" NA CASA DE ROGELIO"
Jacome
de Minho Expresso Viagems envioume un e-mail para anunciarme que o billete
para Cabo Verde estaba listo. "Tes un voo para Sal que sae á
noite e todo o equipo de Minho Expresso desexámosche unha boa
viaxe". Non foi fácil preparar unha singradura de dous meses,
con tantos avións e conexións. Normalmente a producción
dunha viaxe deste tipo precisa sempre dunha forte e profesional infraestructura
que teña todo a punto, por iso sempre confío no meu amigo
Jacome, co que vou estar en conexión vía internet durante
o resto da miña viaxe por África.
O avión aterrou na illa de Sal, onde chegan tódolos voos
cheos de turistas maioritariamente "espaguetti", españois
e algúns galegos. Ás catro e media da madrugada non foi
doado atopar un lugar para durmir e só os trámites de
visado do pasaporte nos levou arredor dunha hora, ademais dos case 2000
escudos caboverdianos (3000 ptas), que os gardas fan apoquinar. Un taxi
a esas horas da noite cobra uns mil escudos (1.500 ptas) e non tes opción.
Ou durmir no aeroporto ou na pensión Sta.María beach,
unha especie de mole de cemento á beira da praia de Sta.María,
bastante cómoda e medianamente atendida por amables nativos que
cobran 3000 ECV por unha chamada a São Vicente, cando normalmente
poden ser 60 ECV.
Polo demais as xentes de Sta. María son moi humildes, amables
e Betta, que traballa na única axencia de viaxes, pode solucionar
calquera problema. Mentres esperabamos o avión para San Vicente,
xantei con Arturo e Carmela -que me acompañan nesta primeira
viaxe-, un peixe chamado "serra", semellante ao atún,
exquisito e sen espiñas, cunhas Sagres a presión frescas.
Mindelo.
Illa de San Vicente
A terra de Cesárea Évora é un lugar de encontro
para a música. Na noite de chegada, na praia da Laxinha, un festival
marcaba o inicio do que será un verán movido que, xunto
coa Baia das Gatas Festival Reggae, atraerá a moitas persoas
que gustan do pracer de combinar con xentes e amigos de Mindelo.
Quedamos na pensión Chave de Ouro, na avenida 5 de xullo, nun
cuarto grande a 2000 ECV a noite, o que nos deu unha idea da diferencia
con Sal. O lugar é ideal para os que precisan sentir o contacto
coas xentes caboverdianas.
Se camiñades por Mindelo moitos meniños vos asaltarán
pedindo unha esmola. O peor que podedes facer é cumprir o seu
desexo. Despois andarán á vosa procura e incluso chegarán
a roubarvos. Exemplos disto temos varios. O mellor é seguir camiñando
sen facerlles caso, por moita pena que nos dean. A práctica e
a realidade dos que viven aquí aconsellan seguir estas pautas,
para non ter complicacións.
Non hai semáforos, e a penas gardas de tráfico. Os automobilistas
son amables e case sempre procuran ceder o paso os peóns. Estas
xentes tranquilas non son ameaza para os "guiris" que chegamos
aquí. É costume saudar con "bom día"
e "olá", e cúmprese coa norma de educación
adquirida pola colonización portuguesa.
Non falan, nin gustan de falar portugués, e utilizan o "criollo",
que é un portugués con palabras mesturadas por eles mesmos,
engadindo outras inglesas e francesas. Imposible de entendelos.
Non se debe discutir, e menos berrar. Non entenden a mala educación.
Funcionan co ritmo deles pero funcionan.
En Baia de Gatas tomamos un baño no peirao e xantamos un peixe
non demasiado bo. O prezo alto e a calidade do servicio malo. Pouca
comida para tan elevado prezo. Pódese chegar a Baia en "carrinha"
por uns 1500 ECV en alugamento. Mellor é que vos xuntedes varios
e sairá unha viaxe económica. As "carrinhas"
son auténticas xa que dende elas podemos tirar fotos sen necesidade
de parar. Van ao descuberto.
Santo
Antao. Ribeira Grande
O Mar Novo é un antigo barco xaponés de pesca que
foi reconstruído para transportar pasaxeiros e mercancías
entre San Vicente e San Antao. O seu dono o armador Joao Santos por
unha casualidade tivo a xentileza de convidarnos a viaxar nel e mentres
bebiamos unhas cervexas e dabamos conta dunha hamburguesa nun correcto
español, con acento portorriqueño explicou a súa
vida coma mariño naval con compañías suecas e norueguesas
onde coñeceu a moitos galegos cos que fixo amizade, chegando
a visitar Vigo e Pontevedra. Santos, un bo constructor de amigos, en
pouco tempo mercou o Mar Novo para dar servicio entre as dúas
illas de San Vicente e San Antao, nas que tres veces á semana
leva e trae xentes, carga e vehículos. Conta cunha boa tripulación
desexosa de que veñan turistas e coñezan San Antao a illa
máis verde, de onde sae o famoso ron Groge, que se destila nas
montañas do val de Paúl, no medio de bananeiras e xentes
pobres e humildes. Na volta Joao convidounos a unha parrillada na súa
casa de Mindelo, cousa que lle devolveremos cando vaia por Galicia.
Unha vez chegamos a Porto Novo, na illa de San Antao, alugamos unha
"carrinha" ata Ribeira Grande por 250 ECV por persoa. A viaxe
transcorre polos montes da illa cunhas vistas inesquecibles e únicas.
No punto máis alto da estrada, no lugar de Covas, á nosa
dereita temos un cráter dun extinto volcán, no que agora
os labregos cultivan a batata, o millo e plantan piñeiros. Unha
paisaxe para fotografar e respirar.
Na pensión 5 de Xullo os cuartos son escuros e a dona que nun
principio parecía honrada vainos a obrigar a cambiar de lugar,
xa que os prezos cos que traballa son moi altos, sen auga na ducha e
no baño. O día seguinte cambiamos para a pensión
VIVI, que é un pouco máis barata e con auga.
Paseo
dende o cráter de Covas ata Paúl
Rogelio é un amigo portugués que está a desenvolver
un proxecto sobre as aguias mariñas en Cabo Verde. El foi o que
nos aconsellou facer o camiño, de case 6 horas, dende o cráter
ata Paúl, unha baixada totalmente en vertical dende a que se
pode ollar o val de Paúl, impresionante e digno de contar.
Nesa mañá (17 de xullo, martes) o grupo estaba formado
por Julián, un biólogo namorado deste lugar, Miquel, xornalista
de El País de Barcelona, Didac, estudiante de Inef e fisioterapeuta,
Carmela e Arturo Lezcano, compañeiro de viaxes dende hai anos.
A ruta comeza no alto da Cova e baixamos ó cráter. No
camiño atopámonos con meniños, que camiñan
descalzos, guiando ós burros ateigados de auga en bidóns.
Parámonos a falar con eles e son todo doces e agarimo. Os convidamos
a unhas galletas e a chocolate e compartimos unhas palabras mentres
van chegando máis con garrafas na cabeza, cheas de auga. Quedamos
abraiados polas súas olladas, que non esqueceremos en todo o
día. A baixada é moi pronunciada e algúns piñeiros
e eucaliptos fan a súa aparición. Didac séntese
indisposto por algo que xantou o día anterior. Eles van quedar
en Tabuleiro, unha aldea a 500 mts de altitude, e baixarán nunha
"carrinha" ata Ribeira. Nós seguimos baixando e tomando
fotos, bebendo auga mentres a néboa disípase e deixa ver
o mar alá no fondo do val, e as casas, semellante ós "bohios"
cubanos, de pedra e tellado de folla de guano e bananeira.
Así como imos baixando atopámonos con rapaces que nos
agasallan flores e bicos. Alucinante, non damos crédito ó
que está a acontecer. É a illa de San Antao.
Os bolígrafos de cores son o que máis piden e xa que non
temos damos bicos e galletas. É o que hai. A persecución
indiscriminada por parte dos cazadores minguou ó numero das aves
polo que se atopan en réxime de protección.
Mañá o grupo volta para San Vicente e eu para Dakar onde
me espera o amigo Alejandro.
Proxecto de coñecer e protexer as aves de Cabo Verde
Rogelio Cangarato, ornitólogo, está a levar a cabo,
xunto con Carla Janeiro e Mafalda Basto, un proxecto en Cabo Verde para
a protección e coñecemento das Aves de Cabo Verde, financiado
polo Instituto Portugués da Xuventude, nun programa denominado
"Lusiadas".
O proxecto ten dúas vertentes:
1. O coñecemento e estudio dos Bianos (aguias endémicas
de Cabo Verde)
En colaboración cos portugueses había un equipo de alemáns
que estiveron á procura dos Bianos. Despois de dous meses na
illa de San Antao sen éxito, foron á illa de Boa Vista
e atoparon catro exemplares e Boa Vista. Precisan capturalos e levalos
a USA ou Inglaterra a que se reproduzan en cativerio e despois os traerían
para repoboar en Cabo Verde. Esta especie endémica de Cabo Verde
se alimentaba hai anos da preada dos animais mortos no campo. Unha lei
que obriga a soterrar os animais esixe unha protección urxente.
2. - Concienciación e sensibilización da xente de Cabo
Verde, e en especial da xente nova de Cabo Verde dos problemas ecolóxicos,
mediante xogos, visitando as escolas, e con material didáctico
como camisetas, sudadeiras e bolígrafos, coa lenda "Coñece
e protexe as Aves de Cabo Verde". Antes que eles estiveron outros
compañeiros portugueses traballando no mesmo proxecto. A alemana
Sabin Hille, que pertence a Fundación Peregrine, levantou un
censo das aguias hai anos.
Gracias
a estes amigos portugueses podo enviar a crónica por internet
xa que son os únicos que están ligados.