|
|

Aquilo
debeu de ocorrer polo tempo no que en Santiago ardían os
buzóns de correos; ou sexa, moito antes de que os da Centuria,
comunmente chamados os Centurións, botasen o cantullo no
aceite fervendo da churrería e máis ou menos na época
en que todo o mundo comentaba o incidente do guateque na de Heloísa
Castiñeiras Vaz.
Santiago,
daquela, estaba cheo de fendeduras. Nas rúas podían
abrirse laños que, en calquera intre, darían en afondar
até se converteren en abismos dos cales tranquilamente era
capaz de que fumegasen fétidas solfataras tornasoladas. Non
todos estaban no segredo, pero os verdadeiramente coñecedores,
xa se sabe, aquela xente que, privilexiada pola natureza, soe estar
á espreita e ten poderes para percibir os cataclismos, decatábase,
aínda sen falaren nunca no asunto, de que os laños
verticais na torre do reloxo, mal chamada, por culpa de Maître
Obscur, a Berenguela, facíanse evidentes aínda que
unha flora máis e máis frondosa de herbas más
e mesmo arbustos tipo abruñeiro nacía e medraba no
interior de tales fendas, ocultándoas á vista do vulgo.
Por outra banda, nas marxes fétidas do Sarela, ao seu paso
polo Carme de Baixo, alguén tiña detectado unha estraña
excitación entre os ratos.
O
caso é que eu agora emerxo do interior dunha auga xorda e,
na superficie, só atopo, entre as catro paredes branquísimas
do cuarto, a memoria do meniño morto, que para sorpresa miña
non me doe nada en absoluto, e a representación insistente
dos acontecementos que tiveron lugar corenta anos atrás en
Compostela (de novo Maître Obscur marcando a pauta). Como
se toda a miña vida se elidise, incluído aquel período
incerto en que a palabra me foi retirada e mergullei na auga xorda,
algún imperativo estraño a min obrígame a recompoñer,
en exclusiva, o nobelo de acontecementos concentrados naqueles poucos
anos, ou que diga cursos académicos. Unha explicación,
tan cómoda como pouco satisfactoria, viría dada pola
semellanza notábel que existe entre esta habitación
do sanatorio e aquel cuarto que me albergou antano na residencia
do Servicio Doméstico da Rúa Nova; semellanza que
me faría viaxar desde hoxe a nantronte, desde o presente
en que me sinto renacida a aquela mínima leira de pasado
en que todos nos iniciabamos no coñecemento da morte. Pro
en realidade, a culpa é desa de cara de molete que sempre
está impertérrita; agora perante min, sentada na miña
cama: Palmira, que, de seguida, levitará e me esixirá
que o conte todo.
Desde
os primeiros días, eu decateime da miña invisibilidade,
o que me deu a oportunidade de exercer, a partir de entón
e durante moitos anos, aquilo que habería de ser o meu emprego
do tempo favorito. Centrei o interese, nun principio, na observación
de certo sector, que eu no fondo desprezaba, da sociedade humana
de Santiago e o método que seguía era extremadamente
sinxelo. Entraba eu con naturalidade, digamos, na de Porto e Cía,
librería relixiosa e obxectos de culto. Púñame
a admirar unha casula de seda morada, daquelas modernas que facían
furor na época e que ostentaban unha fina ornamentación
inspirada na arte paleocristiá, e, nun intre dado, o encargado
do comercio e os seus dependentes, todos vestidos de traxe escuro
e con finos bigotes negros como única concesión á
frivolidade, pasaban a ignorar a miña presencia alí.
Cando xa ninguén me vía, era o intre de me sentar
comodamente onda o expositor dun misal sumamente valioso ou a carón
dunha Nosa Señora da Fátima a cuxos pés os
pastores de barrete e mans dereitas se amosaban transportados a
un deliquio beatífico e de difícil definición
racional. Entón si podía asistir ás interesantes
tertulias nas que participaban, para o meu deleite, os cóengos
solemnes de cruz de Santiago ao peito, os maxistrados xubilados,
as xentes mercantís das vellas familias.
[No
ventre do silencio. Vigo. Xerais, 1999]
|
|