|

A
Susiño dixéronlle na casa que a súa irmá
estaba servindo. Susiño ten cinco anos. Hai moitas cousas que
non entende. Outras mozas da aldea, que tamén foran de criadas
para a vila, veñen cada pouco tempo ver a súa xente.
¿E por que Dorinda non vén? Ás veces, cando vai
co gando para o monte, os mozotes sáenlle con:
-Tes unha irmá
de moito...
Ou:
-Túa irmá
déitase con calquera.
Supoñía
Susiño que algo había de noxento, de escuro, en todo
aquelo, peron non acababa de entender. Lembrábase de Dorinda.
Un día de Nadal viñera á casa. Tiña vestido
e enfeites que el non vira endexamais. O pelo semellaba lapra, e levaba
moi pintadas as fazulas e o bico e arredor dos ollos. Chegara ben
cedo e fórase pola noite, procurando que non a visen os veciños.
Deixou na casa un recendo coma de flores murchas... Algo de extraño
había. Susiño atopou un domingo a súa nai chorando,
mentres ollaba un retrato de cando Dorinda era pequecha.
-¡Que esa pendanga
non atravese máis a soleira desta casa...! -dixo un dia o pai
de Susiño. E o eco daqueles berros aínda resoaba no
maxín do neno.
Amais daquel retrato
tiñan outro que ela mandara cunha carta. Estaba case encoiro,
sentada na beira do mar. Un home cometíalle cunha botella mentres
lle pasaba a man derredor do pescozo. Cando non había ninguén
na casa, Susiño abría o baúl e quedábase
ollándoa. Malia aquel noxo misterioso, aquel segredo ou vergoña,
pois ben quixera dicirlles a todos que tiña unha irmá
grande e boa moza. Pero había que calar. Coma quen acocha unha
ferida.
Susiño non
quería atoparse con ninguén, para que lle non dixesen
cousas. Abondáballe con aquel disgusto que inzaba toda a casa.
Aquela tristura que el non sabía explicar, pero que se vía
ata nas paredes e nos días longos e na horta. En todo.
Coidaba Susiño
que agora ía entender. Pero sabe menos que antes. A Dorinda
trouxérona nun automóbil ata o pontillón. E de
alí veu no carro. Non se queixaba. Dende a eira entrou camiñando,
con pasos moi vagarosos. Viña entre dúas mulleres vestidas
de branco. Traía a cara acochada, e o corpo todo coma envolto.
O pai ía dunha banda para outra e pechaba os puños.
Esquecérase do seu xuramento da soleira. Susiño non
puido falar con Dorinda. ¡E tiña tantas cousas para lle
dicir! Non o deixaron tan sequera achegárselle. Nin entrar
no cuarto dela.
[Xente
no rodicio. Vigo. Galaxia, 1998 ( 3 ed) ] |

Eran
tres irmaos... Así empezaban algúns vellos contos que
nos van dando logo o rumbo e a fortuna de cada un dos persoaxes mundo
adiante. Pero a historia non leva esta vez tan boa fada. Todo é
máis sinxelo e verdadeiro.
O serrador vivía
na entrada do monte, ó pé da telleira, nunha casupa
de táboas. Perdera a muller, nun andacio de malas frebes. Con
el ficaban os tres rapaces: tres xalgaretes esfameados que trizaban
descalzos sobor do chao barrento. O serrador fendía toradas
de piñeiro coa serra de aire. Facía axustes e botaba
no monte varios días.
Unha tarde xurdeu
a lumareda, e cando os veciños chegaron, da casupa de táboas
quedaba somentes unha morea de borralla.
E sen agardar a volta
do pai, os tres fillos do serrador -tal e como se di nos contos vellos-
saíron polo mundo. Saíron a pedir esmola por cadanseu
camiño.
[Pan. Vigo. Galaxia, 1987]
|