|
|

Xubilosa foi a primeira celebración
de misa, á que
se achegaron numerosas mulleres coas súas criaturas. Tivo
lugar en hora de farta luz nos ceos limpos, con columnas de fume
que saían dos fogóns dos moitos toldos espallados
por toda a marca do cacicado. Había unha santa paz sobre
os campos nevados e aquela pureza da neve inspiroume a predicación
de Santa Paula Barbada, a dona casta que, sentíndose acosada
por un poderoso señor que a requiría de amores ilícitos,
encerrouse a orar pedindo á Santísima Virxe intercesión
ante o seu Divino Fillo para que lle concedese atributos capaces
de a converteren en espanto aos ollos dos varóns, e obtivo
por milagre unhas cumpridas barbas co efecto desexado.
Vin
bágoas nos ollos das que vivían como barragás
dos indios, incapaces de se subtraeren á varonil imposición,
e comprendín, como comprendeu e me indicou o Manuel Hermosilla,
que o campo do arrepentimento estaba adubiado e pronto para a sementeira
da Gracia. Só ficou nas nosas almas o grave peso de non podermos
dar socorro de inmediato ás perdidas, correndo, como corrían,
o risco de morreren antes da confesión e sen cumprimento
do propósito de enmenda.
Das
mulleres cristiás obtivemos noticia de haber uns estranxeiros
polos pagos da República, varios loiros e un mulato, o cal
coincidía co xa escoitado no Vuulcan; e non tardamos en ter
confirmación dese punto, e dunha anterior sospeita.
Pasadas
que foron unhas tormentas de neve, volveron o Baltasar e o Rego,
os nosos compañeiros de peregrinación, que viñan
de Chile, onde venderan o que trouxeran de valor connosco, e onde
morrera o Alonso nunha liorta. Fíxenlles queixa das continuas
bebedeiras e fornicacións a que se entregaban os súbditos
de Ancapán, seus veciños, con grave escándalo
de menores; e dun costume supersticioso, o de bateren os coiros
dos toldos con varas para afuxentar o Hualichu ou espírito
do Mal, con algueirada que resultaba en mingua do descanso e da
orde nas vidas. Pedinlles axuda para explicaren aos demais os principios
que nós lles predicaramos, e asistencia aos cultos para atraeren
outros indios co seu exemplo, faltando cristiáns en catividade
que nos axudasen no apostolado, aos que non viamos asistir.
Neste
punto razoou o Baltasar que os cristiáns xa antigos na tribo
colleran os costumes dos infieis e non debiamos esperar moito da
súa condición; mais había novos cristiáns
aos que se podía avisar das cerimonias, esperando que fixesen
acto de presencia nelas.
Prometeu
avisalos; e así sería, por noticia que el transmitise
de propia vontade, como se presentou
entre os fieis un home mozo e alto, de tez clara curtida
polos ventos cordilleiráns, loiro e de ollos azuis, vestido
ao xeito da terra pero indubidablemente alleo a ela. Atendeu con
aparente devoción e fixo o sinal da cruz con seguridade,
do cal deducín fose católico, dalgunha nación
europea.
[Alén
da desventura. Vigo. Xerais, 1998]
|
|