 |
|
Mesturando azucre
"Galego no mundo-Latim em pó", unha idea nova chega a Compostela.
Un encontro cultural de todos os países de fala galego-portuguesa.
Unha chamada a recapacitar sobre as posibilidades da lingua e as
relacións de Galicia coa comunidade lusóffona. Elías
Torres, coordinador do encontro, explícanos polo miúdo
qué é"Galego no mundo"
¿Como
xurdiu a idea de organizar estes encontros?
Desde hai moitos anos hai unha serie de persoas que entendemos que
o problema da lingua e o problema da cultura galega non é
un problema puramente ortográfico, nin se resolve pola vía
da súa castelanización progresiva. Estas persoas pensamos
que é na aproximación ó mundo lusófono
onde atopamos a nosa razón de ser, a nós que nos inflúan
os portugueses e os brasileiros é un xeito de mesturar azucre
con azucre, que nos inflúan os casteláns, sen ningún
tipo de deprezo, é unha maneira de mesturar azucre con auga,
e esta é unha idea que leva moitos anos aí.
Eu co tempo pensei na necesidade de organizar uns econtros deste
tipo, que permitise ós galegos dicir que somos importantes
e que a lingua, se está ben engraxada, é unha chave
que abre moitas portas, e dicirlle ó resto da lusofonía
que estamos aquí, que exisitimos e que temos potencia para
facer.
Cando Manuel Portas, concelleiro de Normalización Lingüística
me veu pedir unha idea, propúxenlla, e foi para adiante.
É unha idea que se aprobou tarde, en xuño, e mesmo
así chegamos a isto. Houbo problemas orzamentais, pola suba
do prezo do petróleo, o que fai que as viaxes sexan moi caras,
e en termos dos compromisos da xente.
"Que
nos inflúan os portugueses e os brasileiros É un xeito
de mesturar azucre con azucre"
¿Qué obxectivos se perseguen?
Os obxectivos son prestixiar na sociedade santiaguesa e galega
a lingua galega. O de prestixiar ven en dous sentidos. Primeiro,
fronte á idea de chamada ó martirio e sufrimento que
se asocia á normalización lingüística,
a chamada ó goze e ás posibilidade que a lingua nos
abre. En segundo lugar, reparar nesoutras posibilidades, que un
individuo de Vite, de Vista Alegre, do Ensanche ou da Zona Monumental
vaia e coa súa lingua "de segunda división"
que é o galego articule unha comunización cun mozambicano
ou cun escritor do Nordeste brasileiro. Ese é un obxectivo
fundamental, de prestixio e de estima polo propio, que nos identifica
e que nos une a outros.
Outro obxectivo do econtro é crear espacios de relación
concreta entre todos os participantes en cada unha das cuestións,
que de aquí saian proxectos concretos. Xa antes de comezar
hai sete ou oito proxectos en marcha, e agardamos que cando isto
remate haxa máis e que isto teña continuidade.
Ademais destas cuestións hai outra, que é tentar que
as institucións públicas galegas reparen nisto e vexan
que é un camiño que sitúa a Santiago e a Galicia
no centro, con capacidade de enviar e de recibir e non como pura
periferia, e que ademais isto acádase da maneira máis
natural, isto é simplemente un grupo de case duascentas persoas
que veñen porque a lingua os chamou. Isto non é máis
que por en realidade obxectivos xerais e por en práctica
o que está sempre no lado do mito, coma o de dicir que os
portugueses son os nosos irmáns. Isto é a posta en
práctica disto.
"A
lingua, se está ben engraxada, é unha chave que abre
moitas portas"
¿Cres que "Galego no mundo" pode reavivar o debate
sobre a normativa do galego ou potenciar unha nova política
institucional cara a lusofonía?
Nós non imos tratar a cuestión ortográfica
nin normativa. O que é evidente na miña opinión
é que, sendo a normativa un intrumento, podemos ter corredoiras
ou autoestradas. Eu prefiro ter autoestradas que nos comuniquen
sen perder o que nós somos, e iso sería a reforma
normartiva. Pero todo iso é unha consecuencia, é dicir,
eu quero autoestradas porque teño vontade de comunicarme.
Cada vez máis a relación social e cultural de Galicia
co mundo lusófono pode ser maior. Por iso cada vez vai ser
máis evidente se existe unha vontade política de que
non se quere estar por aí. Haberá que xustificar e
dar razón disto, haberá que explicarlle ó pobo
galego por que se lle nega o acceso a unha cultura que tamén
é parte do seu patrimonio. Camões, Jorge Amado ou
Mia Couto, en parte tamén pertencen a Galicia. Este é
o dilema que terán que enfrontar, se facer de Galicia un
lugar periférico, sen identidade ou situa-la no mundo con
todas as súas potencialidades. Son as dúas alternativas.
"Isto
é simplemente un grupo de case duascentas persoas que veñen
porque a lingua os chamou"
¿Que criterios se seguiron para seleccionar os asistentes?
É difícil, de sinalar, algúns son criterios
obxectivables. Por unha banda, estivo presente a posibilidade de
coñecer o que é descoñecido, e, complementario
a esta, a posibilidade de convidar a quen xa coñece Galicia
e a súa realidade.
"Sendo
a normativa un instrumento, podemos ter corredoiras ou autoestradas.
Eu prefiro ter autoestradas que nos comuniquen sen perder o que
nós somos, e iso sería a reforma normativa"
¿ Pódesnos adiantar que proxectos están e
marcha?
O que podo adiantar é, na esfera de teatro, proxectos
de actuacións comúns, na literatura xa está
no séptimo capítulo a narración "O cránio
de Castelao". En canto ás comunidades no exterior está
previsto manter por rede ou por outro soporte informativo a ligazón
entre as comunidades que van participar. Na música está
a idea de realizar proxectos concretos con tódolos participantes.
Alén disto está a idea de manter a marca "Galego
no mundo- Latim em po" como elemento aglutinador, tanto dos
que organizaron isto como de todos os que se asociaron a esta idea,
para realizacións futuras deste encontro ou para outro tipo
de proxectos que desde aquí poidan emanar.
"Camóns,
Jorge Amado ou Mia Couto, en parte tamén pertencen a Galicia"
¿Está previsto que o encontro teña continuidade?
Porto ten na súa man a continuación de todo isto,
se o fai ou non xa será cos seus criterios. O que é
evidente é que con este encontro nós, galegos da periferia,
demos unha idea ó resto da lusofonía, e estamos dispostos
a obrar xenerosamente con ela para que se repita sempre que se considere
oportuna.
|