|

Libros e mapas oficiais semellan empeñados en chamarlle o
Cordal de Neda. Mais, os homes que alí viven e conviven saben
que o seu nome é A Corda. Así, sen mais, A Corda.
Unha serra queiroguenta, rechea de montes vellos e lombos gordos,
que percorre os lindeiros de Abadín e A Pastoriza, sen erguerse
enxamais por derriba dos oitocentos metros. Unha serra na que finda
polo sur a fértil e dispersa Terra Chá e na que comezan
polo norde os vales verdecentes de Lourenzá. E tamén
unha serra augacenta da que saen ducias de reguiños: uns,
afluentes lonxanos do Miño, a correr cara ó Atlántico;
outros, saltareiros, encurvados, a carrexar augas pró Cantábrico.
A Corda. Unha serra que adoita amosarse neboenta, pola que agallopan
á cotío ceibes éguas bravas e pastan todo o
ano greas de vacas e rebaños de ovellas e cabras. Animais
que van ó seu gosto dun lado pra outro, suxeitos somentes
a unha vixilancia esporádica e marxinal. (Ás veces,
pasan semans sen que ninguén suba velos, e, cando alguén
sube, limitase a botarlles unha ollada de coto a coto pra saber
deles e telos localizados). E tamén os lobos, que chegan
coas navaradas de decembro e xaneiro, en manadas, dispostos a protagonizar
un enxeñoso, porfiado e teimudo desafiamento cos donos ou
responsables do cuido do gando. Un desafiamento que logo se prolonga
nos centos de historias de homes e lobos que se contan nos pobos
de A Corda e que se transmiten de xeración en xeración,
imutables, heroicas ás veces, cáseque sempre ben humoradas,
parte sustancial dunha ricacísima tradición oral.
Velahí A Corda, tamén unha paisaxe ben característica.
Zarros (mórmente xesteiras) de longos balados nas encostas.
Monte aberto -dividido, pro sen cerrumes- nas cumieiras. Mestas
toxeiras. Tintilantes fontes de auga fresca en todo tempo. Caza
(perdices, coellos) no outono. E no vran, música de abellas,
que acorren e comprimentan todas as variedades do violeta nas infindas
queiroeiras (amais de toxos e xestas) que convierten A Corda nun
extraordinario berce nutricio, sempre humectada por ventos mareiros
e xistros nordés.
Mais, A Corda é tamén A Montaña da que falan
as xentes de Abadín, Mondoñedo e Lourenzá.
A Montaña que refíren os poetas Leiras Pulpeiro, Noriega
Varela e Iglesia Alvariño, aínda que os tres o fagan
de xeitos ben diferentes. Que cecais compre lembrar aqui que, entanto
o progresista Leiras Pulpeiro, intimidado pola austeridade e monotonía
da alimentación de A Corda (baseada no porco), pedía:
"Daime onde ao mar unha cova, /Daime minchiñas e lapas,
/e douvos todo, todiño, / canto se da na Montaña",
o bardo Noriega Varela, de vea mais íntima e sensible, escribía
namorado: "A que a ialma me cautiva, / A que a inspiración
me exalta, / A que me acolleu piadosa, / A miña terra é
a A Montaña". Versos ós que hai que sumar os
do vate Aquilino Iglesia, que soubo relembrar as pisadas silenzosas
da lúa, as estrelas lavándose nas pucharcas e os cómaros
verdes nos ríos, e que un día sentenciou: "A
Montaña, coma substanza en sí, é algo duro,
medoñento". E, tamén, as verbas populares de
Crecente Vega, as líricas e engraciadas de Alvaro Cunqueiro
e as de outros moitos poetas de xenio.
Que así é A Corda. Unha serra pra andar de vagar,
sen presa; pra que os homes, pola mediación da natureza,
se aveñan e amiguen consigo mesmos e co seu destino. Uns
montes entrañables pra quen os coñece e os ama e sofre
lonxe deles (que fóra todo semella cárcere ou deserto).
[Homes
de tras da corda. Vigo, Xerais, 1982]
|