|

Querida
M. V.:
Recibín
a túa carta. É certo o que dis. Hai cousas que non
se entenden. Hai cousas que os homes non entenden. Hai cousas que
os homes non entenderán nunca. Pero eu cambiei moito desde
que vin para aquí. Desde que estou aquí. Desde que
vivo aquí. Desde que estou lonxe de ti. Lonxe de meus pais.
Lonxe de tódolos coñecidos. Cando un vive só,
cando un se sinte só, cando se ve só, no medio duns
homes que non coñece nin tes interés en coñecer,
cámbiase. Por iso non me causou extrañeza, como ti
supuñas que me ía causar, o que dis. Non o entendes.
Nin eu o entendo. Pero non me extraño. Hai tantas cousas
que non entendo. ¿Outra? ¡Que máis dá!
Todo
o problema está en ti e está en min, e está
no río. Iso, no río. Nese río. Nesa masa de
auga porca que pasa correndo por esta cidade cara a esa cidade.
Non
cabe dúbida de que era Beta esa muller coa que ti te topaches.
Porque Beta levaba un vestido con rosas roxas estampadas. Rosas
roxas que eu lle puxera en forma de corazón, coma as desa
muller. Porque Beta estaba encinta coma esa muller. Porque Beta
levaba uns zapatos vellos de charol, coma esa muller.
Pregúntasme
que fixen dela desde que te deixei. Pero en realidade non sei até
onde che lin. Até onde lemos cando nos atopabamos tódalas
tardes entre as queiroas e as chorimas. ¿Quedaramos onde ela tiña
só un fillo? ¿Quedaramos onde ela coñeceu ó
pintor no museo? ¿Quedaramos onde ela tiña dous fillos? Ultimamente,
querida M.V., acelerei o paso do tempo porque se me facía
preciso rematar dunha vez. Agora, hai uns días, xustamente
vinte días (é dicir, o tempo que lle leva á
auga chegar desde esta cidade a esa cidade, máis o tempo
que lle leva á carta chegar desde esa cidade a esta cidade)
fíxena saír da habitación. Fíxena saír
para encontrarse na Avenida T, en construcción, co pintor.
Era
unha tarde de día solto. A mesma tarde de día solto
que foi nesa cidade. Nas rúas das aforas, nas rúas
a onde non chegan os tranvías nin os ruídos do trafego,
nas rúas onde xamais, mentres sexan as mesmas rúas,
poderá haber trafego rodado porque as casas están
tan xuntas que non o permiten, xogan ós seus xogos -sin xoguetes-
os nenos pobres.
Ela
tiña dous fillos. Ou sexa, eu fixéralle ter dous fillos.
O máis vello, dun excombatente. O máis novo, dun pintor.
Dun pintor que ela coñecera no museo. Deixáraos na
habitación. Dixéralle, é dicir, fixéralle
dicir: "Ficade aquí, eu voltarei loguiño".
Mais os rapaces pobres que xogan sin xoguetes chegaran alí.
Até o pé do ventanuco. Da única xaneliña
que tiña a habitación.
-
¡Eh, mirade! Ahí vén o comandante - di un dos rapaces.
-
Xa me estou cansando eu de tanto comandante. De tanto guiarse.
-
E eu.
-
E eu.
-
E eu.
O
fillo máis vello de Beta atravesa a rúa e achégase
ó grupo. Seu irmán, seu medio irmán, fica tristurento,
con cara de artista, debruzado na fiestra vella e pequena.
-Teño
algo moi importante para mandarvos facer hoxe. ¿Non ollades aquel
vendedor e a súa mona?
-
¡Ah, si, co-man-dan-te!...¿E teu irmán? Por que non baixa
teu irmán?
-¡Sinxelamente,
porque non teño vontade.
-¡Morte
ó tirano!
-¡Morte
ó tiranoo!
-¡Morte
ó tiranoooo!
Bótanse
todos enriba del. Un rapaz saca do peito uns cordeis. Átanlle
as mans e as pernas. Lévano entre todos.
Seu
irmán, seu medio irmán, xa non está na fiestra
vella e pequena.
[Memorias
de Tains. Vigo. Xerais, 1956]
|