|

Prisciliano,
que fora perdendo esperanzas día a día desde que chegou
a Tréveris, desexou a morte no mesmo momento en que pisou
o infecto calabozo. ¡Que felices aqueles condanados por falso testimonio
obrigados a lanzarse desde a roca Tarpeya! Aínda que abaixo
agardasen as agudas e escarpadas puntas das penas, era unha morte
máis libre, máis de paxaro, nun intre, cos pulmóns
enchidos de aire xeneroso e berro redentor de corvo, afogado polo
vento. Así desexaba a morte e non esta angustiosa e medoña
cova de flaxelar.
O
último sometido a tormento, antes de Prisciliano, fora Faustino,
notario do exército, fillo da irmá do prefecto do
pretorio Xuvencio. O seu delito era ter dado morte a un burro para
emprega-lo seu corpo nunha operación máxica, segundo
a acusación. Segundo o acusado, para obter un remedio contra
a caída do cabelo. ¡Cara coquetería!
Nesa
cova, os ollos de Prisciliano, aqueles puntos verdes animados, sempre
vivos e observadores, colleran a mirada torva, desconfiada, de animal
apresado, de impotencia, de débil ave engaiolada. Da súa
arrogancia non quedaba máis que a forza da rutina, que non
da vontade, marcada como a lume na figura. A suficiente para envalentonar
ós seus verdugos.
As
antorchas ardían nos cantos, non sabía se como lume
de redención, como cirio purificador nas mans dos carniceiros,
como brasa de aquecer parrillas de sacrificio, como lareira de quenta-lo
aceite de arrasar vísceras e auga de escaldar membros, ou
ben para que puidese enxerga-los instrumentos de terror, máis
pavorosos aínda entre as sombras alampadas, secretas e infames
da fosa masacrante.
Un
fedor acedo, balorento e visceral delataba vómitos terrulentos
de estómagos nauseabundos, materias fecais, escapadas de
ventres de grima e espanto, depositadas entre as fendas das lousas,
mouras e encharcadas, polos cantos escuros, onde a auga baldeada
a penas chega para limpa-lo oprobio.
Neste
noxento e pestilento clima, neste ambiente de inmundicia, o fiscal
Evodio, coa ampulosidade inchada dos prigos da túnica togada,
ascende, como a un trono, os tres degraus do estrado, seguido de
dous axudantes, de punzón na man, preparados para tomar nota.
Séntase, fachendoso, na cátedra ante unha mesa tosca,
pero imponente alá arriba. Porque naquel indecente antro
non podía falta-la aparencia de curia xudicial, a fachada,
carnavalesca de tribunal, situado alí, nun pequeno alto onde
o demagogo, secundado por dous coristas impávidos e serviciais,
puidese face-lo paripé legal, dar fe das confesións
e divisa-lo panorama aborrecido desde a altura conveniente ó
seu rango e posición, pero non demasiada para poder escoita-las
revelacións que os reos ían desgrañando, arrincadas
polos instrumentos como grans dunha verde mazorca. Os verdugos,
abaixo, no plano inferior e manual, agardaban as ordes
[Amantia.
Vigo. Xerais, 1985]
|