 |
|
Helder
Costa: A arma do teatro
"Se
a valorizamos, a cultura popular pode rematar por se impor"
Helder Costa
é un home non moi alto, algo groso e cabelo xa cano. Fuma tabaco
negro e fala co seu pousado portugués do Alentejo acompañado de
xestos, chamando constantemente a cumplicidade do oínte. Cre que
o máis importante de encontros como "Galego no mundo" é coñecer
xente e tomar copas con eles. Ten un aquel nos ollos que delata
a súa gaña de rir, e as súas obras demóstrano. Desde a compañía
independente máis importante de Portugal, A Barraca de Lisboa, leva
vintecinco anos facendo rir e reflexionar o país, con obras que
tratan os temas socialmente máis conflictivos cun ton sarcástico
que lles reportou o éxito. Foi o primeiro que representou a Darío
Fo no Alén-Miño, e concibe o teatro coma unha arte que debe promover
a reflexión e servir para educar, sen deixar a compoñente lúdica.
Hai uns anos, vostede codirixiu unha obra, "Raíñas de pedra", en
Galicia ¿cómo foi a experiencia?
Foi moi interesante, fixen a obra co Ollomoltranvía, xa tivera
outro espectáculo coma este e é un bó equipo, entusiasta. É bo atopar
un equipo que non está triste, que está feliz. Ficamos moi amigos
e con moito pracer coñecermos. A min góstame traballar dun xeito
o máis colectivo posible, non son un director autoritario. Eu teño
que intentar facer que cada actor co que traballo descubrir que
ten dentro de si, e foi un traballo case de psicoanalista, ver como
son as persoas, como falan. O ensaio é unha parte do contacto, tan
importante como o ensaio son as copas que se toman despois, e aí
é onde se coñece a xente, e desde esa identidade é onde podemos
crear unha historia, ver onde hai un sentido tráxico, un sentido
cómico, ver como somos cada un de nós. O traballo do director para
min é conseguir iso, e penso que con Ollomoltranvía foi posible
e fiquei moi feliz co traballo. Xa estivera antes en Galicia, en
Santiago estreei unha obra hai uns anos, nun encontro de escritores,
cara o 92. Tamén montei espectáculos en Cangas, Moaña, Cariño, A
Coruña, xa había un contacto coas persoas de aquí. E entón xa teño
aquí os meus amigos, e é como se fose a miña patria tamén. Cando
estou en Santiago sempre chove, incluso no verán, cando teño estado
aquí, a miña concepción de Santiago é sempre con esa milagre da
chuvia.
"Ser popular que non é o mesmo que ser populista, é a mesma
diferencia entre ser culto e ser elitista"
O martes participou unha mesa sobre teatro popular dentro do encontro
Galego no mundo, ¿De que se falou nesa mesa?
Houbo dúas participacións moi interesantes. Unha a de Alexandre
Passos, que falou sobre un teatro de títeres que existe en Portugal
e que é unha cousa extraordinaria, da que non se sabe a orixe. Ten
varias pezas, unha relixiosas e outras profanas. Podemos atopar
desde a representación dun baile de aldea e a continuación outra
sobre a creación do mundo feita por Deus, con bonecos, con un enorme
sentido do humor e unha grande participación popular de ideas. Así
aparece Deus representado coma un terratenente, que crea a Adán,
acontece o da mazá e Deus, para saber se comeron o froito, sobe
á árbore conta todas as mazás, como facían os donos das árbores
nas aldeas do Alentexo. Todo isto feito por campesiños, egora foi
un grupo profesional que ficou coa herencia diso, e para min, sinceramente
é o espectáculo máis fascinante que vin na miña vida, o mellor do
mundo. Tamén interviu un poeta popular brasileiro, Zé Laurentino,
que fala en verso, fixo unha historia sobre a capital da cultura
de Compostela. Nestas cousas é onde se ve a forza impresionante
da cultura popular.
"En
París aprendín qué é realmente o teatro popular"
Nesa mesa, vostede foi convidado para falar da súa experiencia montando
o Teatro Operario de París.
A miña intervención foi para valorizar estas cousas e falar
dunha experiencia que eu tiven que foi o Teatro Operario de París.
Eu estiven en París sete anos, por unha "bolsa de estudios" que
Salazar me ofreceu, en vez de falar exilio, eu digo que foi unha
bolsa de estudios. Aló montei o Teatro Operario, só con inmigrantes:
obreiros, empregados, criadas... Moitos totalmente analfabetos.
Tíñamos o traballo simultáneo de aprender todo. Empezamos facendo
varias obras pequenas e rematamos con dúas grandes pezas. Unha era
sobre unha revolta obreira que houbo en Portugal en 1934. Foi algo
moi interesante, porque os membros do teatro puxéronse a investigar
sobre o tema, e partir de aí fixemos unha peza, foi a producción
popular a que fixo a peza.
O que aprendín a raíz destes contactos foi que a peza ten que ser
construída dun xeito comprensible. Non era un formalismo burgués,
non había cartos para escenarios, non había nada.
Facíanse espectáculos gratuítos por bares, con público portugués.
Ó finalizar o espectáculo os actores preguntaban ó público quen
quería facer teatro. A continuación facíase unha reunión entre os
interesados, e un dos actores ficaba encargado de formar un novo
grupo de teatro. En tres anos de traballo tíñamos dez grupos só
en París, dous no sur de Francia, un en Bélxica, outro en Holanda,
outro en Dinamarca, outro en Suecia, outro en Inglaterra... E en
cada país facíanse pezas diferentes, sobre os problemas de cada
lugar. Todo mediante comunicación, relación, o interese por situacións
concretas, qué e o que interesa as persoas.
"Se quero atacar un problema o mellor é empregar o humor"
¿Que cre que vai acontecer coa cultura popular.
Co Teatro Operario aprendín qué é realmente o teatro popular, e
como a palabra ten que se escribir do xeito que a xente percibe
as palabras, e non as que se aprenden a Universidade. Foi unha abordaxe
do que é posible discutir sobre o valor da cultura popular e como
podemos axudar á cultura popular. Nós temos unha responsabilidade
niso, porque a cultura popular é esmagada da mañá a noite polo intelectual,
polo falso doctor, polo falso profesor... Se valorizamos esta forma
cultural fortísima pode rematar por se impor. Sei que é moi difícil
en Europa, mais se traballamos sobre iso, pouco a pouco haberá algo.
Temos falado con intelectuais, artistas ou xornalistas da responsabilidade
de comunicar o respecto á palabra, a palabra directa, clara. Isto
non é baixar o nivel, e poñer a cultura popular ó noso nivel. Hai
que ser claro, ser popular que non é o mesmo que ser populista,
é a mesma diferencia entre ser culto e ser elitista.
"Para
escribir unha obra ollo a realidade do país ata atopar un tema que
me interesa"
Xa de volta en Portugal, vostede organizou a compañía A Barraca,
¿como funciona?
A Barraca ten xa vintecinco anos. Durante a dictadura estaba
todo prohibido, corenta e oito anos de fascismo é moito tempo, e
non se pode agardar que a xente teña consciencia. Logo do 25 de
Abril decidín traballar sobre a historia e a cultura de Portugal.
Explicar quen era Gil Vicente, Camões. Isto fíxose durante anos,
equilibrando con traballos de propaganda directa sobre a realidade.
Por iso estreei a Darío Fo en Portugal en 1980, Woody Allen, Ionesco,
"Primeira plana" de Benett para falar dos medios de comunicación.
Sempre sobre a historia e a cultura, e entón entrei nas escolas
e nas universidades. Esta é unha liña que penso que sempre funciona,
porque problemas hai sempre. Para escribir unha obra ollo a realidade
do país ata atopar un tema que me interesa. O racismo, os medios
de comunicación social... cunha característica da que gosto no meu
traballo que é que as pezas son nun noventa e nove por cento humorísticas.
Creo que se quero atacar un problema o mellor é empregar o humor,
e quizais por iso A Barraca puido manter unha liña sen interrrupción,
e crear un público con certo prestixio nacional e internacional
que pagamos, porque estamos mal vistos polo goberno. Estivemos dez
anos sen un subsidio, e aguantamos mediante dedicación ó público,
viaxes, festivais, e un elemento fundamental que é a paciencia.
Agora, se o goberno dá a un grupo que ten cen millóns, ou dez millóns,
nós temos un, e ó mesmo tempo somos o único grupo do país que ten
premios nacionais, e internacionais. Actualmente a barraca ten oito
obras sempre peparadas, a partir de xaneiro serán dez. Isto permítenos
que se unha cidade nos pide unha obra, imos alí cunha obra e outra
parte do equipo vai a outras dúas cidades próximas a facer outras
obras. É cuestión de organizarse ben, estar planificando constantemente.
¿Que agarda deste encontro? Penso que o máis importante é por
persoas en contacto e coñecela. Ó final pode haber unha declaración,
pero o importante é coñecer as opinións de persoas doutros países,
trocar experiencias e facer proxectos en conxunto. Por exemplo agora
un actor de mozambique que coñecemos onte xa vai facer unha cousa
en A Barraca. Os gobernos nunca farán algo así, temos que ser nós
os que facemos as cousas, os que están interesados, teñen semellanzas,
falan claramente son camaradas na misma loita, entendémonos.
"Nunca
en Portugal se faría un encontro da lusofonía coma este. Alí faríase
un encontro de profesores"
¿Que é para vostede a lusofonía?
A cuestión da lusofonía creo que hai un traballo moi importante
feito para mover eses lazos. Penso que para que iso se leve ben
é preciso converncer a Portugal. O problema é de Portugal e de Brasil.
¿Que é o que pasa alí? Nunca en Portugal se faría un encontro da
lusfonía coma este. Alí faríase un encontro de profesores académicos,
pechado, e para chamar ó cantor popular, ó escritor mozambicano,
non habería diñeiro. É aí que a lusofonía é un grande bluff, porque
o que está a pasar na práctica é que hai unha serie de funcionarios
que gañan a vida dicindo o que é a lusofonía. Fan unha publicación
que fica na biblioteca que ningúen lé, gastase moito diñeiro e a
lingua portuguesa non se espalla, non se desenvolve, non é adquirida.
E no caso portugués a situación é aínda máis grave, porque, por
exemplo, Angola e Mozambique teñen o portugués como lingua oficial,
pero tamén teñen os seus dialectos e van falando. En Portugal somos
cerca de dez millóns e hai seis millóns de portugueses no estranxeiro.
Se eu non trato da lingua en relación a esa xente, ¿que pasa? Esa
é unha obriga de investimento con esa xente desprazada é un crime
desde un punto de vista político e económico, e eu son pesimista
nese sentido, non se fai nada. Habería que crear escolas de portugués
na emigración, nos barrios, asociacións populares... do mesmo xeito
que eu o fixen, outros o poden facer, sen diñeiro.
|