|
por
Henrique Monteagudo
Fiandeiriña
delgada / sempre metida a fiar/
Sempre
a fiar e soñar / para logo non ser nada...
(U. Novoneyra)
Outra
volta, a normativa ortográfica e morfolóxica
do idioma galego está sendo noticia. A Real Academia
Galega acaba de rexeitar unha proposta de reforma das Normas
oficiais que lle presentaron conxuntamente os Departamentos
de Filoloxía Galega das tres Universidades galegas
e o Instituto da Lingua Galega. A pesar da deliberada discreción
con que os promotores pretenderon blindar todo o proceso de
elaboración desa proposta, o certo é que a decisión
da R.A.G. era agardada cunha grande expectación, pois
as cuestións relacionadas coa codificación do
galego concitan moito interese na opinión pública.
Polo que se albisca na imprensa, sectores moi significados
da cultura galega (editorais, asociacións, escritores,
profesores) abrigaban a esperanza de que a iniciativa (axiña
bautizada nos medios como o Acordo de concordia) contribuíse
a encarreirar un problema que resulta unha molestísima
pexa para o avance do idioma galego cara á súa
normalidade social. Pero nos xornais tamén era doado
detectar que a empresa erguera fortes resistencias noutros
sectores.
UN PROCESO
SIXILOSO, PERO NON OCULTISTA
A finais
do ano 1999, cando, por iniciativa da Asociación Socio-Pedagóxica
Galega, comezaron as conversas para iniciar o camiño
que culminou coa presentación da proposta á
R.A.G., tomáronse unha serie de acordos iniciais. Un
deles foi que todo o diálogo se desenvolvería
con extremo sixilo, o que implicaba que os participantes se
comprometían a un pacto de silencio (incluso de anonimato,
para evitar imputacións de protagonismo persoal) ata
o momento en que a Academia se pronunciase. Polo mesmo, a
Comisión que preparou o acordo non puido intervir publicamente
na defensa deste ata que a R.AG. adoptou a súa decisión.
Se cadra, o primeiro que hai que explicar é a razón
dese 'pacto de silencio'. Por experiencia sábese que
á hora de negociar sobre un asunto sen perspectivas
de amaño despois dunha delongada, amplísima
e cruenta polémica pública, o máis conveniente
é conversar sen ruído. Por parte, ese sixilo
non impediu que a propia Academia e os sectores máis
relevantes da sociedade galega (incluída a Xunta) fose
informada da existencia das conversas e do contido destas.
Hai quen di que a decisión foi un erro, e se callar
o foi, pero é fixo que se as discusións fosen
públicas e hoxe nos atopasemos igualmente cunha negativa
da Academia, estariamos a laiarnos de non ter desenvolvido
o as conversas baixo corda...
UNHA COMISIÓN
PLURAL, FORMADA POR ESPECIALISTAS
Houbo
comentaristas que chegaron a afirmar que estabamos perante
algo así como un escuro complot urdido por un grupo
de nacionalistas radicais e fanáticos lusistas contra
a Academia, o Goberno galego e o propio idioma. Non. A Comisión
estaba formada, como se dixo, por representantes democraticamente
eleitos dos Consellos de Departamento das tres Universidades
galegas e do I. L. G.: por este, participaron o seu director,
Antón Santamarina, e mais Francisco Fernández
Rei e Manuel González (os tres tamén académicos
de número), da Coruña participaron Carlos Paulo
Martínez Pereiro (director do Departamento), e mais
profesores Manuel Ferreiro e Xosé Ramón Freixeiro
Mato, por Compostela, Ernesto González Seoane, Xosé
Luís Regueira e quen asina estas liñas, por
Vigo, Henrique Costas González (director do Depto.)
e Gonzalo Navaza Blanco.
Todos
os devanditos son profesores universitarios, especialistas
en Filoloxía Galega, cun currículum máis
ou menos longo (en función da idade respectiva) de
servicios ó idioma, en particular nos terreos da investigación
lingüística e da docencia. Algúns son nacionalistas,
mesmo militantes do Bloque Nacionalista Galego, a maioría
non teñen militanza política coñecida;
algúns son confesadamente reintegracionistas, a maior
parte deles están moi lonxe de selo. Que se saiba,
nin unha cousa nin outra son (aínda) delictos; e xusto
foi que deron en dialogar e acordar porque partían
de posturas diferentes. No que todos coincidían era
en que o futuro do idioma estaba por riba desas diferencias,
e que precisamente en nome do porvir había que esforzarse
en procurar fórmulas de encontro, sen que ninguén
se sentise obrigado a renunciar aos seus puntos de vista ideolóxicos
ou lingüísticos.
A A. S.-P.
G., representada polo seu daquela Presidente, Alberte Ansede,
limitouse a promover a convocatoria, moderar o desenvolvemento
das sesións e levantar acta dos acordos tomados, esforzándose
todo o máis por ofrecer saídas aceptables para
as partes cando as discusións, algunhas endiañadamente
reviradas, se atrancaban. Por parte, no transcurso dos debates,
do único que se falou, sempre en termos lingüísticos
e sociolingüísticos, foi do idioma, pondo sobre
a mesa un impresionante balume de documentación e saber
filolóxicos e manexando un amplísimo leque de
argumentos. Váialle vostede a Antón Santamarina
con outras lerias!
UN PROBLEMA
QUE NON É FICTICIO
Negar
que o chamado 'conflicto' normativo existe é ou inxenuo
ou avestrúcico. As razóns da súa teimuda
persistencia son abondo complexas e enguedelladas como para
non estendernos aquí a analizalas, pero desde logo
os promotores da iniciativa non o inventaron, e se por algo
salientan é precisamente polos esforzos, que en casos
chegaron a auténticos sacrificios, que teñen
realizado para resolvelo. Calquera persoa que estea minimamente
preocupada polo galego, ou sinxelamente que lea o xornal,
confirmará o que acabo de dicir. Se esa persoa traballa
no ensino, ten que ser consciente da súa gravidade.
É unha burla ó senso común que individuos
alleos á docencia do idioma de noso pretendan negarnos
ós que traballamos a cotío con el nas aulas
a existencia dun problema serio, e o dereito a procurármoslle
unha solución
Acódeme
agora unha anecdota relatada por dirixentes da Mesa pola Normalización
Lingüística que mantiveran unha entrevista co
arcebispo de Compostela para solicitarlle servicios relixiosos
en galego. O prelado, galego renarte, preguntoulles se eles
asistían regularmente á Igrexa, e os solicitantes,
para non mentir, confesaron que non. Esa era a resposta que
esperaba o mitrado, que lles soltou, sen réplica posible:
daquela, vaian vostedes primeiro á Misa, e despois
veñan pedirme que llela dean en galego. O mesmo diría
eu a tanto columnista alporizado pola reforma proposta: primeiro,
escriba vostede en galego, e despois dea consellos sobre como
hai que facelo. E en xeral, aos que pretenden que os profesores
de lingua galega non temos nada que facer sobre o particular:
veñan vostedes ás nosas aulas unha tempadiña,
e despois xa veremos se seguen opinando que mellor é
asubiar coma se nada pasase.
UN ACORDO
PONDERADO E SÓLIDO DE REFORMA DAS NORMAS, NON
UN REVOLTALLO
Con respecto
ao contido do propio acordo, non se pode silenciar que sobre
el se creou, nalgúns casos interesadamente, a pesar
dun comportamento moi responsable dos medios de comunicación,
un alarmismo absolutamente inxustificado. Por acaso, falouse
de 'aportuguesamento' do galego e de que a reforma implicaba
mudar a ortografía galega da cima ao cabo. Quen mantén
isto ou está desinformado ou quere desinformar; senón,
ten unha percepción da realidade frisando o delirio.
A verdade
é que a proposta só contén dúas
novidades propiamente ortográficas, máis ben
marxinais, porque precisamente outro dos acordos iniciais
foi que a ortografía debía ser a menos tocada,
xa que desde o punto de vista estrictamente lingüístico
é periférica, mentres que desde a perspectiva
do usuario é fundamental. Esas novidades refírense
á acentuación dos pronomes/adverbios que introducen
proposicións interrogativas indirectas (asunto este
no que por certo as Normas oficiais mudaron de criterio
no pasado), e ó uso de signos de admiración
e interrogación ó comezo da cláusula.
Nos dous casos, a solución propugnada era facultativa.
Todos os demais puntos son morfolóxicos, e neles ou
ben se trataba simplemente de mudar a orde de prioridades
en opcións xa sancionadas polas Normas oficiais
(ao/ o; -aría / -ería), ou ben de retoques de
matiz, na liña da reforma aprobada en 1995 (presenza,
reitor). Hai un par de pinceladas léxicas (estudo,
vogal), e pouco máis. Os usuarios das Normas
do '82 practicamente non se vían obrigados a mudar
ningún aspecto esencial dos seus hábitos escriturais,
e menos aínda dos orais, posto que na proposta aparecían
como opcións aceptables (aínda que non recomendadas)
case tódolos puntos en que se introducían reformas.
O lector deste artigo pode comprobalo, pois está redactado
precisamente conforme a letra do acordo. Un criterio fundamental,
e rigorosamente observado: non se admitiu nada, pero mesmamente
nada, que supuxese saír do galego. Resulta que por
razóns evidentes é posible achegarse á
lingua de Alén Miño (se cadra máis do
que esta modesta reforma propuña) simplemente afondado
no propio galego. O punto e o grao de tal achegamento son
cuestións de criterio e de oportunidade, non de principio.
Nese senso,
hai que proclamar que as partes actuaron cunha innegable xenerosidade:
pola beira dos que partiamos das Normas de '82 (da
que foron redactores unha parte significativa dos participantes
nas conversas), porque cediamos desde unha posición
avantaxosa, pola beira dos que partían desde posicións
reintegracionistas, porque foron conscientes de que unha reforma
en profundidade era inviable, e tal vez indesexable mesmo
para eles, tendo en conta os problemas que crearía
aos practicantes e aprendentes do idioma. Tamén é
de salientar e agradecer a posición do groso da corrente
reintegracionista, pola prudencia con que observou todo o
proceso, a pesar de sentirse marxinado del. Os reintegracionistas
saben que a priori era moito máis difícil chegar
a un solución común na ortografía e a
morfoloxía a partir de posturas tan arredadas, tamén
son conscientes dos problemas de interlocución que
presenta o seu movemento (heteroxéneo e fragmentado),
e á derradeira decatáronse de que aínda
que na letra o Acordo mudase moi pouca cousa, algo de importante
mudaba no espírito. Porque o fundamental da nosa proposta
é que senta o principio do diálogo para superar
diferencias, e do compromiso coa lingua por riba destas.
Sen dúbida,
isto xa está gañado, e quizais á derradeira
este valor se revele máis importante ca o tras-Acordo
que acabamos de padecer.
¿QUE VAI PASAR? TENDENDO PONTES PARA O FUTURO
A resposta
dos promotores da proposta á negativa da Academia foi,
e vai seguir sendo, prudente e comedida. Precisamente, outro
dos nosos acordos iniciais (refírome agora ao ILG e
ao Departamento de Galego de Santiago) foi que acatariamos
a decisión da Academia fose cal for. Dito isto, semella
evidente que estamos moralmente obrigados a difundir e explicar
o contido daquela. Como o noso espírito foi o de ofrecer
solucións, non o de crear problemas, de ningunha maneira
imos adoptar ou alentar medidas de forza tales como aplicar
directamente o Acordo nos nosos ámbitos de responsabilidade.
Pero a
Academia está obrigada a ofrecer un contributo en positivo.
Ten na súa man artellar para iso o método que
estime máis axeitado, procurando a satisfacción
das partes implicadas. A institución entra agora nunha
situación de interinidade, motivada polo cesamento
do seu actual Presidente, o dignísimo e benemérito
Francisco Fernández del Riego. Nese período
de Presidencia vouga, a Academia terá lecer para 'profundar'
na cuestión. Confiemos en que o Presidente que se faga
cargo da institución no próximo futuro atope,
coa colaboración dos seus pares, a vía para
encarreirar a situación.
Para rematar,
a iniciativa de reforma non estaba pensada contra ninguén,
e si a favor de todos, polo menos de todos os que nos preocupamos
polo idioma e o empregamos normalmente. Se de verdade o aspecto
insalvable do Acordo residía no procedemento que se
seguiu para a súa elaboración (e hai que recoñecer
que este é cuestionable, e nós mesmos tivemos
dúbidas acerca del), daquela, non todo está
perdido. Somos galegos e habemos de entendernos.
|