|

Un
vello tiña unha vaca, tamén vella, e mantíñaa
coa herba que medra na beira das corredoiras.
Un serán a vaca moscou e turrou ó vello. Espetoulle
un corno no peito.
O home volveu á casa termando do sangue coa pucha e deitouse.
A vaca veu soa para a corte.
Á noite o velliño estaba morrendo e escoitaba laiar
a vaca en baixo.
Tiña a escopeta cabo do leito. Colleuna con moito traballo
e disparou contra a fiestra.
Cando o veciño acudiu, o vello dixo:
- Hai que muxir esa vaca...
E morreu.
[Muxicas no espello. Vigo.
Xerais,(s.a.: 1982)]
|

Á antiga
actriz de variedades que chora ó pé do salgueiro verde
e branco, dóelle o tempo, as caras toldadas dos homes pasados,
a gravidez dos seus peitos e as raias escuras que se lle debuxan no
rostro.
Ó
vello conductor de veloces automóbiles que xoga a crebar
a tona limpa do río botando nel croios miúdos, dóenlle
as mans sen guía, retortas coma bacelos, e os ollos atoados
xa pola idade.
Ó
home groso e rico, que puxera o pano de mans na herba para se sentar
riba del, dóenlle os cartos que son dos demais e non pode
aturar o peso enorme das moedas que aínda están perdidas
polos camiños todos do mundo.
Á
cortesá enfeitada que enche o ambiente co mísero arrecendo
dun pobre perfume, dóenlle os amores: aquel fermoso que só
unha vez presentira e tamén cada un dos tristes amores de
diario.
Ó
gallardo militar que fai escintilar contra o sol a fera espada de
aceiro, dóelle a coraxe falada e nunca sentida e non ousa
pensar na súa vulgar crueldade tantas veces manifesta.
Á
nai esquecida que apaña amoras ó longo da silveira,
dóenlle, cada día de soidade, tódolos partos
habidos e cada un dos agarimos sempre agardados.
Ó
rapaz louro e de claros ollos que nada fogoso entre as augas frías
do río, dóelle cada anaco futuro da vida que aínda
está por chegar.
Ó
poeta que axexa soños por baixo da ponte húmida, dóenlle
as dores todas de cada un dos outros porque aínda segue á
procura da súa propia.
[Muxicas
no espello. Vigo. Xerais,(s.a.: 1982)] |