|
|
|
ELADIO
RODRÍGUEZ,
un compromiso coa
cultura desde a prensa
"Nos ledizosos días do Ribeiro, no balbordo e ridual da festa, e no calado
silencio da noite percorrida por ecos desfiados de cántigas, arranxando
na mesa da oficiña informaes, deixando exercitárese a pluma nun artigo
limpo, sempre intresante para un xornal da Cruña,
Don Eladio engadía, tollía, milloraba, aseguraba un membro, ningún cativo,
todos valentes, da grande basílica da língoa falada. E o mesmo cando escolmaba
ditosos ritmos belidos, para compor en honra de unha terra galega, un
costume, un lembrar fondo e gasalleiro, os arcos de froles de unha poesía".
Estas son palabras de Ramón Otero Pedrayo no prólogo á primeira edición
do Diccionario Enciclopédico Gallego-Castellano de Eladio Rodríguez. Supoñen
un resumo agarimoso das actividades de Don Eladio relacionadas coa vida
cultural galega, pero, sen dúbida, non chegan para abrangue-la cantidade
de eidos nos que este participou dende a cidade da Coruña, a súa cidade
de adopción.
Chegou á cidade herculina no ano 1887, e nela viviu ata o ano da súa morte,
en 1949. Eladio Rodríguez nacera en San Clodio, na comarca do Ribeiro,
un 24 de xullo de 1864. Esta paisaxe da infancia será unha fonte constante
de inspiración no poético e mesmo no xornalístico, onde, como veremos,
adicou páxinas á crónica de viaxes polas súas terras. Iniciou os seus
estudios no lugar de nacemento, nunha escola dentro da casa conventual
en ruinas pero, ós sete anos, mándano á Coruña completar estudios, e vive
na casa dun seu tío. De mozo regresa ó Ribeiro, ata o seu establecemento
final na Coruña.
Eladio Rodríguez exerce como mestre, o que lle provoca un conflicto co
profesor oficial porque lle roubaba a clientela. Xa na Coruña traballa
no concello como funcionario, para obter un soldo fixo e así poder mante-la
súa participación en moitos campos culturais. Eladio Rodríguez toma parte,
como membro da Liga Gallega, en tódalas iniciativas políticas e culturais
do galeguismo, movemento co que sempre estivo comprometido dende as páxinas
escritas nos xornais. En concreto, participou nas reunións que deron lugar
á fundación da asociación musical "Cántigas da terra", da que saiu elexido
presidente ó ano da súa creación. "Cántigas da terra" foi unha das actividades
inscritas do programa de difusión da cultura tradicional promovidas polas
Irmandades da Fala.
A Real Academia Galega é outro dos centros intelectuais nos que Eladio
Rodríguez participa. É membro numerario fundador, nun momento no que,
dende os medios solicítanse pautas que unifiquen os criterios de uso da
lingua galega. Da Academia será primeiro secretario, dende 1920 ata que,
seis anos máis tarde, resulte nomeado presidente. Permanece no cargo ata
1934. Por outra banda, Eladio Rodríguez pertence á "Cova Céltica", un
grupo de intelectuais rexionalistas coruñeses que mantiñan faladoiros
na libraría de Leandro Carré Aldao.
O nome de "Cova Céltica" non foi decidido polos asistentes ás súas reunións,
entre os que se encontraban intelectuais como Manuel Murguía, Galo Salinas,
Manuel Lugrís Freire, Sofía Casanova ou Emilia Pardo Bazán. O pontevedrés
Celso García de la Riega creou este calificativo, coa colaboración de
Leopoldo Pedreira e José Mª Riguera Montero, como mostra de desprezo polas
aspiracións galeguistas do grupo. Eles traduciron o "insulto" e nomeáronse
a si mesmos "coveiros". Promovían diferentes iniciativas políticas como
a que se levou a cabo pouco despois da súa constitución como grupo, que
tiña como lema "Autonomía para Galicia". Este e outros proxectos rexionalistas
son recollidos na Revista Gallega, publicación que se mantivo dende 1985
a 1907.
Nesta revista coruñesa, como en moitas outras da cidade e as editadas
polos galegos na emigración americana, Eladio Rodríguez colabora moi activamente.
O xornalismo escrito será unha das súas actividades preferentes, non só
como redactor senón tamén desempeñando cargos de responsabilidade en xornais
e participando no asociacionismo profesional na cidade de Coruña. Un dos
labores máis calados de Eladio Rodríguez será a recollida, escolma e redacción
coidadosa das entradas do seu Diccionario Enciclopédico Gallego-Castellano,
o traballo de toda a súa vida.
Di Otero Pedrayo que Eladio Rodríguez "coidaba baleiro e pecadento o día
decorrido sin apañar unha verba, ou a sombra vagoenta de unha verba espreital.
Acolle a fala como deita dos labres dos falantes". Serán estas mesmas
palabras as que empregue nos seus escritos xornalísticos coa mesma vontade
de divulgación. Finalmente, outra das actividades principais de Eladio
Rodríguez foi a que desenvolveu como poeta, que, o mesmo que a súa sistemática
recollida de palabras, foi constante.
El mesmo se definiu como poeta, igual que moitos dos seus contemporaneos.
Iníciase como literato xa na súa estadía no Ribeiro. As súas primeiras
publicacións aparecen en O Tío Marcos da Portela, da man de Lamas Carvajal
que, segundo dixera o propio Rodríguez, o amparara nos seus primeiros
poemas. Francisco Fernández del Riego sitúa a obra poética de Eladio Rodríguez
no que el denomina "Xeneración de Tránsito", tránsito de carácter temporal,
do século XIX ó XX. O seu traballo como poeta tivo críticas moi desiguais
pero, segundo apunta Xoán Carlos Lagares, a súa obra poética non ocupa
un lugar relevante na historia literaria galega.
Lagares engade que a sona de Eladio Rodríguez no seu momento dependeu
da trascendencia dos premios literarios, que lle deron recoñecemento social
xunto coa súa activa participación na vida intelectual galega, pero que
este recoñecemento non durou máis aló da súa morte. A profesora Dolores
Vilavedra, aínda que lle recoñece os seus valores, apunta que é un poeta
epígono en dúas direccións porque traballa "de xeito continuísta pero
con gran coidado da métrica e un excelente dominio do idioma, boa parte
das liñas temático-estilísticas que cultivaron os escritores do rexurdimento
pleno e mesmo as actitudes do primeiro Cabanillas". Nos seus tres poemarios,
Folerpas (1894), Raza e Terra (1922) e Oracións campesiñas (1927) o tema
preferente é o ruralismo, tanto na recreación da paisaxe, sobre todo a
súa visión do Ribeiro, o seu espacio poético de referencia, como na descripción
da vida no campo e das loitas agrarias nas que se implica como poeta.
Como veremos no seu traballo xornalístico, Eladio Rodríguez recorre a
estes mesmos temas, igual que a unha marcada defensa da lingua e literatura
galegas. O compromiso galeguista está tamén representado na súa poesía
pola incorporación de mitos de orixe céltico. No tránsito do XIX ó XX,
non hai que esquecer que nas publicacións periódicas da época proliferaban
este tipo de temas, cun nomeado interese polo enxebre, o entendido como
propiamente galego. Sen embargo, resulta significativo que o grupo de
Eladio Rodríguez rexeitara o calificativo de enxebres. Concretamente,
Anxo Tarrío cita unha carta que Eduardo Pondal dirixe ós coruñeses da
Revista Gallega, entre os que se atopaba o propio Rodríguez, na que se
omite na súa publicación tal calificativo. En concreto, emiminan a frase
"Bien, muy bien, por nuestros enxebres" e manteñen outras expresións como
"os chaufeurs do match intelectual".
|
|