|

Gostaríame
chegar a vello para dicirlle a un neto que teña que non cace
grilos. Que non os espante. Que non os faga saír do buraco
cos seus mexos. E para explicarlle o por qué.
Gostaríame chegar a vello, pero non é probable que
chegue. Como din no campionato de fútbol sobre os equipos
modestos, as posibilidades de que eu chegue a vello son máis
ben remotas. Unha vez tiven un pesadelo. Era o meu propio funeral
e o cura dicía: "Sentimos moito esta perda reparable".
Ademais, antes de chegar a vello, teño que nacer.
Pese ao que digan, nacer non é nada fácil. É
complicado. Se tiver a man unhas estadísticas podería
demostrarlles como existe unha íntima relación entre
as taxas de mortalidade e natalidade. Se o expresamos graficamente,
a vida sería como un arco tensado entre unha e outra taxa.
Ese arco está forrado de pel que se vai curtindo. Ao tacto,
a derradeira lámina de pel é como unha espiga de maínzo,
pero sen graos de maínzo.
A pel da taxa de mortalidade é áspera. Poderías
prender un fósforo no dorso dos seus brazos.
Alguén contoulle á miña nai que hai sitios
en que os nenos nacen na auga, nunha piscina a 36,5 graos centígrados
de temperatura. Os críos saen ao mundo flotando amodiño,
como soños arrolados nun pentagrama. O cordón umbilical
enlaza o real co imaxinario. Cando o cortan, o neno que é
conto faise real. O seu irmán debuxou para el unha linda
casa con flores. E cando curtan o cordón, tamén a
casa con flores se fai real.
Eu xa pertenzo á realidade antes de nacer. Non son un conto.
Son un problema. Cando a miña nai vai á vila, decátome
de que algúns a miran como se levara un saco de problemas
no ventre. Pero ela, pesia todo, lévame de boa gana, como
se levara un saco de maínzo de cores.
E se nazo a destempo, será por un susto. Por un susto grande.
Como os que fan saír aos grilos dos seus buracos.
O meu irmán pinta medos na escola. Cando corten o fío
que me une á miña nai, eses medos faranse realidade.
Virán os que pisan o maínzo.
Gostaríame chegar a vello para explicarlle a un neto: Están
os que prantan o maínzo e os que pisan o maínzo.
A min o que me gostaría é nacer e non nacer. Que ninguén
cortara o cordel até que se acabaran os medos. Cando miña
nai prantase o maínzo, eu cantaría como un grilo ao
sol. E cando chegasen os dos medos, coas súas bestas ferradas
pisando o maínzo, volvería outra vez ao ventre da
miña nai, a 36,5 graos centígrados.
Pero nacín xa e cortáronme o cordón e estou
na escola e pinto medos porque hoxe volveron a calar os grilos.
[Inedito,
1998]
|