|

Sabía
que a soidade era un río fondo no que os seixos reflectían
brillos de penuria, un espello cóncavo onde non encontraba
o seu rostro tumefacto, o conxuro dos déngaros imposibles,
o cristal traidor no courel da alma, orneo de harpías e grifóns,
martarañas correndo libres nas chairas azuis, cabalo desbocado,
roda de arame que tritura as veas portadoras de sangue limpo, un
galpón que gardaba os medos e desesperos, ortigal con espiños
de chumbo, o pavés que ía cubrindo de lodo as ilusións
pequenas, e as grandes, todas. Iso era a soidade. Pero tamén
as horas nas que ela non estaba, as horas nas que ela nunca estaba,
e sen embargo o seu rostro gabeaba o aire do cuarto, a almofada,
os silencios que xa non contiñan o seu respirar. Quérote,
máis que nunca, quérote.
(...)
As palabras son coitelos que caen, en
forma de auga, dende o ceo. Vexo chover. Tamén vexo o castelo
embruxado que cospe de cando en vez meigas danzando coas súas
vasoiras para min. Gris. O horizonte sempre é gris (a falta
de fe, dixen eu nunha destas páxinas que gasto para saber
que aínda estou vivo). Cecais porque o futuro é unha
maldita quimera (quimera, palabra horrenda, pero non a borro, soa
a doce de marmelo mesturado con queixo fresquiño de vaca
tenra e miúda). O futuro do meu país é unha
maldita quimera. Debo escribilo unha e outra vez nos circuítos
caducos da miña memoria. Herminio escribiu demasiado. Pasou
media vida conducindo e outra media pensando, tramando, anotando,
escribindo contos. Un iluso. Como todos os escritores que
realmente queren ser só escritores. Fantasiosos, ficticios,
soñadores: inútiles. E Sor Berta non apareceu aínda
pola habitación. Igual ten cousas que facer. Demasiadas cousas
que facer nun convento frenopático. Atencións diversas
a diversos seres diversos. Nunca falei deles nestes papeis. Podería
encher unha tras outra centos e centos de páxinas: os que
miran a lúa dende o seu cuarto e choran sen parar, as tristes
e os tristes de vocación que necesitan cada vez doses máis
elevadas de antidepresivos, a muller que abandonou ao seu fillo
e que nunca puido superar a pena, os homes que cargan nas súas
costas o peso dunha guerra que non viviron e sen embargo flúe
polas súas entrañas, señoras e señores
agresivos suxeitos dende o seu ingreso a cantidades variables de
tranquilizantes, os nerviosos e nerviosas, o home que non sabe rir,
unha rapaza de poucos anos que cre realmente que Deus se encarnou
(se plastificou?) na súa boneca de trapo, os que non soportan
a presencia de seres ao seu redor e que sen saber o motivo botan
a correr presas e presos dun pánico inxente, os vencidos,
os expulsados do mundo, os doentes crónicos de crónicas
humillacións... Os loucos. Somos nós.
[Un xogo de apócrifos.
Vigo. Xerais, 1998]
|