|
|
|
GRAVANDO
NAS LENDAS.
Os
documentais saen en moitas ocasións
das propias historias de vida de quen
os produce. E
A Palabra no Tempo non é
unha excepción.
Cristina
Santos, Pilar Faxil e Helena Villares
coñecéronse por casualidade,
en Compostela, no decorrer do curso
"O guión no estilo
documental". Alí
decatáronse de que pola historia
persoal de cada unha tiñan
que facer un documental que recollese
as historias e as lendas da súa
terra. Malia que Cristina non é
galega, non fai falla afondar moito
na súa xenealoxía
para achar nela o rastro da emigración.
A súa avoa é galega,
e medrou, como moitos, influída
polas lendas e polos contos. Non
precisaban máis para botarse
a andar nun camiño cheo de
atrancos a través das lendas
e contos de tradición oral.
Unha loita contra o tempo e contra
o esquecemento da memoria.
Pero
comezar unha tarefa arriscada coma
esta era, ademais de ardua, custosa.
E iso implicaba buscar cartos ata
debaixo das pedras. Uns inicios
que recordan moi duros "a primeira
axuda foi de desenvolvemento, a
que anualmente concede a Xunta de
Galicia, logo chegou unha para producción;
á que nos presentamos como
Productora, Nemedon, porque era
un requisito fundamental".
Pero neste camiñar non foron
soas, ademais das pantasmas e das
lendas a través das bocas
de cada fonte, traballaron da man
dun verdadeiro especialista: Llorenç
Soler.
Namorado do proxecto, vencellado
con Galicia e profesor das tres
documentalistas, Soler achegou o
seu gran de area no primeiro dos
7 capítulos que compoñen
a serie e que recibíu un
premio Agapi á mellor
producción documental en
1998. Segundo elas "estivemos
un mes traballando con el e resultou
moi enriquecedor. Nós tiñamos
moi claro o que queriamos e puxémonos
en marcha para conseguilo".
Documentando
un espacio que xa non existe
En
primeiro lugar tiveron que ir recuperando
espacios, documentando e recollendo
todo tipo de datos que servisen
para recrear unha época que
xa non existe. Porque tal e como
recorda Helena, "o fundamental
é que falta o pasado e xa
non está no presente".
E non só iso, como engade
Pilar, "sabemos dúas
cousas: unha que imos con carencias
e dúas que non somos especialistas
e por iso contamos con especialistas:
musicólogos (Antón
Santamarina), antropólogos
(Marcial Gondar), e tamén
desde o punto de vista técnico
ás veces contamos con outro
tipo de asesoramento".
Ó seu dispor tamén
tiveron, ademais, os fondos do Museo
do Pobo Galego, o dos museos etnográficos
de cada zona, as múltiples
asociacións e os concelleiros
de cultura de cada vila, que lles
serviron de fonte de documentación
para recrearen unha atmosfera que
xa non existe, con lendas que teñen
características comúns
en toda Galicia.
As
tres son conscientes de que existen
outros traballos audiovisuais sobre
lendas e mitos de Galicia. E aínda
así, quixeron facer un producto
diferente que se desmarcarse do
tratamento visto ata o de agora.
Por iso elaboraron unha serie que
respectase a xente, as propias fontes,
cunha imaxe moi coidada de cada
un dos que participan. Porque,
segundo elas, "neste proxecto
é máis importante
a persoa que a personaxe, traballas
para a persoa por iso preparas o
plano no que vai a personaxe da
maneira máis coidada. No
momento no que se sinta incómoda
por algunha circunstancia, por ignorancia
nosa ou por calquera outro motivo
córtase. E faise para que
esa persoa non se sinta violenta".
Cada quen sae ó seu gusto.
A
morte do demo e a da Santa Compaña
Aínda
que o cometido desta serie de documentais
son as "lendas e contos de
tradición oral", Pilar,
Cristina e Helena tamén lle
dedican o seu tempo a "recuperar
músicas e todo o identificativo
dese pobo: traballos, paisaxes,
anécdotas e moitas especificidades
propias de cada sitio". Todo
para situarse nun momento que xa
non existe. Que quede claro
que moitas das pantasmas das lendas
morreron coa chegada do progreso.
Por exemplo o demo finou coa chegada
do automóvil e a santa compaña
coa chegada da luz. "Antes,
cando se ía á Feira
de Piornedo a Becerreá tiñas
que marchar de noite para chegar
pola mañá. E, de noite,
nos camiños pasabas por diante
de moitas cousas. Pero, cando chegou
o coche foise á feira pola
mañá, e como vas rápido,
pasas polo lado do demo sen velo".
Pero non foi no único caso
no que se perderon as lendas que
compoñen esta serie documental.
De feito "antes á saída
do fiadeiro cara a túa casa
non había luz, polo que podías
ver as luces da Santa Compaña
cando ías polo monte. E agora
coa chegada do tendido da electricidade
á casa desapareceron as luces
da Santa Compaña". Xa
nada é igual.
Quedou
claro que de Fisterra ó Courel,
da Limia ata a terra de Bergantiños,
as lendas tiñan compoñentes
comúns, só había
que adaptalas á zona de cada
quen. Ou polo menos así as
contan as mulleres, que son as verdadeiras
posuidoras da memoria e as principais
protagonistas da "Palabra no
tempo". Relegadas ó
seu papel dentro da casa, reiterpretaron
e gardaron os feitos contándolles
os contos dos fillos ós netos
para que esas cousas non se esquezan.
E
unha vez feita máis da metade
do traballo, Cristina, Pilar e Helena
botan un ollo cara a atrás,
cara ós obxectivos que as
uniron nesta empresa, e esperan
conseguir un bo producto. Pero un
documental feito, non a calquera
prezo, senón gañando
o respecto e a aprobación
de cada un dos que o fixeron posible,
desde Nélida, ata Felicitas,
ou Fina.... que foron as que gardaron
no seu maxín a memoria dun
pobo. Nunca unha historia nacional
foi tan universal.
E
mentres as tres seguen tan ocupadas
e preocupadas en rematar con mimo
e rigor o primeiro proxecto de Nemedon,
de fondo emerxe a idea de facer
o seu grande documental: a Guerra
Civil en Galicia.
|