|

ELADIO
RODRÍGUEZ
GONZÁLEZ. BIOGRAFIA
(San Clodio, Leiro, Ourense, 1864; A Coruña, 1949).
Pasou
a infancia na súa aldea natal, nas terras do Ribeiro de Avia.
Sendo moi novo trasladouse á Coruña, onde alternou
o seu traballo como funcionario municipal (entre 1888 e 1937; empeza
de escribente, logo foi oficial da Secretaría e, finalmente,
oficial maior) co labor xornalístico, poético e lexicográfico.
Ademais
de colaborar en xornais e revistas como Revista Gallega ou
Galicia, dirixiu os xornais La Mañana e El Noroeste. No ano 1904 funda con outros xornalistas locais a Asociación
da Prensa da Coruña, da que foi presidente.
Como
poeta, algunhas das súas composicións obtiveron premios
en distintos certames: "A noite de San Xoán" (accésit
no certame de Pontevedra de 1886), "Os orfos da emigración"
(Betanzos, 1887, primeiro premio), "Desperta" (Tui, 1891,
primeiro premio), "Sombras" (Lugo, 1915, primeiro premio),
"Alma de raza" (Lugo, 1918, primeiro premio), "Oraciós
campesiñas" (Santiago, 1924, Festas da Lingua Galega,
premio de honor)... Ó longo da súa vida publicou 3
libros: Folerpas (1894),
Raza e Terra (1922)
–único número da colección "Céltiga"
dedicado a poesía– e Oraciós campesiñas (1927). A súa poesía temos que situala
na tradición das últimas décadas do século
XIX, non participa dos novos movementos literarios. Os temas son:
o mundo rural, a redención de Galicia, a emigración,
a recuperación da nosa lingua, o enxalzamento dos costumes
populares, o amor pola natureza... Podemos destacar na súa
obra un gran coidado da métrica e un bo dominio do idioma.
Excelente
coñecedor do léxico galego, traballou moitos anos
no seu Diccionario enciclopédico gallego-castellano,
que foi publicado despois da súa morte. Saíu en 3
volumes, cun total de 45.673 entradas, cantidade nunca acadada en
Galicia ata entón por ningunha destas publicacións.
Este traballo destaca polo seu aspecto lexicográfico e enciclopédico:
ademais da súa gran riqueza de voces, refráns e modismos
populares, ten abundantes datos etnográficos, históricos,
xeográficos, arqueolóxicos... A pesar de que foi redactado
hai máis de 60 anos, aínda é hoxe en día
unha obra útil e de obrigada consulta.
Foi
un dos 40 membros numerarios fundadores da Academia Galega; secretario
desta durante sete anos, baixo as presidencias de Manuel Murguía,
Martínez Salazar e Ponte Blanco; e presidente dende 1926,
como sucesor do último dos citados, ata 1934, ano en que
renuncia a este posto por motivos de saúde.
|