|

Aquela
muller morreu unha tarde de inverno, chegara cansa
de traballar, levaban un mes moi atafegado no despacho de avogados
no que traballaba, e cando chegou á casa e viu o cuarto dos
fillos todo revolto desesperouse primeiro e logo púxose a
recoller todo un pouco, foi xusto cando se agachou a apañar
uns tenis que saían de debaixo da cama cando lle deu unha
embolia. Foi como unha cegueira e un mareo e caeu xa sobre o leito
que tiña ao lado, non soubo canto tempo estivera así
sen sentir nada máis, ficou alí inmóbil porque
estaba morta xa. Mais ocorreu que chamaron na porta do piso e movida
polo costume, a rutina de facer andar as pernas cansadas e arrastrar
os pés ata a porta a ver quen era, ergueuse do leito e foi
ata alí como suspendida no aire. Abriu e alí estaba
unha muller con cara cansa, ollos encoveirados, cabelo graxo e sucio
e roupa vella, alí de pé ollándoa con aquela
cara de pena. Era a morte que viña por ela, mais como ela
nunca antes vira a morte pois non a recoñeceu.
-
¡Non, non dou nada! -e cerroulle a porta nos fociños. Tiña
por norma non dar esmola a quen viña a pedir polas portas
e non mercar calendarios nin contestar enquisas nin subscribirse
a nada. Deulle pena aquela muller que a ollara con cara de tristeza
mais se se paraba a escoitar o que dicían, as súas
súplicas aínda era peor, tería máis
pena de dicirlle que non; e non podía ser que unha atendera
tanta xente como viña polas portas.
De
maneira que buscou forzas na propia teimuda persistencia de tantos
anos insistindo en vivir e continuou a súa vida. Realmente
ninguén se decatou de que morrera, no traballo continuou
desempeñando os seus labores, iso si, na práctica
renunciou a competir por calquera ascenso ou progreso da súa
situación, mais seguiu alí insistindo un día
e logo outro. Tampouco os seus fillos ou o seu home notaron nada.
O home algunha vez referiuse a que a vía como desganada e,
xa que era médico, deixoulle na mesa un frasquiño
de vitaminas dos que recibía de mostra gratuíta. Os
días seguiron pasando, os fillos seguían medrando,
e aínda que o seu home se entendía con outra muller,
e ela sabíao desde había anos, un día achegouse
a ela e ela deixouno facer. Foi así como preñou.
Non
tivo o entusiasmo ou as depresións que tivera cos anteriores
embarazos, máis ben viviuno na atonía. Informáronlle
de que había ser nena mercé a unha ecografía
que amosou aquel corpiño aboiando no líquido amniótico
do seu interior, a meniña había ser unha novidade
que a rexuvenecese. A pobre non sabía que xa levaba un ano
morta.
A
nena naceu mortiña, claro. Ela non sentiu nada, só
estaba atordada e desconcertada. E así ficou logo de parir
algo asustada ante unha nada moi grande alí soa no seu cuarto
de hospital, o seu home tiña garda nun sanatorio privado
nese momento.
E
alí apareceu outra vez aquela muller pola porta. E entón
comprendeu, recoñeceuna, era a morte, E lembrouna tamén,
xa estivera unha vez na porta da súa casa.
-¿Entón
acabou?
-Acabou.
Xa acabara hai un ano, mais ti seguiches, es tan teimuda. E lenta.
-Sempre
o fun, sempre tardei máis có resto da xente para decatarme
das cousas. Por iso tiven que ser teimuda, supoño. Foi pena,
se cadra coa meniña revivía...
-Non
podía ser, faime caso. Non teimes máis.
-Xa.
Así a todo a miña morte foiche ben imperceptíbel,
nin me dei de conta.
-Foi.
-Tamén
a miña vida foi imperceptíbel, case non me dei de
conta de que estaba a vivir.
-Tamén.
E
como seguía sentada no leito branco coas mans xuntas cos
dedos cruzados e coa vista ida perdida nalgún lado, ou en
ningún, pois a muller achegouse a ela e sacudiulle suavemente
un ombro.
-Anda,
veña; vamos.
E
ela ergueuse con disposición e unha expresión de dispoñibilidade
como cando se erguía sendo nena os domingos para almorzar.
Era hora xa.
[Círculo.
Vigo. Xerais, 1992 (2 ed) ]
|