|

Temblo,
pero non de emoción, senón de Parkinson. Reconozo
que non llo debín dicir tan bruscamente cando ó baixar
do coche vin que estaban a agardar por min. O certo é que
prefería ter chegado só, ocupa-la vella casa tranquila
e sosegadamente, e ir valéndome por min mesmo. Pero non foi
así e non sei se me culpar por elo. Pode que sexa unha teima
de vello, pero así é. Chegada a edade provecta na
que me atopo tendo, con donidade abonda, a me sentir culpable de
caseque todo. De ter feito isto ou de non ter feito aquelo; de me
adiantar na realización de algo ou de considerar que me retrasei
na súa execución. Iste desasosego debe ser cousa da
vellez ou, o que é pior, a vellez mesma. Rosmar por todo,
maldicir de todo e todo criticalo, atopalo ruín ou excelso,
segundo o teña atopado quen comigo estea e con tal de lle
leva-la contraria, non é máis ca un signo de afirmación
propio de vellez. Consólame o pensar que ó ser conscente
disto aínda teño algunha esperanza de vida e aínda
me podo ir zafando da desintegración final.
Posiblemente
se trate dun proceso semellante ó dos nenos só que
no sentido involutivo, pois coma un neno é como eu me sinto
logo de me ter afirmado de xeitos tan peculiares coma o que cometín
ó baixar do coche. Coma un neno que pra se afirmar vai baleirando
do berce o axóuxere, a chupeta, todo canto por ver de entreteñelo
foron depositando sobor del e que, cada vez que acada a arredar
de xunto súa unha imposición feita polos seus maiores,
rosma satisfeito e afirmado da súa propia decisión.
Coma un neno que vai chuspindo as papas de millo, ou o xantar prefabricado
que alguén mercou pra el na farmacia viciña e, ó
facelo, surrí malévolo e dono de maior confianza en
si mesmo da que deica entón endexamais tivera. Coma un neno
que se nega a repeti-las frases, ou tan só as verbas que
os seus intentan lle aprender e logo tatexa aquelas outras que a
el lle petan e que non din ou non teñen nada que ver coas
que del se agardan. Coma un neno...
Foi o meu exabrupto
un xeito de mandarlles aviso do que me levara alí, de lles
dicir a miña palabra e de lles impor a miña visión
dos feitos, o meu concepto das cousas; de os encanar polo rego da
miña propia e inútil afirmación de vello. A
miña vontade, non os meus sentementos, fora o que me levara
alí. A miña propia decisión, non a idade da
vida. E debía ser así. Non coñecía a
casa e non me podía emocionar; tampouco non me coñecían
eles a mín e a noticia dun vello que sae nos xornais non
era razón abonda como pra que os conmovidos fosen eles.
Tampouco non
había maior xustificación pra que estivesen a agardar
por mín; a non ser un aviso do xeito de "mañán
chega o novo dono, a eso das catro" non había razón
ningunha pra que me agardara tanta xente. Nin tanta, nin tan pouca,
porque tampouco non mandara eu recado ningún; nin deixara
dito que fora dado por ninguén.
[Versión orixinal en galego
de Los otros días. Barcelona. Destino, 1991]
|