|
| Inicio > A Habana > Contexto > Cando os galegos se asociaron en Cuba |
Será durante a década de 1870 cando a ampla colectividade galega comeza a organizarse formalmente. No ano 1871 crease a primeira entidade étnica, que terá un carácter benéfico. Trátase da Sociedade Galega de Beneficencia Naturales de Galicia, que reproduce o modelo doutras entidades destas características xa existentes. Pero non foi a única, ao longo desa década aparecen diversas entidades recreativas, musicais e culturais, en xeral de vida efémera como a Coral Ecos de Galicia (1872). Haberá que esperar ata o 12 de outubro de 1879, data na que o xornal “El Eco de Galicia” da Habana, fundado en 1878, publicaba un artigo do seu director, Waldo Álvarez Insua, no que propuña a fundación dun Ateneo Gallego na cidade da Habana, para comezar a ver un auxe do movemento asociacionista. Como resultado desta proposta, o 23 de novembro reúnense no teatro Tacón da capital antillana un grupo de galegos que constituirá o Centro Gallego da Habana, que é, sen dúbida, a principal entidade galega e o modelo de entidade representativa dos emigrantes galegos. As actividades realizadas polo Centro Galego comprenden as propiamente recreativas, xerme da súa creación, as actividades educativas destinadas a mellorar a formación a través da creación do Plantel Escolar Concepción Arenal e as mutuais asistenciais, que se comezan a incorporar no ano 1885. O éxito do Centro Galego levará un continuo incremento do número de asociados do Centro, que alcanza a cifra de 42.956, e tamén á creación dunha densa rede de delegacións por toda a xeografía cubana. En 1917, pola imposibilidade estatutaria do Centro Galego de prestar asistencia sanitaria ás mulleres, a sociedade Solidaridad Pontevedresa, creada en 1912, convertese en Hijas de Galicia que ten como finalidade o establecemento dun Sanatorio para as mulleres galegas emigradas en Cuba. Ao lado destas grandes entidades coexisten outras entidades de ámbito galego, principalmente de carácter recreativo como a Agrupación Artística Gallega Gallega, Glorias de Galicia, Aires da Miña Terra, Os Pinos Novos, Sociedad Cultural Rosalía de Castro, pero tamén políticas como Irmandade Nazonalista Galega, Patria Galega, Unión Redencionista Gallega, Partido Autonomista Gallego, etc. Nas súas localidades de orixe adoitaban establecer unha delegación da sociedade, formada xeralmente por emigrantes retornados, que era a encargada de facer efectiva as intencións e os proxectos da asociación de emigrantes. Este vencello cos seus lugares de procedencia queda clara na súa denominación, xa que aparece sempre unha referencia ao seu lugar de procedencia, precedido por conceptos como Asociación, Sociedade, Círculo, Club, Centro de Fillos, Naturais ou Residentes. A primeira asociación destas características é a Alianza Aresana de Instrucción fundada en 1903, pero nos anos seguintes hai unha gran eclosión deste tipo de sociedades, localizadas preferentemente na capital antillana. As comarcas galegas representadas por estas sociedades abarcan prácticamente toda a xeografía galega, aínda que hai un predominio claro das principais comarcas galegas de orixe dos emigrantes que se dirixen a Cuba como a mariña lucense, a Terra Cha, Ferrolterra, a comarca do Eume, as terras do Ortegal, etc. A gran eclosión deste tipo de asociacións nas dúas primeiras décadas do século XX conducirá a diversos intentos para conseguir unha federación deste tipo de asociacións, como o Comité Representativo de Sociedades de Instrucción.
|
|
| Un proxecto de culturagalega.org e o Arquivo da Emigración Galega coa colaboración da Sección de Comunicación, a Sección de Literatura do Consello da Cultura Galega e o Arquivo Sonoro de Galicia. Dirección: Manuel Gago / Marcelino X. Fernández Santiago Redacción e produción: Emilia García, Prudencio Viveiro (Arquivo da Emigración Galega) Xermán Hermida, Santi Montes, Cristina Mouriño (culturagalega.org) Rosa Aneiros, Daniel Salgado (Sección de Comunicación do CCG) Montse Pena (Sección de Literatura do CCG) Deseño: Miguel Alonso, Manuel Gago Infografía: Manuel Gago “Co noso agradecemento á Real Academia Galega, a Manuel Lugrís Rodríguez, e á Consellaría de Cultura polos retratos de Lugrís Freire” |