A
DUNA Nº 7
Walbis Bay, Namibia
8 de agosto 2001
Cheguei a Walbis
Bay nun dos moitos minibuses que saen dunha gasolineira de Windhoek,
a capital de Namibia. Polo camiño fixen contas e comprendín
que o taxista que me levara ata alí estafárame co cambio
de moeda. Non olvidarei a súa cara.
A estrada a Walbis Bay é estreita e tivemos que parar en varios
controis de policía. Non sei como non multaron ó conductor
polo exceso de peso e o desgaste das rodas. Desexaba con ganas ulir
e ulir o mar e despois de catro horas apareceu tímido entre unha
neboa misturada con area que indicaba a inminente presencia de dunas.Dunas
pola esquerda e mar pola dereita e pasamos Swakopmund onde deixamos
á metade dos viaxeiros, que vivían en barrios alonxados
do centro.
En Walbis Bay vive e traballa un importante colectivo de galegos e españois.
Orixinariamente esta cidade dedicábase á pesca da balea
ata que alemáns e noruegueses arrasaron con todo. A 35 kms esta
Swakopmund. Nestas pequenas cidades tamén se impuña o
sistema apartheid e están deseñadas segundo o pensamento
europeo e americano. As rúas están divididas en streets
e roads, exactamente igual que si estivesemos nunha cidade anglosaxona.
Predomina a lingua africáner, e tamén falan o inglés,
o alemán, o portugués e o castelán. Maioritariamente
dedícanse á pesca e ós deportes de aventura. O
Ethosa Park é un enorme lugar onde todo tipo de especies : elefantes,
cebras, xirafas e antílopes. A cidade está rodeada por
enormes dunas numeradas (a Duna 7 é a que está máis
preto da cidade) e polo deserto do Namib (disque é o máis
antigo do mundo). Na noite hai un ambiente de diversión moi vencellado
ás características mariñas da cidade. Nos locais
de copas pódense atopar capitáns de barcos, patróns
de pesca, executivos, estudiantes de náutica, ou aventureiros
que van cruzar o Namib...
A cidade é moi cosmopolita e nela conviven un montón de
nacionalidades en completa harmonía. Todos respéctanse
e a delincuencia, comparándoa con outros lugares de África
é case inexistente (Douala en Camerún, Dakar en Senegal,
por exemplo).
Galegos no Trópico
de Capricornio
En Walbis Bay varias empresas galegas encontraron un lugar para traballar
na comercialización do pescado. Xosé Luís Reyero,
vigués, é director xeral de Cadilu. Antes de vir a Namibia
Xosé Luís traballaba en Vigo para Arthur Andersen. En
Cadilu dedícanse á captura de sardiña, jurel e
pescada, rape, lagosta e orange roughy, un pescado que vai destinado
integramente para os USA e que está en decadencia debido á
esquilma. Proveen de pescado á Unión Europea con un 70%
(y un 10 % para o norte de África), un 20% a USA, 5 % a Australia
e Malasia, e 5% a Surafrica.
Outros galegos como Pepe Arias (Vigo) e Rafael Gabeiras (nado en Madrid,
pero con ascendentes galegos) traballan na mesma empresa. Kiko é
patrón de pesca . Neste momento coinciden aquí comigo
a súa muller e maila filla, que viñeron de Vigo a pasar
ás vacacións.con el.
Benito Núñez, tamén de Vigo, é o xefe de
flota da empresa Covimar. Leva en Namibia desde o ano 1992. O seus barcos
saen ó peixe espada, ó tiburón, e á pescada.
Envíase todo a Vigo. José Luís Bastos é
un dos donos desta empresa.
Jesús
García é asturiano pero esta casado cunha galega, que
nestes días está en Galicia de vacacións. A Jesús
encantaríalle montar unha empresa de aventuras. Namibia é
o lugar ideal para este tipo de actividades xa que gracias ó
seu clima y orografía pódense practicar durante todo o
ano.
O domingo pola mañá saín con Jesus, Benito, Nacho
(un amigo andaluz) e unha amiga neocelandesa a dar unhas voltas en quad
(motos de catro rodas) polas dunas do deserto do Namib. Por dúas
horas tragamos po e divertímonos. Todo o tempo a subir e baixar
dunas vivindo sensacións únicas. Con esto dos Quads sempre
hai que ter un pouco de coidado, non sexa que te vaias meter nunha "hoya"
da que non poidas saír por ter pendente de máis. Na tarde
Jesús e Benito sacaron as súas pistolas con licencia regulamentaria
(moi normal en Namibia) e baleiraron algúns cargadores contra
as dunas.
Luísa Fernanda Iglesias é da Baña, e leva en Namibia
un ano e medio. É enfermeira da Casa do Mariño, un lugar
moi querido por todo-los mariñeiros galegos que chegan aquí
para descansar e saír de novo ó mar. Luísa traballou
anteriormente no Instituto Social da Mariña (ISM) en Ribeira
e Burela) pediu voluntariamente vir para Walbis Bay.
A baía das baleas (Walbis Baai en africáner), era ata
hai poucos anos territorio de Surafrica, cun sistema apartheid puro
e duro. As cousas van cambiando pouco a pouco pero aínda quedan
vellas rutinas do pasado, como a que veu Luísa Fernanda. Ocorreu
unha mañá ó chegar do seu traballo, cando desde
o coche veu como un home branco collía pola gorxa a un mozo negro
e o golpeaba sen contemplación. Ela, ó ver o desagradable
espectáculo parou o seu coche, deu marcha atrás e fitou
para o home. Cruzaron as súas miradas mentres os pequenos de
Luísa preguntaban á súa nai o que ocorría.
O branco falaba polo teléfono móbil sen solta-la súa
presa. Chegou á Casa do Mariño sen poder crer o que viña
de ver.
José Luís
Bastos.
Monaguillo de pequeno, cazador profesional e empresario de grande. Ven
de Bouzas, da súa gorxa colga a medalla da Cofraría do
Cristo dos Aflixidos e gusta de estar rodeado polos seus amigos. Ten
varios cans de raza labrador, e un pequeno bar nun rincón da
súa casa, onde colga, como un anticuario que recolle soños,
infinidade de métopas, colgantes, fotos, anacos de minerais,
medallas que ganou en probas de atletismo no servicio militar e que,
como el di, llas impuxo "el xeneralísimo", ademais
unha botella de ron Caney, whisky de tódalas clases e moitas
ganas de emprender conversa con calquera, porque "nunca deixo de
falar con ninguén, me gusta coñecer da xente". Una
bonita frase para este home ó que Don Juan Carlos I, Rei de España,
ven de conceder a medalla da Encomienda de Isabel la Católica,
que lle imporán o vindeiro doce de outubro na Embaixada de España
en Namibia. Un acto ó que invitará a San Nujoma, presidente
do país e amigo persoal de Bastos e moi asiduo invitado á
finca Khomas, que ten Bastos a 140 km de Walvis Bay, para descansar
e cazar.
José Luís
Bastos, emigrou ós 21 anos para Europa e despois de rondar por
Londres marchou a Suíza onde fixo un curso de turismo e restauración.
Francia, Alemana, Suíza e José Luís titúlase
. "Marchei de director con 27 anos para o Hotel Santa Brígida
nas Palmas" di, pero unha mala nova obrígao a cambiar os
plans. O falecemento do seu irmán nun accidente en Angola obrígao
a tomar unha decisión rápida e vir a facerse cargo dos
bens deixados polo seu irmán.
Despois de trinta e cinco anos en Namibia é respectado por todos.
Moitos fixeron del unha lenda, como aquel mariñeiro ó
que preguntei en Bouzas si coñecía ó Sr. Bastos.-Sei
que ten unha finca onde organiza safaris alá por África.
A xente por aquí non o coñece moito, pero é querido.
Sempre ven polo verán e ten unha muller moi simpática
e guapa. Creo que é alemán ou de por aí.
"Aforrei e comprei a Casa del Marino, -asegura Bastos, dándolle
voltas á copa de viño sudafricano - e non me regalaron
nada."
Nacionalizouse namibio e iso xerou envexas e que a xente fale del en
chascarrillos, ratos de sobremesa e tardes perdidas. Puiden observar
como cando chega a un lugar saúda e a xente cambia de sintonía.
A pesares de todo, téñenlle respecto.
A finca de caza
Khomas
Hai 140 kms de pista de terra batida para chegar ata a finca, un
pouco máis alá do este dos límites co Namibian
Desert. Montañas, estepa, e polo camiño cruzamosnos con
avestruces, springbocks, Oryx e campos de cereal dourado indispensable
igual que a auga que brota a cinco metros do chan, para que a vida prosiga
e os animais se movan libremente.
En Khomas farm hai uns bungalows de luxo. Aquí durme o presidente
Nujoma cada vez que chega no seu reactor, helicóptero ou coche.
O día de
caza foi bo : un springbock, dous Oryx, un facochero, unha cebra. Comemos
fígado encebolado de Springbock e lombo de Oryx. Delicioso. Esta
mañá fomos ata a finca Harmonie onde vive o seu xerente
Paul. Harmonie digamos que é a despensa vexetal, onde crecen
pomelos, limóns, e tomates. Pola noite damos conta deles cunha
copa nas mans e un ceo marabilloso. José Luís e a súa
muller Kuki cóntanme cousas da súa vida, de como se coñeceron.
Fago de confesor sen selo e sen querelo e o Chivas 21 axúdame
a asimilalo.
En farm Khomas as cabanas son casas típicas con tellado de palla
artesanal, coma os das pallozas do Piornedo. Cada unha ten un nome dun
animal: león, elefante, rinoceronte...
José Luís Bastos deixou escrito que quere que o enterren
nun pequeno túmulo á saída da súa finca
e que poñan unha placa.
"Quero que poñan unha placa onde digan que alí está
enterrado un galego que amou estas terras."
Tamén gustaríalle construír un castelo e xa ten
os planos. Por diñeiro non será, quizá decisión
e poñerse mans á obra. O que lle vendeu a finca, traspasoulle
os poderes ancestrais dos vellos e dos reis do lugar.
Delmi Álvarez.
Domingo 12 agosto 2001
Hoxe hai un mes que saín de Vigo e as cousas non foron do xeito
que eu quixera ou imaxinara. Estou en Walbis Bay, a punto de saír
por patas do pais. A policía de aduanas e fronteiras non quere
xornalistas cheirando, nin fotografando e moito menos escribindo. Os
bolígrafos, os cadernos, as maquinas de fotos sempre foron armas
para determinados sistemas políticos que agachan cousas que non
lles gusta que ollemos ou saibamos. O visado de permanencia no país
só é valido para unha semana. Fixen unha visita á
policía e alí dixéronme que tiña que pagar
se quería amplia-lo meu visado. Fun o día seguinte e en
vez de estenderme o papel dixéronme que a miña estadía
no país é ilegal e que tiña que saír del.
Un funcionario da policía díxome que é mellor que
vaia a Surafrica e despois volva. Na casa do mariño avísanme
de que aquí é moi normal que veña a policía
e te colla un venres e non te solten ata o luns. De momento non pasou
nada raro, porque estiven de safari por terras do Karibib cun galego
chamado José Luís Bastos.
As dunas, o vento, o cheiro a mar e peixe en proceso de fabricación
de fariña danlle a esta cidade da bahia das baleas un significado
moi interesante. A viaxe ata aquí non foi en balde, pero os problemas
medran cada vez que chegas á fronteira e ollan para as cámaras,
e non te queda máis remedio que admitir a miña condición
de xornalista ante unha inevitable chuvia de preguntas.
Entón fan aínda máis preguntas, pídente
o billete de saída do país, e o non telo non creen que
vaias saír del en autobús para coñecer sitios e
evitar tanto avión... Pero desconfían. <<Faremos
con vostedes igual cando veñan polo noso pais, - díxenlle
a un policía - porque, segundo esto, si vostede chega de vacacións
a Europa, suporiamos que non ven de vacacións senón como
policía, ou sexa de espía.>>.
Non entenden que alguén veña por estas terras a facer
un traballo antropolóxico sobre os galegos que viven en Namibia.
Din que veño a facer "business" (negocios) e danme
a risa.
O martes terei que saír polo sur cruzando a Surafrica en autobús.
Días máis tarde estarei por Cape Town e logo Mozambique
que tampouco e moco de pavo.
Daquí alá aínda pasarán cousas e seguirei
contándoas.
Saúdos
Delmi