 |
|
Avelino Ferreira
Gomes: Unha voz portuguesa nos Estados Unidos
"A lusofonía fica coma un concepto académico, pero non se dá a nivel
de relacións en Estados Unidos"
|
|
Se queres saber
máis cousas sobre o "Portuguese Times", consulta
as súa páxina
en internet.
Por Xermán Hermida.
|
Avelino Ferreira
dirixe un semanario en portugués. A peculiaridade da súa publicación
é que se publica en Boston, Estados Unidos, e que é lido pola comunidade
emigrante daquela zona. Nesta entrevista cóntanos como se organiza
a súa comunidade e como funciona un medio de comunicación que se
desenvolve nun contorno lingüístico hostil.
¿Como se conformou unha comunidade portuguesa en Boston?
New Bedford, a cincuenta quilómetros de Boston é unha cidade con
cerca de 100.000 habitantes. No século pasado era moi coñecida pola
caza da balea. A emigración portuguesa a esta zona comezou coa caza
da balea. Todos os barcos que saían desta zona e da illa de Nantucket,
saían cara o Atlántico Sur na caza da balea en expedicións prolongadas
de dous ou tres meses e paraban nos Azores para abastecerse e para
refrescar as tripulacións, e entón moitos azorianos embarcaban e
ían para New Bedford. A emigración continuou coa industrialización
e a necesidade de man de obra. Cerca do 60% dos habitantes de New
Bedford son portugueses ou descendentes de portugueses. Se se colle
unha lista telefónica e se ollan os nomes son todo Ferreira, Silva,
Sousa... nomes portugueses.
"Cerca
do 60% dos habitantes de New Bedford son portugueses ou descendentes
de portugueses"
Algúns xa son de terceira xeración, nin falan portugués, pero son
de ascendencia portuguesa. Hai xa moitos anos comezaron a aparecer
institucións portuguesas, clubes portugueses, igrexias portuguesas.
Tamén comezaron a aparecer xornais e medios de comunicación. Houbo
unha época a comezos do século, nos anos 20 e 30, que a comunidade
era moi activa, pero era unha época na que había moitos militantes
por motivos políticos, de resistencia a dictadura, e xa tiñan un
sentir máis intelectual que a emigración normal. Nesa altura chegou
a haber moitos xornais, e grupos de teatro, e asociacións culturais
que despois foron desaparecendo. Durante a II Guerra Mundial a emigración
case parou, e a finais dos anos cincuenta e comezos dos sesenta
iso mudou e entón renovouse a emigración. Algunhas das institucións
xa existentes revitalizáronse coa nova emigración e outras foron
creadas polas novas xeracións de emigrantes como é o caso do Portugues
Times que se fundou en 1971 xa polos novos emigrantes.
¿Como está estructurado o seu xornal?
Nós ocupamos a metade do xornal coa información da comunidade. Temos
tamén as noticias máis relevantes de portugal e tamén noticias de
Estados Unidos, e moitos colaboradores de todo o país, Canadá, Portugal...
Temos tamén varias páxinas sobre deporte, que é algo que interesa
moito alí. Antigamente dedicábamos motio máis espacio a noticias
de portugal. O xornal está escrito exclusivamente en portugués,
os nosos subscriptores forman parte da comunidade portuguesa e o
xornal, como todos, vive fundamentalmente a base da publicidade,
porque non hai subsidios, ó contrario que en Portugal.
"Os nosos subscriptores forman parte da comunidade portuguesa e
o xornal, como todos, vive fundamentalmente a base da publicidade"
Aló vivimos nun país capitalista e o xornal é unha empresa que non
pode ter perdas. No xornal anúncianse empresas portuguesas, pequenas
empresas de emigrantes, axencias de seguros, vendas de automóbiles,
inmobiliarias. Hai compañías grandes que se anuncian no noso xornal
para captar a clientela portuguesa. A maior parte dos nosos anunciantes
son empresas americanas ás que interesa captar a comunidade portuguesa.
O mesmo acontece cos outros medios en portugués.
¿É difícil desenvolver un xornal en portugués nun contorno alleo?
É moi difícil. As infraestructuras do xornal non son as mesmas que
as dun xornal portugués. Alí unha mesma persoa ten que sacar as
fotografías, escribir, paxinar o xornal. Alá só somos cinco persoas
a horario completo, e temos moitos colaboradores. Ademais hai freelancers
que traballan en cuestións concretas. Ten que haber moito amor,
traballar tódalas semanas, saíndo a miúdo á media noite. É difícil
un xornal escrito nunha lingua estranxeira, habido outros proxectos
que teñen fallado, pero o "Portuguese Times" mantívose.
¿Existen outros medios en portugués na súa zona?
Ademais do xornal hai unha estación de radio que emite exclusivamente
en lingua portuguesa 24 horas ó día e moitos programas de radio
en estacións de radio de productores independentes que venden espacios
de emisións que son ocupados tamén por programas en portugués. Existe
tamén unha canle de televisión por cabo que chega a corenta comunidades
e emite todo o día, repetindo a programación. Ademais, a televisión
portuguesa tamén emite por cabo a RTP Internacional. Por tanto a
influencia do xornal diminuíu no aspecto de dar noticias de Portugal,
dedicámoslle unha ou dúas páxinas e o groso do xornal son noticias
da propia comunidade. Hai moitas actividades das propias asociacións.
En New Bedford, en lugar de haber un só clube portugués hai máis
de quince clubes portugueses. Son asociacións pequeniñas, que fan
festas nas fins de semana. Hai dous ou tres máis orientados cara
actividades culturais, pero a maioría son de fútbol, e actividades
recreativas.
¿Cantos lectores ten o seu xornal?
Arredor de quince mil. O xornal é distribuido por todo o país por
subscripcións. Esta cantidade é pouca e é moita. Entendendo que
o índice de analfabetismo dos azorianos era elevadísimo antes do
25 de Abril. Toda a xente que veu nesa época nunca lera xornais
nas súas rexións de orixe, iso é unha conquista. Por outra banda
en Estados Unidos o mercar o xornal é como mercar o pan, forma parte
da cultura das persoas. Hai quen o compra só para cortar os cupóns
dos anuncios. Se a mesma regra se aplicase ós portugueses, nós teríamos
un índice de lectura moi alto polo menos naquela zona.
¿Mantén a súa identidade a comunidade portuguesa nos Estados
Unidos?
Os portugueses mantemos as tradicións e as festas que se facían
nas terras de orixe fanse alá, e hai festa case todos os fins de
semana do verán. Hai a festa do Señor Santo Cristo, a festa do Espírito
Santo, da Nosa Señora de Fátima. Hai algunhas con maior expresión,
como a festa do Espírito Santo, que congrega alá milleiros e milleiros
de persoa nun desfile e unha comida ó aire libre. Algúns
costumes etnográficos que se están perdendo en Portugal mantéñense
nas comunidades do exterior, xa cunha certa adulteración da influencia
da cultura americana, pero hai un esforzo por reproducir no posible,
por exemplo mandando a buscar a portugal carros de bois que participan
no desfile.
"Costumes etnográficos que se están a perdendo en Portugal
mantéñense nas comunidades do exterior"
Actualmente xa non emigra moita xente para alá, e nas últimas
tres décadas moitas tradicións perdéronse, aínda que outras continúan,
sobre todo a nivel culinario. Así, os portugueses conseguiron implantar
en Estados Unidos o chourizo, algo tipicamente portugués, e un doce
que se fai alá e que se chama fartura ou filloas e que é tradición
comer no entroido. Agora alá transformouse nunha industria, e hai
filloas todo o ano. É algo que ós americanos lles chistou, e ainda
que non a nivel nacional, naquela zona os americanos comen iso todo
o día.
"Naquela zona os americanos comen
filloas todo o día"
¿Está presente o portugués no ensino?
Creáronse escolas portuguesas. A política do ensino do portugués
para europa é moi diferente que a de Estados Unidos. Mentres en
Europa é o propio goberno o que envía profesores para aló, en Estados
Unidos son os pais dos alumnos os que crean asociacións e pagan
os profesores para dar aulas de portugués. O ensino particular segue
o currículum do Ministerio de Portugal. A nivel secundario e universitario
hai portugués como segunda lingua, pero a asistencia é facultativa.
Na Universidade de Massachusets existe desde hai moitos anos un
Centro de Estudios Portugueses que recentemente ascendeu á categoría
de departamento, é a primeira Universidade Pública de Estados Unidos
en ter un departamento exclusivo de portugués. Na universidade privada
de Brown, Providence, ten un departamento de Estudios Portugueses
dirixido por Onésimo Almeida, que ía asistir a este encontro.
¿Sabe se existe unha comunidade galega en Boston?
Non hai, persoalmente coñezo a dous ou tres galegos que se adicaban
á pesca, pero non é unha comunidade visible. Eu coñecía os galegos
pero non sabía das semellanzas lingüísticas.
¿Cal cre que é a función principal dos medios de comunicación na
emigración?
Evidentemente contribúe de xeito decisivo a manter os lazos.
Os azorianos cando emigran, ó contrario que os portugueses do continente,
normalmente non regresan. De calquera xeito manteñen sempre relacións
afectivas coa terra natal, continúan seguindo o fútbol... e os xornais
son un elo de ligazón importantísimo para eles. O xornal contribúa
tamén a manter ligazóns entre as propias comunidades. Ás veces recibimos
chamadas de xente que pregunta sobre festas que se organizan alá.
Noutro aspecto informamos a comunidade do que pasa dentro da propia
comunidade, incentivámolos a ter unha participación cívica máis
activa. É importante saber que pasa en Portugal, pero tamén é importante,
para vivir alá, saber que impostos vas pagar, as cousas que van
afectar directamente á túa vida. Abordamos aspectos básicos de educación
cívica. Cando os portugueses foron para alá durante a dictadura
non sabían nada da política, a política era algo que daba medo.
Nós tentamos ensinar, convencer á xente de que eles son a política,
integrar as persoas no propio sistema, incentivala a obter a cidadanía
norteamericana, xa que agora se pode obter sen perder a portuguesa,
para que poidan participar politicamente persoas que nós mesmos
respectamos, porque alá non se votan os partidos, vótanse as persoas.
Nese aspecto a comunidade portuguesa está a gañar maior consciencia
cívica, xa merece maior respecto. Aínda non temos a representación
política que correspondería ó noso número. Se fose proporcional,
os portugueses deberían controlar toda a vida pública da cidade,
pero iso ten que ver tamén coa educación e outros problemas.
"Se a representación política fose proporcional á poboación, os
portugueses deberían controlar toda a vida pública da cidade"
¿Velle futuro ó seu xornal futuro do xornal?
O xornal, de seguir como está na actualidade, o seu futuro non vai
ser moi polongado. Ó non haber renovación da emigración de aquí
a dúas décadas... Teño recibido chamadas de persoas que falaban
portugués para cancelar a subscripción, dicindo que o seu pai, que
era que o lía o xornal, morrera. O que adoita acontecer con xornais
en italiano e outras linguas é que foron desaparecendo. O que lle
pode acontecer ó Portuguese Times é que pase a ser escrito na lingua
inglesa dando énfase á comunidade de orixe portugués. Ás novas xeracións
xa non se interesan por ler xornais e coñecer a literatura portuguesa.
A nivel académico pode manterse ese interese, pero iso non abonda
para manter un xornal. Eu teño tres fillos que naceron nos Azores,
falan e considéranse portugueses. Pero os meus netos xa non falan
portugués, a miña nora non é portuguesa. Os meus fillos falan portugués
pero non len o "Portuguese Times", non ven a televisión portuguesa,
son americanos. ¿Qué posibilidades lle ven a internet cara as comunidades
extreriores? O noso xornal xa está en internet, pero aínda non estamos
sacando ningún beneficio de internet. No aspecto cultural e de ligazón
é bo e funciona pero ata que sexa viable económicamente aínda ten
que pasar tempo, e na nosa comunidade a xente aínda non está moi
divulgada.
¿Que está a atopar neste encontro? Eu partía dun punto cero
sobre o coñecemento da comunidade galega. Do que me decatei é que
aquí dentro xa hai opinións diferentes, uns son máis de esquerda,
outros de dereita, outros de centro. Neste encontro atopei debates,
percibín que dentro dos propios galegos non hai unanimidade de pensamento.
Quizáis isto provoca o dinamismo das persoas, eu levo aquí só tres
días, é unha experiencia moi bonita. Mesmo no aspecto lingüístico
nin sequera coñecía a semellanza do inglés co galego.
¿Qué é para vostede a lusofonía?
É un concepto. En Estados Unidos, non hai moita interrelación entre
a comunidade portuguesa, caboverdiana ou brasileira. A lusofonía
fica coma un concepto académico, pero non se dá a nivel de relacións.
Mesmo antes da independencia, os caboverdianos xa se consideraban
caboverdianos e non portugueses, e viven en zonas diferentes dos
portugueses. Os brasileiros é o mesmo. Aínda que hai máis puntos
en común que, por exemplo os italianos, en termos prácticos, este
concepto non existe. Mesmo dentro dos galegos hai quen defende a
integración do galego da lusofonía e hai quen non.
|