|

Quedou
bonito o magnolio ¿non si? Halo cuidar, eh, Paco. ¿Prométesmo?...
É certo. Sempre me complaciches en todo, síntome en
débeda contigo. En realidade en débeda con tódolos
de aquí: Nana, Ramón de Castedo, Benxamín e
ata con don Gumersindo, e dende logo con meu pai e contigo. Aquí
tiñádesme coma a unha raíña... Agora
xa non é posible. Hai un intre na vida no que decide-lo futuro
e eu elixín outra cousa. Agora sinto cada vez máis
forte a nostalxia do que deixei e do que puido ser. Pero, ó
mesmo tempo, non me arrepinto do que fixen. Se o tempo recuase,
se tivese a oportunidade de elixir de novo, seguramente volvería
a face-lo mesmo, porque tamén sei que, se elixise quedarme,
tería sempre a nostalxia do que deixaría de facer,
e esa frustración alodaría a miña felicidade
aquí, tinxiríaa de resignación, de sacrificio.
Postos a nostalxias, prefiro tela deste mundo, do mundo da miña
nenez e das persoas a quen sempre quixen... ¿Loitar polo
presente? ¿Por que presente, Paco? ¿Por este Pazo
baleiro que calquera día afonda? ¿Por Nana? Vinte
veces lle dixen que viñese comigo. ¿Que vou facer
eu aquí agora? Miro ó meu arredor e non vexo máis
ca mortos... A ti morreuche a túa muller, pero estás
rodeado de vida: oito fillos contigo, sen contar a Maíta,
e un fato de netos, e víveche aínda a túa nai.
Estás onde sempre estiveches, botaches aquí raíces
e agora recólle-lo froito. Meus fillos non queren saber nada
disto e Fernando aínda peor. Se o Pazo desaparecese do mapa
quedaría moi satisfeito. Eu non teño aquí máis
que recordos... Non digas iso nin en broma, Paco. Ti es para min
moito máis ca un bo recordo. Ti fuches a outra alternativa
da miña vida e es un término de comparanza constante. Ti es, despois do meu pai, a persoa en
quen mais teño pensado... Tamén para min seguen vivos
todos aqueles anos, e tampouco eu esquecín aquela derradeira
tarde no hórreo, Paco. Pero o que entón decidín
segue tamén vixente... Si, supoño que é iso,
Paco, que estou namorada del... Non, non o digo moi feliz, nin sequera
moi convencida. A felicidade e o amor teñen pouco que ver.
E quizais estás no certo. Quizais non estou namorada senón
encirrada en crelo. Quizais o que teño é medo a recoñecer
que me enganei, que todo foi un erro inmenso. ¿Pero como
lle vas dicir a unha monxa enclaustrada que non hai vida eterna?
Débense respeta-las crenzas de cada quen, sobre todo se nelas
se compromete toda unha vida...
Ben,
xa chegamos... Non, Paco, non me quedo... Non hai nada que probar.
Sei moi ben o que teño aló e o que teño aquí...
É curioso. Eu sentinme sempre a única responsable
e resulta que ti pénsa-lo mesmo de ti: que non loitaches,
que aceptaches pasivamente que eu me fose, que non soubeches reterme.
Non é certo. Eu sabía moi ben o que perdía...
É moi posible, case seguro, que sería máis
feliz aquí, contigo e cos meus, niso non te enganas. Pero
tamén meu pai puido ser máis feliz se volvese casar:
tería unha muller cabo del, outros fillos para darlle compañía,
para continua-la súa tarefa. E non o fixo... Si, estou decidida.
Aquí despedímonos; no portalón do Pazo, coma
sempre. Dame unha aperta... Adeus, Paco. Coida do magnolio...
[Unha árbore, un adeus.
Vigo. Galaxia, 1995 (3 ed.)]
|