 |
|
En
Extremadura, en galego
Domingo Frades explicanos a situación das vilas de Extremadura
onde leva nove séculos falando galego
|
|
Se queres saber
máis cousas sobre o galego de Extremadura, consulta
as nosas ligazóns.
Por Xermán Hermida.
|
Domingo Frades
naceu nunha vila do noroeste extremeño, e traballa en Badaxoz
como funcinario. Cando as fins de semana volta á súa
vila, ou cando atopa algún paisano, cambia o chip e comeza
a falar a súa lingua materna, o galego. Un galego algo arcaico,
cunha sonoridade semellante ó asturiano que se conserva desde
hai case nove séculos en tres aldeas que foron repoboadas
con galego na reconquista. Esta semana está no encontro "Galego
no mundo-Latim em pó", e accedeu a explicarnos a situación
da súa comunidade lingüística
Vostedes chámanlle Fala ó seu galego
Si, chamámoslle A Fala porque nos tres lugares hai diferencias
fonéticas e léxicas. A cada unha das variedades chámaselle polo
xentilicio do lugar, mañego, valverdeiro... E todos lle chamamos
a Fala porque é a mesma, aínda que haxa diferencias entendémonos
divinamente, e ó falar de fala sabemos de qué estamos falando, a
lengua en que desde hai séculos ese lugares se entenden.
¿Onde se fala exactamente este galego de Extremadura?
En Extremadura hai tres concellos, no norte, na parte occidental
que linda con Portugal e Salamanca, que se chaman as Ellas, San
Martín de Trebelle e Valverde do Fresno e neles fálase o galego
medieval. A orixe disto está na reconquista, con Fernando II e Alfonso
IX de León e Galicia, segundo está documentado, que construíron
os castelos de Trebello, de Salvaleón e de Rella, xa un pouco máis
tarde. Nestes lugares seguimos falando aquel galego. O problema
que temos é que estamos moi separados de Galicia e é unha alegría
cada vez que van os galegos alí, ou cada vez que vimos nós, cando
nos atopamos entendémonos bastante ben, pero estivemos un pouco
abandonados. Ó estar por un lado Portugal e por outro pobos castelánfalantes
non houbo case ningún apoio institucional nin medios para facer
algo de literatura, medios didácticos, introducirnos en internet,
realizar publicacións...
"Alí hai arredor
de 5.500 falantes residentes, e case outros tantos vivindo fóra"
¿Cantos falantes teñen aló? Alí residentes hai arredor de 5.500,
e case outros tantos vivindo fóra, que siguen falando. Eu mesmo
non vivo alí continuamente, vivo en Badajoz, pero os que nos vemos
fóra, temos que falar a nosa Fala porque é un cambio de chip obrigado.
Non somos moitos pero merece que sigamos mantendo a lingua con cariño
polo esforzo que teñen feito por legala os nosos maiores e polo
valor filolóxico e tradicional que ten.
¿Están a acadar apoio institucional?
Agora estamos atopando un certo apoio da Xunta de Extremadura
que vai declaralo Ben de Interese Cultural dentro da rexión, porque
ten un valo filolóxico e histórico o feito de que siga viva alí
esta Fala. A Unión Europea deu algo de axuda para ir introducindo
na escola, polo de agora a título optativo como materia extraescolar
nos colexios da zona. Os pequenos están a asistir con grande interese
e normalidade, e agora van facer unhas obras de teatro, un xornal
escolar. Temos feito cousas como o que aquí se chama un magosto
que alá son as "borrallás", recuperación de tradicións, cantares
e contos. Un pouco o que podemos. Por iso me encanta este encontro
que temos aquí e quero agradecerlles ós organizadores e a que teñades
en Santiago esta sensibilidade. Creo que sería bo axudar desde aquí,
non é cuestión de diñeiro, e cuestión de recoñecemento un pouco
da labor, e algún apoio deste estilo cando haxa que publicar, cando
haxa que divulgar que sepades que alá existe unha pequena Galicia.
Teñen vostedes organizada unha asociación para defender a Fala.
A asociación á que pertenzo chámase "Fala e Cultura", somos
unha asociación cultural sen ánimo de lucro, sen moito apoio, non
temos correo electrónico, nin concello o ten.
"Temos feito cousas como
o que aquí se chama un magosto que alá son as "borrallás", recuperación
de tradicións, cantares e contos"
¿Cando comezou a consciencia de que o que vostedes falaban era o
galego?
A principios de século foi por alí un lingüísta portugués,
Leite de Vasconcelos, tamén estivo Menéndez Pidal...máis recentemente
estivo Zamora Vicente, que agora tivemos a sorte de que estivese
de novo. E aquilo fíxolle ver á xente de alí que a Fala debía de
ter un valor. Desde que estamos con estas actividades e a Asociación
Fala e Cultura, a xente que sempre empregara a Fala está vendo ese
valor. Agora ademais saben de onde ven a fala, e cada vez está habendo
mais satisfacción de falar.
"Temos as peculiaridades do galaico-portugués,
o "f" inicial, os sufixos en "eiro, eira", as terminacións ou a
evolución de grupos consonánticos"
¿Que características peculiares ten a fala?
Eu non son lingüista, son funcionario de agricultura, pero
en fin, tivemos apoio de lingüistas galegos e extremeños e podo
dicirche máis ou menos. Temos as peculiaridades do galaico-portugués,
o "f" inicial, os sufixos en "eiro, eira", as terminacións ou a
evolución de grupos consonánticos como en "chover". En xeral hai
un noventa por cento de características iguais ás do galego, medieval
e actual. O galego evoluíu máis que nós por ser máis xente e estar
máis viva a fala, alí ó ser unha zona case totalmente agrícola e
ser menos as características principais do galego se manteñen. A
nivel léxico tamén se conservan moitas cousas, estivemos falando
no encontro de nomes de ferramentas agrícolas e son case iguais.
Mesmo a nivel de costumes, algunhas como a noite de San Xoán perduran
desde hai séculos.
"Non nos senta mal
que nos digan que somos galegos"
¿Síntense galegos?
Non é que nos sintamos nin nos deixemos de sentir. Somos extremeños
porque nacemos naquela parte pero lingüísticamente non nos senta
mal que nos digan que somos galegos senón que nos parece ben. Sentaríanos
peor que dixesen que somos portugueses porque aínda que o portugués
é unha rama do galego, o noso o e tan rama do galego como o portugués.
¿Manteñen contactos coa cultura galega?
Non tantos como quixéramos porque estamos un pouco lonxe, eu
mesmo teño vido en varias ocasións por cuestións de traballo. En
traballo temos tido bastantes contactos coa facultade de Filoloxía
de Vigo ou a de Santiago, e seguimos manténdoos e estamos moi agradecidos
e dispostos a seguir colaborando. Ás institucións non lles temos
pedido nada tampouco pero tamén nos gustaría que sepan que existe
un galego fóra de Galicia igual que existe por Asturias, León ou
Zamora. Que sepan que extremadura hai un recuncho, aínda que só
sexa vinte mil hectáreas onde hai xente que fala galego e que está
orgullosa de ter esa ascendencia e esa lingua.
¿Como organizaron o ensino do galego nas escolas?
Fixemos unha solicitude a Bruxelas dentro dun programa que ten
a Unión Europea para linguas minoritarias e pedimos á Xunta de Extremadura
un apoio institucional para esta petición. Bruxelas concedeuno,
e fixemos programas e unidades didácticas. Uns encargáronse de ensinar
xogos e contos, outro recopilaron tradicións, outros montaban obras
de teatro... Buscamos profesores que fosen falantes, para que os
pequenos fosen vendo o que é a Fala e como con ela se pode facer
teatro igual que matemáticas.
Ademais das actividades extraescolares, ¿hai máis asignaturas que
se impartan na Fala? Hai colexios onde temos a sorte de ter
profesores falantes, e que agora están entusiasmados e moitos pediron
introducir a fala en tódalas actividades do colexio o que pasa é
que ata que chegue o novo curso vai ser difícil de introducila en
novas disciplinas pero están dispostos a que sexa a fala unha lingua
máis.
"Para o ano que ven estamos agardando que se introduza no programa
escolar completo en tódalas materias que queiran optar pola fala"
¿Canto tempo levan impartindo clases de Fala nas escolas?
As actividades comezaron hai catro anos en horario extraescolar,
cando aínda non se transferiran as competencias de Educación á Xunta
de Extremadura. Agora, con este programa da Unión Europea, que é
moi curto, estamos ata finais de decembro con ánimos de continuar
ata o fin de curso. Para o ano que ven estamos agardando que se
introduza no programa escolar completo en tódalas materias que queiran
optar pola fala.
¿Teñen alí tamén o debate do reintegracionismo ortográfico? Algo.
Como a xente nunca escribira a Fala, tenden a escribir como falan,
e digo xente ou xenro ou xoves [os "x" son sonoros, coma no portugués
"gente"], que sería o galego medieval, aquí non hai problema, pero
¿como escribimos xente? Alí aínda temos a necesidade de facer esa
normativa, para que se animen a escribir, por que continúa sendo
de tradición oral, é moi fácil que se chegue a perder. Xa bastante
aguantou, setecentos ou oitocentos anos. Para isto, é necesario
unha normativa. Non sería difícil, agora que estamos comezando coller
unhas normas como as que ten a Real Academia Galega e adaptalas
alí. Para isto vennos ben vir a Galicia, e recibir axuda de tipo
académico. Sempre hai algúns aficcionados que falan e pretenden
que escribamos con grafía portuguesa, e eu non sei por que hai que
poñer "palha" e non con "gl" como fan os portugueses. Creo que nos
conviña adaptarnos á grafía e a normativa galega que é de donde
provén a nosa fala, e se esa norma di que ai que poñer "lh" porémolo,
pero non porque o digan por alí catro.
¿Velle futuro á comunidade lingüística destes pobos?
Eu creo que si. Agora que está tan de moda a xenética, estamos
tratando de coidar unha especie de piñeiro para que non se perda.
A lingua ten unha riqueza interna de costumes de tradicións que
desaparecen se se perde. Manter as linguas que están unidas, do
tronco galego e aprender ademais todas as que poidamos. Ademais
cos medios que hai hoxe en día nesta aldea global, o triste é que
se perdan estas cousas.
¿Como se ve a lusofonía desde Extremadura?
Extremadura é moi grande, pero a nosa zona, que linda con Portugal,
entendémolo perfetamente. Hoxe en día o que era o galego medieval
e o portugués lingüísticamente ten moito en común, e é algo bo.
E é preferible que a lusofonía vaia poñendo pé en seis sitios e
dándolle a categoría que ten que o rematarmos por ter que aprender
inglés obrigatoriamente. O inglés é moi interesante pero a nosa
raíz que está na fala galaico-portuguesa, desde o noso punto de
vista, ó lado de Portugal, é unir.
¿Que conclusións sacou do congreso?
A pesar de que ata última hora non puiden chegar, creo que
se están sacando conclusións moi boas. Estivemos no grupo sobre
o galego exterior na Península, e estamos vendo que é xente moi
ilusionada e que o apoio que recibimos moitas veces é escaso e estamos
vendo que cos medios de hoxe en día pódese facer moito máis sen
grandes. Xuntármonos un home de Extremadura, outro de Navia, outro
do Bierzo... e entendernos perfectamente con xente de Santiago,
é unha alegría.
¿Concretaron algunha iniciativa? Estamos falando sobre como
sacar unhas conclusións e non nos vaiamos de aquí de baleiro. Imos
tratar de expor a conclusións, sinalar os problemas que atopamos
nestas zonas, e tentar que en publicacións, normativas, e estas
cousas esteamos presentes.
|