Correo Busca en CG
Subscríbete
Inicio
 


Compostela, capital da lusofonía


Destacados escritores, dramaturgos, cineastas ou músicos achéganse a Compostela convocados polo congreso "Galego no mundo-Latim em Pó", que se celebrará dentro dos actos da Capitalidade Cultural do 2000 en Compostela. Este lugar pretende servir como foro de debate sobre a situación das variantes do tronco lingüístico galego-portugués, que actualmente son empregadas por case 200 millóns de persoas.


Reivindicación do idioma

Segundo sinalou na presentación do encontro Manuel Portas, concelleiro de normalización lingüística compostelán, con este encontro preténdese demostrar a validez do galego para comunicarse no mundo "sen pagar peaxes lingüísticas" e recuperar a normalidade no intercambio cultural coa área da lusofonía. Os dous responsables destacaron a intercomprensión do galego coas demais variedades da súa familia lingüística coma o portugués, o brasileiro ou as formas africanas e asiáticas. Segundo Elías Torres, coordinador do encontro, esta semana "colócanos outra vez no mundo, no centro do mundo afro-luso-brasileiro".

Participantes
Entre os nomes que estarán en Compostela a semana que vén poden destacarse algúns como Mia Couto, escritor de Mozambique; Helder Costa, director de A Barraca de Lisboa; o director de cinema Luís Filipe Rocha; o cantautor portugués Fausto; o escritor Suso de Toro; o director do grupo brasileiro Globo, Luís Erlanguer; a cantante Uxía Pedreira; o dramaturgo Roberto Vidal Bolaño...

Multidisciplinariedade
Os actos desenvolveranse divididos en seis áreas principais: cinema, comunidades exteriores, literatura, teatro, medios de comunicación e música. En cada unha destas áreas, e entre o doce e o catorce de decembro celebraranse encontros entre creadores e expertos en cada unha destas áreas, estando programadas ademais a proxección de películas, representacións teatrais ou actuacións musicais de varios estilos. O encontro inaugúrase o luns cun concerto do grupo angolano Kussondulola da discoteca Casting de Compostela, e rematan o sábado coa celebración na NASA da Ultranoite Lusofonía, con espectáculos de todo tipo.


Baixa intensidade e espectáculos sorpresa
Ademais dos encontros e conferencias, nas seccións de teatro, literatura e música a xornada rematará cada día con espectáculos abertos. No caso do teatro, ás catro e media dos días 12, 13 e 14 poderán verse os "Espectáculos de Baixa Intensidade", que comprenden contacontos, declamacións, lecturas dramatizadas...
En canto á música, cada día ás sete da tarde terá lugar unha actuación musical sorpresa de músicos de toda a lusofonía. Ademais haberá un concerto as noites do mércores e do xoves, con músicos de Timor, Guiné Bissau, Mozambique, Angola ou Brasil.
O cinema estará representado por tres películas das diferentes nacionalidades, ás que seguirán debates cos directores.
A literatura contará con espectáculos de Orlando Chale, Zé Rui e Cláudia Campos.

Publicacións
Con ocasión do congreso realizáronse tres publicacións. Por unha banda, "Os pousos da pedra", pequeno libro de relatos que pretende servir como guía de Compostela para os visitantes e na que participan autores coma Suso de Toro, Xurxo Souto ou Emilio Cao entre outros. Oito mil exemplares desta publicación serán distribuidos gratuitamente na cidade.
Por outra banda, editaranse dúas obras resultado da colaboración de autores de varios países da Lusofonía. Por unha banda está a narración policiaca "O cránio de Castelao", en que cada autor escribe un capítulo e que será publicada por entregas en medios de comunicación galegos, portugueses e brasileiros.
A outra colaboración será "Do músculo da boca" obra colectiva na que autores de toda a lusofonía expoñen as súas reflexións sobre a lingua.

 

De balde Tódolos actos do encontro son públicos, agás os encontros matinais entre os convidados, e de acceso gratuito, previa retirada de invitación en INCOLSA, na rúa do Vilar.

 

 

 




   

 

 

Cultura Galega.org
Especiais / Arte / Comunicación / Música / Espectáculos / Historia / Lingua e Literatura / Sociedade /
Certames / Arquivos / Participa / Xénese / Alén da Terra / Zona Cultura / Colaboracións
Correo / Acerca de Cultura Galega.org


Cultura Galega.org é unha iniciativa do Consello da Cultura Galega
©Consello da Cultura Galega, 2000