MOCHILEIROS
EN SUDÁFRICA
Cidade do Cabo.
Sudáfrica
Venres 17 de agosto
Saíndo
de Namibia
Nacho devolveume
o pasaporte o luns á mañá e non tiña boas
novas que darme:
-Dixéronme que tes que marchar en 48 horas de Namibia e non podes
visitar ningunha factoría o te meten no cárcere... e estes
tíos van en serio.
Non tiven outra opción que marchar. Despedinme de todos e o martes
á mañá fun cunha amiga de Nacho á oficina
de emigración. Alía Steven Mulundu, un policía
que non atende a razóns, deume a asinar un papel segundo o cal
se non saía do país en menos de 48 horas podería
ser detido, cunha fianza de 12.000 Rands namibios e co risco de pasar
tres anos no cárcere deste país.
Steven leume o decreto polo cal informábaseme das ilegalidades
nas que incorrera: entrar no país cun visado de turista cando
en realidade eu dicía que viña a traballar facendo entrevistas
de galegos. Eso era todo. Máis tarde explicaríanme que,
para un estranxeiro, dicir a palabra work é case un sacrilexio.
Aquí só traballan os namibios e, aínda que lles
expliques que a túa empresa está en España non
entenden outra cousa que "ti ves a traballar, e aquí só
hai traballo para os namibios".
Fixen fincapé en que eu quería saír do país
pola porta grande, xa que desexaba voltar en outra ocasión. No
selo do visado por 48 horas estaba o código "dec.9 sec.5",
o que aplican ós emigrantes ilegais. Asinei o papel coa hora
á que abandonaba o país, as 9:00 AM, aínda que
en realidade o autobús que me sacaría de Namibia non saía
ata as 11:30AM.
Con tristura despedinme de Nacho, Kiko, Luísa e Pedro ó
pe do autobús. Eu aínda non entendía porque estaba
pasando todo isto. Eran as tres da madrugada cando o autobús
chegou á fronteira con Sudáfrica. O policía de
fronteiras namibio facíame preguntas mentres a xente facía
cola agardando a súa quenda. Miroume detidamente ós ollos
como se ocorrese algo estraño e seloume o pasaporte cun sorriso.
Mentres, outro policía rexistraba o autobús cunha lanterna.
Facía frío e a xente só quería saír
de Namibia.
Durmín case que toda a noite, pesia que o autobús de Intercape
era moi estreito e incómodo. O vídeo estaba estragado
e a través da ventá víase o ceo estrelado de Sudáfrica.
Adiqueime a ler un pouco do libro de Javier Reverte "Vagabundo
en África" e quedei durmido. Cando espertei o autobús
ía por unha enorme recta co chan mollado pola choiva caída.
Na oficina de turismo
de Cape Town chamaron por min a "The Backpapers", un lugar
de mochileiros na cidade -no 74 de New Church St.- onde despois sentinme
como en casa. Jennie atendeume ó chegar e deume unha cama na
habitación "do león", que compartín con
outras catro persoas. Con Estephan e Mourad, dous amigos de Casablanca
que coñecín alí fun a tomar viño e tapas
de chourizo, mexillóns e tortilla a un bar próximo chamado
"El Diablo". Eles falan castelán moi ben, tamén
o fala Susanne D'aloia, unha escritora e profesora dun instituto no
neoiorquino barrio do Bronx.
Fun á embaixada de Mozambique para preparar os papeis para a
miña seguinte escala. Alí atendeume Pascual para facer
o visado. Pensei que tardaría varios días pero en menos
dunha hora xa tiña unha visa para estar un mes en Mozambique.
Jesús
Baliño
En Cape Town vive un galego chamado Jesús
Baliño (Ferrol,1942). A vida de Jesús, despois do seu
Ferrol natal, levouno por moitos lugares: Vigo, Guernica, Canarias,
Guinea, e, por fin Sudáfrica, onde coñeceu á súa
muller e casou. Jesús traballou en moitas empresas do sector
pesqueiro: Globe Engineering, Fabbei, Pescanova, e agora na Southern
Trading Group como inspector de buques. O seu traballo consiste en revisar
cada barco que chega ou sae e ver que teña todo en condicións:
situación do persoal, mecánica, víveres, combustible,
"e o eixo de cola que sen eso non navega".
Jesús lémbrase dos tempos do apartheid. Segundo el di,
antes era un ambiente máis pechado, "Non había lugares
onde ir ás doce da noite, Agora hai practicamente de todo. O
apartheid nunca foi bo, os negros precisan estudiar e desenvolverse,
necesitan tempo e creo que o conseguirán."
María
falaba con alguén na cociña do Backpapers, eu estaba comendo
unhas tostadas e charlando con Susana, a profesora do Bronx, cando me
din de conta de que escoitaba falar en castelán. María
contoume que viña da Coruña e ía para Cintsa, preto
de East London, a pasar uns días coa súa amiga Laura,
outra coruñesa que traballa cunha ONG nun proxecto de medioambiente.
Laura subiu ó Intercape Coach (un autobús que percorre
a costa sur africana) en Jeffrey's Beach, un dos puntos de surfing máis
importantes do mundo.
Esta coruñesa da Avenida de Finisterre ama a a ventura e as viaxes.
Despois dun percorrido por varios países apeteceulle traballar
no deserto de Namibia, "a miña idea era atopar unha escola
e traballar nela uns meses". De casualidade atopou este sitio,
Cintsa, e comezou a traballar para a organización inglesa BSO.
Laura ocúpase de nenos nunha escola preto do Buccaneers Beach,
dentro dun proxecto de educación medioambiental e social. A Laura
propuxéronlle ser coordinadora dunha tradicional para crear nela
unha casa de arte e oficios onde todos poidan desenvolverse e traballar
nun ambiente de igualdade entre homes e mulleres, xa que o machismo
está moi asentado na zona.
Polo de agora Laura non está moi preocupada por ter mozo, xa
que o tempo que dedica a este traballo non deixa un minuto para pensar
demasiado niso, aínda que a miña pregunta de si vai para
monxa a faga rir a cachón.
De Cintsa
a Durban
Se hai un medio de transporte barato, sinxelo e cómodo ese é
o Baz Bus, unha idea orixinal que se lle ocorreu a alguén para
percorrer Sudáfrica, pudendo baixar en tódalas paradas
de Backpapers (mochileiros) que existen ó longo da costa e do
interior. Cunha moi boa organización este microbuses levante
ata calquera dos sitios onde hai un teito para pasar a noite os mochileiros,
que son moitos lugares e moi económicos (mil ou dúas mil
pesetas a noite) e que teñen tódolos servicios mínimos
para descansar e repoñerse das viaxes.
Imos nun destes microbuses cando o chofer para nunha esquina para sinalarnos
unha casa á dereita, "Aquí naceu e vive agora o noso
pai da patria, Nelson Mandela", di o chofer. A residencia de Mandela
é unha casa unifamiliar chea de cámara de circuíto
pechado que vixían todo no entorno, ata o noso autobús.
As demais casas da zona son pequenas chozas tradicionais, con teito
de folla de palma e paredes de adobe.
Sebastián
é holandés e viaxa por vez primeira a Swazilandia, un
país moi pequeno pero con moitas posibilidades turísticas.
Só co Parque Nacional Kruger a captación de divisas é
inmensa. Non hai turista que chegue a estas terras e non se de unha
volta por alí a ver a cantidade de animais que andan ceibos por
alí. No Backpapers de Durban, Michel da as instruccións
sobre normas de seguridade que temos que ter en conta para andar pola
cidade. Na porta dunha pizzería hai dous gardas de seguridade
con porras de pao que regulan a entrada de xente ó local. Hai
nenos camiñando descalzos e pedindo unhas moedas para comer.
O dono hindú do local anima ós gardas a apartalos da porta.
Delmi Álvarez