coidado con elas. Na compaña sempre vai un vivo para
portar a cruz, e ás veces, máis para levar os obxectos sagrados.
Disque sae do camposanto ó atardecerl, ou á media noite.
De atopala, cómpre afastarse do seu camiño. Ou facer un
círculo no chan, coa estrela de Salomón ou unha cruz dentro.
Ou levar enriba escapularios, obxectos sagrados, allos ou castañas
de indias. Ou pechar forte os puños, ou coller algo, para non poder
coller a cruz. En último caso, pode un tirarse no chan cara abaixo,
co perigo de que a compaña pase por riba e o manque.
Os mortos na comunidade
Os mortos. Unha comunidade que nos define na vida tradicional. Os mortos
como nexo de unión da comunidade viva. Como lembranza da transitoriedade
da vida. Como exemplos de conducta, que veñen desde o alén
para pedirnos misas polas faltas que cometeron en vida. Como xustificación
para facer as cousas dun determinado xeito.
Os
mortos. Comeza o seu tempo. Durante este día estarán máis
presentes ca nunca. Lémbradeos.
Fotografías tomadas dos libros de Tino Martínez
Ex-votos e Ofrecidos, O nazareno do Caramiñal
|