|
| Inicio > A Habana > Contexto > Os símbolos que viñeron da Habana |
Os símbolos son marcas de identidade, de aí a súa importancia decisiva. Deben resumir a esencia dun pobo, representar a súa identidade e ter unha significación que aluda ao pasado histórico. Resulta curioso ver que os nosos símbolos identitarios comparten o feito de que parte da súa aparencia actual foi modificada na Habana. Un feito que se xustifica pola necesidade dos emigrantes de buscar insignias que os representasen, un interese que acabou por desdebuxar e modificar algunhas formas influíndo nas que agora temos establecidas como oficiais. A bandeira Foi precisamente a morte de Manuel Curros Enríquez na Habana en 1908, un dos primeiros momentos nos que se empregou a bandeira azul e branca como símbolo de identidade. A bandeira ondeou nos edificios rexionais galegos e o poeta foi enterrado envolto nunha que regalou a revista “Galicia”. Ademais, a bandeira conformada por estas cores (azul e branco) comezou a empregarse como símbolo identitario nos intercambios que houbo cos cataláns no momento no que comezaban a xestarse ambos nacionalismos. O Escudo Despois de múltiples formulas e interpretacións, a Real Academia Galega estableceu, nunha sesión plenaria celebrada en 1972, a súa representación gráfica: “no campo de azur, cáliz de ouro sumado de hostia de prata e acompañado de sete cruces recortadas do mesmo metal, tres a cada lado e unha no centro do xefe. Ao timbre, coroa real” Curros e Veiga co Hino O himno final foi o resultado do esforzo que fixo José Fontenla Leal que lle encargou a Pondal o texto e a “Chané” a música. Como este último non o podía facer coa premura que se precisaba, finalmente foi Veiga quen se encargou da súa composición. O 20 de decembro de 1907 o “Gran Teatro” da Habana estreou o himno galego e, un ano despois a Junta General do Centro Gallego declarouno como oficial. Malia que houbo unanimidade co resultado, co paso dos anos si houbo unha discusión sobre a letra de Pondal. Tanto foi así que a discusión chegou ao Parlamento, que consultou inmediatamente coa Real Academia Galega (que ten o manuscrito orixinal de Pondal do himno galego) e o seu presidente expuxo “o himno xa non é de Pondal, é do pobo”.
|
|
| Un proxecto de culturagalega.org e o Arquivo da Emigración Galega coa colaboración da Sección de Comunicación, a Sección de Literatura do Consello da Cultura Galega e o Arquivo Sonoro de Galicia. Dirección: Manuel Gago / Marcelino X. Fernández Santiago Redacción e produción: Emilia García, Prudencio Viveiro (Arquivo da Emigración Galega) Xermán Hermida, Santi Montes, Cristina Mouriño (culturagalega.org) Rosa Aneiros, Daniel Salgado (Sección de Comunicación do CCG) Montse Pena (Sección de Literatura do CCG) Deseño: Miguel Alonso, Manuel Gago Infografía: Manuel Gago “Co noso agradecemento á Real Academia Galega, a Manuel Lugrís Rodríguez, e á Consellaría de Cultura polos retratos de Lugrís Freire” |