|

O
pequeno corría e brincaba pola devesa adiante, e houbo unha
vez que dixo cheo de gozo que non tiña escola, e era certo
que non a tiña, por ser xoves. El non llo dicía concretamente
a ninguén, senón a ninguén e a todo, ás
árbores tamén, e ás vacas; dicíao para
poñerse aínda máis ledo. Ben sabían
os dous homes subidos nos castiñeiros e cortando paus neles
a golpes de machado que non tiña escola; un deles era o seu
pai. As vacas estaban desenganchadas do carro, pero xunguidas. O
pequeno corría, brincaba e berraba, pero por veces o pai
advertíalle que reparase das vacas.
-Vai xunto das vacas, home, ¿non ves que están comendo
no salgueiro aquel?
E o pequeno corría para xunto das vacas, e a grandes voces
reñíalles.
-¡Eh! ¡Comendo! ¡Non comades! ¡Fóra
de eiquí!
Comportábase con mimo, coma se el fose un mimado das vacas.
Sen mancalas, dáballes golpes coa aguillada nas cabezas,
e as vacas afastábanse do salgueiro, aínda moi novo,
e o pequeno, outra vez correndo, alonxábase delas.
Gustáballe presenciar como caían dende as árbores
os longos, dereitos paus. Tiñan que caer na dirección
que escollían os que os cortaban -bos equilibristas, que
machetaban enriba dunha ponla, sen se poder agarrar a nada-, para
que non fixesen destrago ningún. Había que impedir
que caesen sobre as árbores veciñas, ou que derrubasen
os fíos da luz que puxeran por alí, ou que se volvesen
contra os que os cortaban, que os paus son moi traicioneiros e hai
que ter con eles moito coidado; xe se ten dado o caso de algún
pau que matou ao leñador que o cortara, caéndolle,
coma nunha derrota vengativa, dun xeito que aquel non agardaba.
Había un pau máis difícil cós outros,
e tiveron que atalo cunha corda, e como era o pai o que tiña
que tirar da corda, en canto que o outro home, co machado, o ía
comendo máis e máis pola base, o pequeno quixo axudalo,
e púxose por tras do pai, e agarrou tamén a corda.
- Eu teño máis forza ca ti -dicía.
Tiraron os dous; por fin o pau fixo un ruído máis
forte, porque o desgaxaban, e desprendeuse, indo caer xusto onde
querían. Entón o pequeno -chaqueta azul, pantalón
de home e de pana, e zocos- púxose a brincar, para festexalo.
Logo puxéronse a cargar no carro os catro paus cortados.
Os dous homes levábanos a ombros, e despois de que os deixaban
no carro, ben apousados, atábanos coidadosamente coa corda,
un por un.
- Se nos visen atar tanto pra tan poucos paus, facían risa
de nós -dixo un dos homes.
Había de apretar moito a corda, e mandaron ao pequeno que
apretase tamén, e o pequeno apretou colaborando cos dous
homes e dicindo que tiña moita forza. O pai, nun curto descanso,
en canto recuperaba o alento e subía os pantalóns
un pouco, dixo falando moi calmoso:
- Aínda se foi quedando boa tarde, que eu, cando saín
da casa, estaba chovendo, e pensei que iba seguir chovendo astra
a noite.
No ceo había unha nube moi grande negra e outras máis
baixas, con pequenos espacios azuis entre elas. Facía un
vento de inverno.
Cando os dous homes foron coller o cuarto pau, o pequeno montou
no cabezallo do carro, pero mirou o pai para atrás e viuno.
-Baixa de aí -mandoulle-. Ponte dediante das vacas, ¿non
ves que están comendo outra vez na ponla?
E era verdade que as vacas furgaban outra vez nun salgueiro. O pequeno
foi correndo para xunto delas, berrándolles:
- ¡Fóra de aí! ¡Comede os fentos!
E arredounas, valéndose, coma sempre, da aguillada. As vacas
recuaron. Despois o pequeno sentouse na cabeza dunha delas
-a Xata, a outra chamábase a Rubia-, e agarrando coas mans
os seus cornos, dicíalle:
-Pace, que eu tamén pazo.
E a vaca baixaba a cabeza ata o chan, e na cabeza da vaca baixaba
o pequeno e volvía subir...
[Lonxe de nós e dentro,
e outras páxinas. Vigo. Galaxia, 1985]
|