Documento sin título
culturagalega.org
logo letras galegas 2006 Free CSS Navigation Menu Designs 2 at exploding-boy.com

Inicio > A Habana > Contexto > Cando os galegos se asociaron en Cuba

A emigración cubana
Cuba e Arxentina foron os principais destinos americanos da emigración galega. Durante o derradeiro terzo do século XIX Cuba foi o principal destino dos emigrantes galegos, despois de 1900 ocupou o segundo lugar detrás do Río da Prata.

As orixes da nosa emigración a Cuba podemos atopalas a finais do século XVIII, nesa época unha serie de portos galegos foron autorizados a comerciar con América. Un dos portos máis activos foi o de Ferrol, convertendo deste xeito á comarca de Ferrolterra e ao norte coruñés nas pioneiras da emigración a Cuba.

No século XIX o crecemento demográfico e a pervivencia do minifundio deron novos pulos á emigración a Cuba. Neste século elaboráronse algúns plans de emigración de galegos á illa, o máis importante dos cales foi o deseñado por Urbano Feijoo y Sotomayor. En 1854, de resultas deste proxecto, 1.744 galegos foron trasladados a Cuba para traballar nos campos de cana de azucre. As condicións que tiveron que soportar estes galegos foron moi duras; ademais de quedar suxeitos ao campo, moitos deles sufriron maltratos. En 1855 o Goberno revogou os contrantos, deixando en liberdade a estes emigrantes. Na década de 1885-1895 o 39 % dos galegos que emigraron fixérono a Cuba, mentres que a porcentaxe dos que marcharon á Arxentina era do 37 %, o que demostra o protagonismo da emigración a Cuba neste momento. Así, mentres a mediados do século XIX os galegos eran soamente o 10 % dos españois residentes en Cuba, en 1900 esa porcentaxe subira até o 29 %.

A independencia da illa en 1898 non detivo o fluxo de emigrantes galegos, que desde fins da primeira década do século XX até 1920 daría un grande salto con motivo do crecemento económico de Cuba debido á expansión da produción azucreira. Outros factores que favoreceron a emigración foron as redes étnicas tecidas a partir dos primeiros emigrantes, o desexo de imitar ao indiano enriquecido, a propaganda realizada polo país receptor e as compañías navieiras e a fuxida do servizo militar en África. Durante as tres primeiras décadas do século XX o 29 % da emigración galega dirixiuse a Cuba, mentres que o 58 % tivo Arxentina como destino.

Non obstante, a crise económica aberta desde 1920-1921 coa caída dos prezos do azucre e sobre todo a lei de nacionalización do traballo en 1933 farían reducir as cifras de emigrantes, que deixarían de ter a Cuba como destino preferente. A lei de nacionalización do traballo, coñecida como a lei do cincuenta por cento, obrigaba a que toda empresa tiña que ter, polo menos, a metade dos seus traballadores cubanos; mentres que os negocios novos tiñan que empregar só a cubanos. Así, na última etapa das emigracións transoceánicas, que corresponde ao período 1946-1960, tan só emigraron a Cuba 9.000 galegos. O triunfo da Revolución en 1959 supuxo a fin da emigración galega a Cuba.

Estes emigrantes procedían sobre todo das provincias de Lugo (destacando ás comarcas da Terra Chá e A Mariña), Ourense (que superaban ao resto nas provincias centrais e orientais de Cuba) e A Coruña (sobre todo o norte desta provincia). A provincia de Pontevedra estaba máis conectada co Río da Prata e Brasil, aínda que zonas como A Estrada ou o Deza mantiñan tamén unha destacada presenza en Cuba.

Esta emigración tiña como principal destino a A Habana, aínda que noutras localidades da illa tamén se asentaron importantes colonias galegas. A emigración feminina foi gañando presenza co tempo, incrementándose desde a crise azucreira dos anos vinte e sobre todo tras a lei de nacionalización do traballo en 1933.

Os galegos emigraban moi novos. Os homes antes de ser sorteados para o servizo militar e as mulleres despois de facer a maioría de idade. A inmensa maioría emigraban solteiros.



 



Documento sin título
  Un proxecto de culturagalega.org e o Arquivo da Emigración Galega coa colaboración da Sección de Comunicación, a Sección de Literatura do Consello da Cultura Galega e o Arquivo Sonoro de Galicia.
Dirección: Manuel Gago / Marcelino X. Fernández Santiago
Redacción e produción:
Emilia García, Prudencio Viveiro (Arquivo da Emigración Galega)
Xermán Hermida, Santi Montes, Cristina Mouriño (culturagalega.org)
Rosa Aneiros, Daniel Salgado (Sección de Comunicación do CCG)
Montse Pena (Sección de Literatura do CCG)
Deseño: Miguel Alonso, Manuel Gago
Infografía: Manuel Gago
“Co noso agradecemento á Real Academia Galega, a Manuel Lugrís Rodríguez, e á Consellaría de Cultura polos retratos de Lugrís Freire”