|

No
medio da pista non quedaban xa máis que dúas parellas
que aproveitaban a música cansa da peza final. Pouco a pouco
o cheiro quente dos corpos deixaba paso ó ambientador con
recendo a rosas, que ía baixando dende o corredor do piso
alto, mentres nas escaleiras de saída un camareiro convencía
con dificultade a dous borrachos que xa se cambiaran a chaqueta
do smoking e os zapatos, e queríanse cambiar aínda
os pantalóns tamén. Entón un deles berrou me
cago en el as de oros y en los huevos del rey de Portugal, e foi
Ricardo Romero a dicirlle que por favor, que aínda quedaban
señoras na sala. Mara ría hip hip hip e logo, botando
o corpo para atrás, xirou o taburete de repente e pediu outro
gintonic, por favor. Pero o barman xa saltara a axudar ó
compañeiro que acaba de recibir un puñetazo na boca
e comprobaba asustado que dos labios lle saía unha fontiña
de sangue. Do fondo da pista empezaron a pedir: que lo remate, que
lo remate. E mentres Ricardo facía xestos de calma, señores,
compórtense como caballeros, sen que ninguén lle prestase
atención, dende a porta dos servicios chegou unha voz ronca
que se infiltrou por entre os ruídos das sillas, por debaixo
dos berros, sobre o derradeiro compás da música, para
quedar soíña un instante colgada no aire: caballero
ti e a burra que te pariu. Foise cara a el e chimpouno contra a
parede. Despois deulle co xeonllo dereito no ventre e ía
baterlle na cabeza cando se meteron dous músicos polo medio
e arrastrárono pola forza ó centro da pista. O outro
saíu dobrado, farfullando algo entre os dentes, e subiu as
escaleiras de saída baixo un coro de berros, asubíos
e aplausos. Mara dixo up, Ricardo, up up up, e foise correndo a
abrazalo. Alguén pediu música, e unha señora
ascendeu descalza e tambaleante os tres escalóns do baldaquino
que ocupaba a orquesta, colleu o micrófono e púxose
a cantar Strangers in the night. E antes de que rematase,
xa Mara empezou pasimisí, pasimisá por la puerta de
Alcalá, e púxose todo o mundo a saltar, a bailar,
a berrar... Logo veu a conga de Jalisco, a raspa, outra vez o pasimisí,
o pasodobre España cañí, a ovejita lucera e
polo río abaixo vai unha troita de pe. Tamén veu un
discurso de Ricardo no que rematou dicindo que auga pasada non moe
muíño, o que lle serviu para entoar moe que moe moendo;
cantou novamente a señora descalza, da que de seguida se
correu que se chamaba Gela e que era pintora; os borrachos do comenzo
acabaron por cambiar tamén os pantalóns entre os risos
e os aplausos de tódolos asistentes; a casa invitou primeiro
a champán e xa, despois das cinco, a chocolate con churros;
un dos que berraban que lo remate que lo remate, apareceu cunha
empanada de bonito recén saída do forno que se repartiu
en tapas; outro imitou a Louis Amrstrong e a Frank Sinatra; tamén
imitaron a Lola Flores; había un avogado que quería
demostrar que era capaz de tocar o himno nacional inglés
póndose co cu para riba e cos pes para abaixo, pero non o
deixou actuar a súa muller, a quen a pintora lle chamou antipática
de xeito cariñoso; dous irmáns xemeos tourearon de
salón sen éxito; a imitadora de Lola Flores andaba
a pedir uns pantalóns para facer o pino, pero non os conseguiu
e acabouno facendo coa saia cosida cun imperdible; Mara bailou por
sevillanas; a muller do avogado rompeu un vaso sen querer e estivo
chorando máis de media hora; Ricardo bailou cun camareiro;
Gela saíu despavorida do servicio de señoras dicindo
que había un home dentro, e alá se foron todos, sacárono
en calzóns e regáronlle a cara cun sifón; o
imitador de Louis Amrstrong imitou tamén a Charlot; o animador
da orquesta contou o chiste do home que chegou borracho á
casa, sacou o ollo de cristal, meteuno nun vaso de auga, tivo sede
de noite e bebeu sen se dar conta, pero ó día seguinte
sentiu molestias en certo sitio (dicía certo sitio con voz
aflautada) e chamou á muller: ai María mírame
aquí por baixo que non sei que teño; e foi ela, achegouse
para ver ben e... retrocedeu espantada: ¡Manuel, ti tes xente
dentro!; a imitadora de Lola Flores animouse e contou o de Jaimito
cando quere casar coa mestra; o regado con sifón dixo que
el sabía un moi verde, contouno e regárono outra vez;
Mara entoou un sargento del tabor de regulares; Ricardo seguiuna
con su Santidad el Papa Urbano; o avogado ó que non o deixara
actuar a súa dona, puido contar o chiste do negro que tiña
plátanos nunha orella; o músico da trompeta dixo que
coñecía a un señor da súa vila que era
tan porco que tiña entre os dedos das mans esas pelotiñas
negras que todos temos entre os dedos dos pes; un dos xemeos andou
a catro patas, coa señora do avogado cargada ó lombo,
e rinchaba.
[Xoguetes
para un tempo prohibido. Vigo. Galaxia, 1988 (7 ed) ]
|