Rematou o
encontro "Galego no mundo-Latim em pó", mentres
agardamos a publicación das conclusiós finais, os
organizadores valoran o acadado, destacando o éxito xeral
de público e de contacto.
Na rolda de prensa que sinalou a fin dos encontros, Manuel Portas,
concelleiro de Normalización Lingüística do Concello
de Santiago, calificou o resultado do encontro de "éxito
rotundo" pola necesidade de foros semellante, a orixinalidade
da estructura, a calidade dos debates, a alta participación
do público e polas propostas de futuro que xurdiron.
Segundo Portas, este foi un dos encontros máis destacados
do que se realizaron na cidade este ano, e o único que "partiu
dalgo tan básico como a lingua".
Elías Torres, coordinador do encontro, sinalou a importancia
dos camiños abertos con este encontro, tanto a nivel de proxectos
concretos como de ideas. Segundo el, a sociedade galega ten na lusofonía
un inmenso campo aberto e á súa vez moitos países
de fala portuguesa descubriron a nosa cultura. Logo de rematado
o encontro, Torres manifestou a súa intención de entrevistarse
con diferentes axentes culturais para explicar o proxecto e buscar
a continuidade do mesmo.
No acto de prentación das conclusións presentouse
un manifesto da organización e dos asistentes para pedir
ó goberno Mozambicano que esclareza a morte de oitenta e
tres prisioneiros en circunstancias non aclaradas e a morte do xornalista
Carlos Cardoso. Segundo Elías Torres, Galego no Mundo-Latim
em pó xurdiu ademais de como punto de encontro entre persoas
como foro de solidariedade entre os países, e ademais do
manifesto, acordouse que os beneficios que se obteñan pola
venda da obra colectiva "O cránio de Castelao"
vaian destiñados a proxectos humanitarios en Mozambique.
Emilio Cao, coordinador da Área de Música sinalou
que xurdiron do encontro varios proxectos de gravacións conxuntas
e sobre todo un intercambio de ideas e unha boa conexión
entre os participantes que, sinalou, marca un jpunto de partida
para futuras colaboracións.
Os participantes na Área de Comunidades no Exterior realizaron
un manifesto sobre as zonas galegofalantes externas a Galicia reclamando
ás institucións o envío de material cultural
e o establecemento de canles fluídas de colaboración
para fomentar o emprego da lingua nesas áreas.
Con respecto ó teatro, Quico Cadaval sinalou a existencia
de dez proxectos que xurdiron deste encontro e nos que están
involucrados participantes das diferentes comunidades lusófonas.
Segundo el, polo clima que ser respirou nos actos da súa
área, estes dez proxectos poderían convertirse en
vinte. Entre os contactos destacados que se realizaron na área
destacou o de Carlos Alonso, organizador do Festival Internacional
de Regueifeiros de Vigo co organizador do Festival Internacional
de Repentistas e Declamadores do Nordeste Brasileiro para futuras
colaboracións. Quico Cadaval rematou a súa intervensión
sinalando que logo destes encontros, o diccionario de portugués
brasileiro engade dous novos significados para a palabra "galego".
Ademais das xa existentes de "persoa loira" e "limón
pequeno", indicará que tamén se refire ós
habitantes de Galicia e que é outro nome para o idioma falado
no brasil.
En canto a Área
de Comunicación, Xosé Luis Palmeiro destacou o descoñecemento
mutuo que existe entre os profesionais deste eido nos diferentes
países. Segundo Palmeiro, "está todo por facer"
pero existe unha grande ilusión cara o intercambio de productos
e de experiencias neste eido.
Todos
os coordinadores estiveron de acordo en destacar a asistencia de
público, calculada en milleiros de persoas, e o compromiso
de múltiples empresas privadas no patrocinio do mesmo, o
que revela, segundo eles, a importancia que pode acadar a lingua
no eido económico.