|
ELADIO
RODRÍGUEZ, un compromiso coa cultura desde a prensa Nós. Páxinas Gallegas Eladio Rodríguez foi o responsable deste suplemento cultural no que, segundo ven declarado nas intencións da publicación, pretendíase promove-la lectura e escritura en galego, sobre todo, de poesía. "Nós. Páxinas Gallegas" aparece o 10 de setembro de 1918 cunha presentación a maneira de editorial escrita por Rodríguez, que leva por título "Coa porta aberta". Neste artigo inicial aparecen os obxectivos do suplemento: que a "fala melosiña" gañe terreo nas conciencias galegas e ningún galego se avengonce de falalo. Ademais, preténdese facer unha "Antoloxía d'escritores gallegos, dend'os que están consagrdos hastr'os que inda empezan". Na segunda entrega da publicación, Eladio Rodríguez reafirma o exposto no primeiro dos editoriais con "Na xuntanza está a forza e na forza está o trunfo", do 17 de novembro do 1918. Neste traballo o tono é menos moderado e hai mesmo nas súas palabras implicacións políticas como o desexo de acabar co centralismo: "Entonces haberá pr'a nosa terra unha alborada de rexurdimento, porque morto o centralismo terá que morrer tamén o caciquismo que nos afoga e que soilo vive das falcatruadas, amparado por esa centralista forza bruta e absurda que non sabe dar máis que paus de cego e que na súa iñorancia ou na sua comenencia coida que todo-los pobos son iguales, como si non tivese cada un a sua característica y-a sua persoalidade (...) ¡Adiante, pois, adiante sempre!". No segundo editorial, Rodríguez tamén aproveita o deseño da cabeceira, feito por Castelao, para facer unha comparación coa vida galega do momento. Tanto a cabeceira de Castelao como a idea do suplemento literario serán aproveitadas polos artífices de Nós. Moitos dos escritores que publicarán de xeito estable en Nós participaran xa no precedente coruñés da revista. A iniciativa de Nós. Páxinas Gallegas continúa, editada por El Noroeste, baixo o novo nome de ¡Terra a nosa!, frase coa que Eladio Rodríguez remataba o seu primeiro editorial. Entre os obxectivos deste novo suplemento estaban, ademais da publicación de obras literarias, facer un compendio de historia e xeografía galegas e unha gramática. |
|
|||||||||||||
|
Cultura
Galega.org
|
|||||||||||||||