|
15.10h
|
IAGO
SEARA
Retomei Galicia no outubro do 75 facendo
o Servicio Militar en Parga, Lugo, ¡váliame
Deus!. E fixen a "mili" coa orella pegada a
un trasistor. O Dictador estaba doente dunha enfermidade
tan terminal como a que nos ambientes universitarios de
Madrid lle diagnosticáramos ó Réxime.
Daquela
os meus amigos, primeiro Alfonso Sánchez Izquierdo
e logo Maribel Outeiriño me falaron, ámbolos
dous, de Carlos Casares. Pero xa oíra falar del.
Fora nas interminables viaxes en "600" que
o Luis Álvarez e Pousa e máis eu fixeramos
a Vigo, a Ourense, a Madrid, trasladando cadros para
a exposición que organizáramos no Colexio
Maior Chaminade en solidariedade cos obreiros de Ferrol
mortos polos últimos coletazos das forzas franquistas.
Oín, pois, innumerables cousas dese escritor
de Xinzo coas mellores presentacións posibles
para min.
Á
volta daquelas viaxes con Luís Álvarez
Pousa lera "Vento Ferido" e, xa a cabalo entre
a "mili" e o meu Ourense natal, acabei lendo
outros títulos dese novo escritor. Nese contexto,
a imaxe que me ía facendo dese outro ourensán
que, a maiores, era amigo dos meus amigos, era a dun
escritor aberto e comprometido coa súa ferramenta:
a palabra. Atopar, no meu retorno a Galicia, a topografía
cultural da miña terra verquida no sentir dun
traballador da palabra foi, para min, unha forza rehabilitadora
que me axudou no día a día.
Como
Arquitecto formado nun Madrid no que non existía
o Noroeste, á miña volta cumpría
retomar, recoñecer e recuperar Galicia na miña
vida. Os meus primeiros andares dirixíronse a
mergullarme no coñecemento da obra comprometida
de Pepe Bar Bóo, Andrés Fernández
Albalat, César Portela, Manolo Gallego, Xabier
Suanzes, Rafael Baltar e outros a través dos
que me foi posible comprender mellor a Arquitectura
galega. Casares, pola súa parte, abreume a esa
cidade das palabras sinxela e fluída, aberta
e de horizontes amplos que tan claramente se amosa na
súa novela "Deus sentado en un sillón
azúl".
A
obra de Carlos posicionoume moi axiña sobre un
"país das palabras", e as miñas
lecturas e os meus amigos me posicionaron no seu coñecemento
como persoa tan fondamente que acabei facéndome
unha imaxe moi sólida dun home que, daquela,
aínda non coñecía. Corrían
os finales dos 70.
Foi
sobre o 79 cando, rematados por fin a "mili"
e o proxecto de fin de carreira, que fixen sobre o Teatro
Principal de Ourense, e cun estudio profesional en marcha
na miña cidade, coñecín a Carlos
Casares da man de Pepelino Monxardín. Foi na
tertulia domicial que, en torno a Xaquín Lorenzo,
funcionaba na cafetería Miño primeiro
e no Cortixo despois. O Carlos se incorporaba á
tertulia de cando en vez, cando estaba a visitar ós
seus pais en Xinzo, ós seus irmáns en
Ourense ou, se cadra, ó seu bo amigo Pepe Sueiro,
non sei, pero cando o facía ocorría que
tódolos presentes se abrían ás
súas verbas cun entusiasmo no que o meirande
militante era o propio Xaquín Lorenzo.
O
Carlos tiña una imaxe rexa e un talante definitivamente
tolerante e comprensivo no que utilizaba os tempos longos
para darlle cautela ó seu espíritu aberto
a toda expresión actual da cultura. O seu coñecemento
directo non fixo, en min, máis que apuntalar
aquela idea que me forxara del coa lectura da súa
obra e coas verbas dos seus-meus amigos. O home era
tal que a súa obra.
Moi
pronto nos atopamos de novo en "Realidade Galega",
e a súa presencia nese proxecto servíume,
ademáis, para avala-la miña confianza
naqueles plantexamentos.
A
miña amistade con Carlos foise debuxando, sen
grandes esforzos nin expresións, por medio de
distantes contactos, case sempre indirectos e non exentos
desa extraña conexión cos amigos mútuos
de por medio. Ata que un día, en Sevilla, supervisando
unha pequena obra que alí tiña, un amigo
estaba me a comentar a columna da Voz de Galicia que
lera esa mañá no avión e soou o
meu teléfono móbil. O ambiente, esa mañá
en Sevilla, estaba impregnado de azahar, e aínda
que curiosamente non era a época de que eso ocurrise,
toda a rúa arrecendía dun xeito intenso.
Ó outro lado do móbil estaba Carlos Casares
e quería que eu entrase a colaborar como vocal
no Consello da Cultura Galega en sustitución
dun moi querido amigo común.
Non
foi, por algunhas circunstancias concretas do momento
e pola implicación directa dese outro meu amigo
queridísimo, unha chamada que me enchese de satisfacción.
A súa proposta levoume en días sucesivos,
e por motivos que non veñen ó caso, a
mergullarme nun longísimo, por intenso, debate
interior. Entrei nun proceso que non buscara e que,
de primeiras, rexeitei cunha rotundidade que non fun
quen de manter ante a insistencia do Casares. O meu
debate interno posterior veuse interrompido por algunha
chamadas de amigos que o Carlos, no bo sentido, utilizou.
Curiosa insistencia nesa forma de relacionarnos que
mantivéramos tantos anos. Outra vez os amigos
comúns facían de mensaxeiros intermedios.
E o teléfono... o teléfono usado como
vehículo dun facedor de palabras que tan ben
coñecía o seu poder e que evitaba as distancias
curtas. Foron moitas as conversas que mantivemos neses
días, pero, curiosamente, case todas elas cun
auricular de por medio... Tal parecera que Carlos manexara
intencionadamente un medio no que el dominaba. O teléfono
so permite usar a forza das palabras, e non cabe dúbida
de que, coa súa utilización case exclusiva,
o que dirixía o proceso era o que dominaba a
arte de crealas. E, como queira que a miña timidez
tamén me obrigaba a non buscar as distancias
cortas, o Casares gañou. Acabei aceptando.
Despois,
a confianza depositada por Carlos Casares nas ponencias
e comisións técnicas que me encomendara
no Consello da Cultura Galega, foi absoluta e inmediata.
Xa
hai unha semana desde que despedimos o corpo de Carlos
Casares e, curiosamente, mantéñome nunha
especie de incredulidade que me impide tomar conciencia
de que xa non exista a súa corporeidade física.
Polo extraño modo en que acabamos relacionándonos
durante un longo cuarto de século, Carlos Casares
nunca foi una presencia física completamente
real para mín. A súa existencia real me
chegaba a través dos amigos, por medio da súa
obra ou a través do teléfono. Hoxe sigo
tendo unha viva relación coa súa literatura
e co seu traballo no Consello da Cultura Galega, así
que a súa presencia segue planeando no meu entorno
cunha imaxe non moi diferente daquela que xa me construíra
desde que Luí Álvarez Pousa me falara
de "Vento Ferido" e que Maribel Outeiriño
e Alfonso Sánchez Izquierdo me axudaran a crear.
É a mesma imaxe que a presencia de Cristina,
a dona de Carlos, fixo pairar no aire o día do
funeral que o Consello da Cultura Galega celebrou en
San Domingos de Bonaval e que tampouco me era tanxible.
É a mesma imaxe que, sen embargo, comeza a parecerse
tanto á do Bispo de "Ilustrísima",
que era liberal, bonachón, intelixente e, sobre
todo, amante dos pequenos praceres da vida e bo conversador.
Carlos saboreaba as palabras como se fosen grolos dun
bo viño e deixónolas para que nos queden
agora, e sempre, como xoguetes para un tempo perdido.
|