|

A
casa de Buenos Aires eran catro paredes de cal, unha escaleira que
daba a un patín e unha varanda. E dende a varanda víase
o mar: a brétema cincenta do río da Prata. Dous soldados
de uniforme custodiaban día e noite as entradas, por mandado
do Vicerrei, e deixaban pasar só as persoas que el autorizaba:
dona María Luísa de Almeida e o mucamo negro que os
servía; don Manuel Ignacio Fernández, o Intendente
Xeral, e mais eu, o seu primeiro piloto, que viñera da boca
do Río Negro para ver a meu capitán.
(...) Estaba
meu señor contra o fondo da estancia, a media luz, que entraba
de esguello por un fachinelo estreito detrás da súa
figura. Parei quieto na porta, agardando algo, quizais a súa
voz, logo daqueles meses sen noticias, que parecían anos,
e el de primeiras non dixo nada, negou cun aceno da man a luz da
candea que a señora traía, como se gustase das sombras
para ocultar a humillación, a súa derrota, e logo
dun anaco calado, comentou: "aquí me ves, piloto, mentres
o mundo corre fóra destas paredes e a ocasión desaparece."
Lembro as súas palabras e, sobre todo, a aparente resignación
da súa voz, que era finxida, pois ardía de rabia por
dentro. Peor estaba un mes antes, cando o De Salcedo, acaso temeroso
da posible reacción dos ministros de el-Rei, non o sei, mandou
que lle tirasen os ferros e deu permiso para que, en compaña
de dona María Luísa, ficase en custodia na casa, á
espera do que a Coroa determinase. Mais iso non o consolaba. A señora
De Almeida encargouse dende o primeiro momento de todo. Escribiu
cartas, moveu amigos -entre eles disque algúns daqueles prestamistas
que apostaran os seus diñeiros-, enviou papeis e descargos
ás altísimas instancias de Aranxuez, axitou as alarmas,
emprazou ó Vicerrei e mais ó seu secretario, ese Manuel
Ignacio Fernández, que viña cada tarde onda meu señor
por ver se o confesaba; rogou, ameazou, reclamou, conmoveu, preparou
a casa para acollelo e tiralo fóra das humillantes mazmorras.
E alí estaba, diante de min, o cabaleiro de Galicia. "¿A
que viñeches, piloto? ¿Por canto me vas vender?"
Polas tardes subiamos á azotea e dende alí ollabamos
o mar, axexando o horizonte co anteollo de navegante, o aparello
dos barcos, as tripulacións, as lanchas de seis remos que
ían e viñan entre a praia e as grandes velas. E el
sabía por que eu estaba alí, pero nunca me dixo nada,
nin mo preguntou. Tiña todo o tempo do mundo para agardar
a que me confiase. Non se había conformar tampouco coa explicación
primeira, que era a que me dixeran que debía dar: unha cortesía
que lle facía a meu capitán en nome de meu e mais
dos pilotos que quedaran na de San Xosé, que non o esqueciamos,
mentres reparaban o meu navío para poñerme outra vez
de regreso. Oito días traía para velo, coa autorización
do señor De Salcedo, que non o quería mal, pero que
cumpría co seu deber, dicía, por iso lle tirara as
cadeas, e el debía corresponder á confianza e non
cerrarse como se cerraba. Oito días para visitalo na súa
casa- "no meu cárcere", corrixiu- e outros dez
que me levaría volver para as bocas do río.
Daquela xa habitabamos estas coveiras, gaiteiro: furos no medio
do deserto. Pero el nunca me preguntou por este lamazal. Non lle
interesaba. Como tampouco había de facer comentario ningún
tres anos despois, cando a xustiza lle devolveu a honra, a autoridade
e o mando da aventura -logo de desterrar ó Viedma, demasiado
tarde- e meu señor Resucitado puido volver cabalgando no
bergantín, arrogante e de pé, á par do mascarón
de proa, e todos baixaron a recibilo ó peirao de madeira,
a casaca nova, as fibelas de prata, os seus sonoros pasos calcando
contra a armazón de táboas. Tampouco daquela dixo
nada. Non era esta a terra que el viñera conquistar e pola
que movera o mundo, a ambición, a furia, aqueles anos rumiando
a vinganza. ¡Un coiñal! ¡Un deserto, coas caeiras
debruzadas enriba do río e os buracos abertos no corazón
da montaña para resistir, para agacharse, como agachan nos
seus tobos as lebres e as mulitas asustadas! ¡Así nos
enterramos, furando nas paredes de rocha! Virou de súpeto
cara a min, na casa de Buenos Aires, e espetoume antes de verme
partir:
- ¿Quen máis ca ti coñece ese camiño,
piloto?
Aceleróuseme o corazón.
Ninguén máis, señor. Ninguén coñece
esas cartas.
Pero ben que as buscaban. Por iso estaba eu alí. Para arrincarllas
e roubarlle o segredo.
[A Cidade dos Césares.
Vigo. Xerais, 1993]
|