|
"UN
ESCURO SOÑO"
Este
sábado, perdéronse moitas palabras no
mundo. Son as de Carlos Casares, Presidente do Consello
da Cultura Galega, ou como lle chamamos os traballadores,
o Consello. Baixo o seu mandato como directivo
da principal institución cultural do país
-xunto coa Real Academia Galega, da que tamén
era membro- o Consello incrementou de xeito espectacular
as súas actividades. Casares, que foi o terceiro
Presidente da institución, repetía habitualmente
que o Consello debía ser "un lugar de debate,
reflexión e de encontro" entre tendencias, ideoloxías
e políticas. A apertura á sociedade era
clave. Dende o seu nomeamento como Presidente, en 1996,
Casares formou equipo sempre seguindo estas metas.
Parte
diso viña do seu talante. Amigo da conversación
e das posturas moderadas, Casares fixo que o Consello
penetrara en novos ámbitos de cara a levar a
cultura a toda a sociedade: entrou a ciencia, entrou
a banda deseñada, entrou Internet, entraron numerosos
campos novos. O Consello enriqueceuse de multitude de
proxectos e de numerosas persoas novas e cheas de talento.
A supervivencia da cultura está na vida que esta
tivera, esa era a mentalidade de Casares. Estaba no
traballo. En moitas horas de traballo. E na tolerancia.
E
gracias a este talante, o 10 de outubro do 2001 creouse
culturagalega.org. Foi unha aposta arriscada, cun custe
económico alto para unha institución que
conta cun orzamento anual de pouco máis de trescentos
millóns anuais. El, e o resto da Comisión
Executiva, sabían que a cultura galega debía
estar presente en Internet, e debía facerse cun
producto de alta calidade que permitira á nosa
lingua e á nosa creación chegar a públicos
inexplorados para a cultura dentro de Galicia, e presentar
con dignidade e confianza a nosa cultura ó mundo.
E confiou en nós, todos xornalistas mozos, con
moita vontade, para levar a cabo este proxecto.
Casares
gostaba especialmente de vir polo portal. E cando viña,
era como o tío mariñeiro cando chegaba
de viaxe. Sempre viña con cousas entre as mans,
formando parte directa do noso equipo. Estabamos a preparar
unha exposición en liña sobre o Principiño
de Saint-Exupery, que a el lle apaixoaba, en decenas
de linguas. Quería meter toda a obra de Sarmiento,
dixitalizada, na rede, metido como estaba no Proxecto
Sarmiento. Casares disfrutaba coa fusión entre
tecnoloxía e cultura: compartiamos achados, explorabamos
as posibilidades do libro electronico -un tema que a
el lle apaixoaba, sempre pegado ó seu ordenador
de man, que gardaba nun peto- e do multimedia e a narración
oral a través de Internet.
Adeus,
Presidente: foi un pracer traballar con vostede. A súa
vida é un rastro de fotografías, de conversas,
de recordos. Agora mesmo estamos ollando as súas
imaxes, preparando un álbum para o portal, e
non parece que xa se teña ido, tan de súpeto,
tan modestamente. O venres estivo aquí, connosco,
na redacción. A súa morte foi como vostede
foi: modesto, humilde, pragmático, sen fastos.
Que teña unha boa viaxe de volta ó país
de palabras.
|