culturagalega.org
logo letras galegas 2006 Free CSS Navigation Menu Designs 2 at exploding-boy.com

Inicio > A Coruña > Anatomia dunha rede caciquil
ANATOMIA

Introdución:
En xeral, a representación política da Galicia do século XIX foi desempeñada por membros das elites tradicionais galegas, tanto da fidalguía ou pequena nobreza, como de sectores profesionais e comerciais.
A fortaleza dos políticos galegos manifestábase tamén no control férreo que moitos deles puideron facer dos seus distritos electorais. Houbo deputados como Eduardo Vincenti, xenro de Montero Ríos, que se mantivo durante 36 anos de forma ininterrompida como representante en Cortes do distrito de Pontevedra. E algúns outros, como o orensan Senén Canido, a familia Ordóñez en Tui, Guillermo de Osma en Monforte, Ángel Urzáiz en Vigo, Luis Espada en Verín ou Quiroga López-Ballesteros en Lugo que superaron as dez eleccións seguidas. A estabilidade dos distritos electorais galegos foi bastante elevada.
Esta situación fomentou a creación de familias políticas, nas que os vínculos de sangue ou parentesco eran moito máis fortes que os ideolóxicos e políticos. As tres principais familias da época foron as encabezadas por Montero Ríos, con presenza nas catro provincias galegas; a dos Bugallal, de especial raizame en Pontevedra e Ourense; e a de Vega de Armijo, que se apoiaba no gran potencial da familia Riestra en Pontevedra.

Poderes locais. [subir]

A vida política do século XIX estaba determinada polas institucións de carácter local e provincial, como os concellos e as deputacións. Nada se entende da vida política do XIX sen ter en conta a forza dos poderes locais, aqueles que O Tío Marcos da Portela singularizaba no alcalde, xuíz e secretario do concello, a “santísima trindade” do caciquismo local. A estes habería que engadir unha figura fundamental, como foi a dos “xefes políticos”, logo convertidos en gobernadores civís, que actuaban de mediadores entre os poderes centrais e as elites locais.

A figura central, Eugenio Montero Ríos: [subir]
Montero Ríos foi cabeza dunha ampla familia sanguínea e política (confundidas ambas). O entramado de intereses montado en torno a este político acadaba a maior parte da Galiza de comezos do século XX. Á súa residencia de Lourizán (Pontevedra) acudían os políticos, periodistas e homes destacados da época en peregrinación como se dunha “meca” se tratar.

DEPUTADOS:

  • Benito Calderón Ozores: [subir]
    fillo primoxénito de Vicente Calderón Oreiro, conde de San Juan e de Carmen Ozores Mosquera, filla do señor de Rubiáns, grande de España. Casou con Eugenia Montero Villegas, filla do político compostelán, deste xeito iniciou a súa vida política como deputado por Santiago, escano que lle puxo en bandexa o seu sogro Montero Ríos, quen renunciou a el para ocupar o posto de senador tralas eleccións de 1889. Nuns comicios parciais ocupou o distrito Benito Calderón, do que tomou posesión o 19 de marzo de 1890. Voltou ser reelixido nas seguintes eleccións, pero a morte veu truncar a súa carreira política no ano 1893.
  • Manuel García Prieto: [subir]
    Formouse no bufete de Montero Ríos, imprenouse do estilo do seu mestre, formou parte da súa familia. Chegou, primeiro baixo a vixiante mirada do seu sogro e, despois, voando pola súa conta, até onde non puido chegar ningún dos fillos do “Cuco de Lourizán”, cumprindo as ambicións políticas do sogro.

    Na rede política creada polo seu sogro, García Prieto constitúe non só unha peza fundamental senón que, ademais, foi capaz de proxectala, xerando unha segunda rede en íntima conexión con Montero. Así engade á primeira rede a súa propia rede: Álvaro, o seu irmán, deputado por Castela; un dos xenros, Manuel Sáinz de Vicuña, deputado por Galicia e Castela; outro xenro, Carlos Albert, tamén deputado; o seu sobriño, Pío Gullón (que, á  súa vez, reproduce outra rede formada por Eduardo Gullón Dabán, Manuel Gullón García Prieto, Antonio Gullón del Río e Camilo Gullón del Río) Volvendo a García Prieto, acabou por representar os intereses familiares nas áreas do poder político. Á morte de Benito Calderón, Montero Ríos colocouno como deputado no distrito de Santiago, que representou desde 1893 até 1911, ano no que xa sendo Marqués de Alhucemas pasou ao Senado.
  • MONTERO VILLEGAS, Andrés Avelino: [subir]
    Naceu en Madrid en agosto de 1875. Estudou Dereito e abriu un bufete en Madrid. Nada máis cumprir a idade regulamentaria, a familia situouno no distrito de Mondoñedo, no que se enfeudou durante seis lexislaturas.
    O tema da protección de menores foi a gran preocupación e ocupación intelectual e social do noso autor. Publicou en 1913 a obra “Tribunales para niños”.
    Desde 1916 até a súa morte (24/08/1925) foi senador pola provincia de Lugo.
    López Soler adicoulles a este deputado e ao seu irmán Eugenio a seguinte copliña:
     “A mas de estar empleados
                les dan un acta rural.
    Como que son diputados
    de cordón umbilical”.
  • MONTERO VILLEGAS, Eugenio:
    Naceu en Madrid en novembro de 1873, fillo de Eugenio Montero Ríos e Avelina Villegas Rubiños.
    Estudou Dereito en Madrid e licenciouse en Dereito Civil e Canónico.
    Como sucedeu co seu irmán Avelino, en canto cumpriu a idade regulamentaria, é dicir, os vintecinco anos, a familia conseguiu situalo no distrito de Cambados, aproveitando que o 6 de setembro de 1898 morrera o deputado deste distrito Antonio Díaz de Rábago.
    Non era, porén, o distrito que a familia destinaba para o noso político. O distrito de Muros era un deses distritos alternativos en que non había un deputado enfeudado. Por iso a partir das eleccións de 1899, Montero Villegas saíu elixido por Muros en sete lexislaturas consecutivas.
    A familia decidiu trasladalo ao distrito de Santiago, considerado clave para a estratexia política dos Montero Ríos en Galiza. Por iso foi García Prieto, xenro de Montero Ríos quen se enfeudou neste distrito. No entanto, García Prieto recibiu entón que, unha vez celebradas as eleccións de 1910, obtendo García Prieto o distrito de Santiago e Montero Villegas o de Muros, renunciasen os dous e mediante unha elección parcial este saíse deputado por Santiago.
    A partir deste momento resultou elixido por Santiago en todas as eleccións até 1917, ano no que faleceu.

GOBERNADOR CIVIL: [subir]
A institución de gobernador civil, unidade político administrativa provincial da organización territorial da Administración do Estado, xorde coa Constitución de 1812 a través da figura do xefe superior, que dirixirá o goberno das distintas provincias. Polo Real decreto do 30 de novembro de 1833 estabelécese a actual organización provincial e dáselle a autorización administrativa a un delegado de fomento que en 1834 pasou a denominarse gobernador civil como máxima autoridade e representación do goberno na provincia. Ao longo da Restauración (1874-1923) é a máxima autoridade político-administrativa, representante do goberno, coordinador da administración provincial, xefe dos servizos públicos provinciais, de orde pública e de policía

 

 

 

Documento sin título
  Un proxecto de culturagalega.org e o Arquivo da Emigración Galega coa colaboración da Sección de Comunicación, a Sección de Literatura do Consello da Cultura Galega e o Arquivo Sonoro de Galicia.
Dirección: Manuel Gago / Marcelino X. Fernández Santiago
Redacción e produción:
Emilia García, Prudencio Viveiro (Arquivo da Emigración Galega)
Xermán Hermida, Santi Montes, Cristina Mouriño (culturagalega.org)
Rosa Aneiros, Daniel Salgado (Sección de Comunicación do CCG)
Montse Pena (Sección de Literatura do CCG)
Deseño: Miguel Alonso, Manuel Gago
Infografía: Manuel Gago
“Co noso agradecemento á Real Academia Galega, a Manuel Lugrís Rodríguez, e á Consellaría de Cultura polos retratos de Lugrís Freire”