Antes de bautizarse artisticamente como Nalda, moito antes de participar no disco de tributo a Andrés Dobarro, moito antes de estar próxima a gravar o seu primeiro disco, a nena viguesa Elena Sestelo bailaba soa na súa habitación escoitando no seu “walkman” unha vez tras outra unha cinta dos Beach Boys, o primeiro grupo que lembra que lle gustara. Agora a súa música viaxa pola rede e ela acada un posto na escena da música independente.
Cun nome sacado dun libro escrito por un dos compoñentes do grupo Belle&Sebastian, Elena Sestelo comezou a dar coñecer as súas cancións a través da rede como Nalda. As súas composicións pop de corte sinxelo e son básico – descritas como indie pop de dormitorio , desenfadado e sen pretensións- conseguiron ir atraendo a atención de outros espíritos afíns e entrando no escenario da música independente. Coa súa primeira demo “Tiny noises make tiny music” (2006), na que a artista interpretada todos os instrumentos das catro cancións, Nalda conseguiu o recoñecemento dos lectores do webzine Desconcierto, que a elixiron como a segunda mellor demo do ano. A súa versión de “As Namoradiñas” incluíuse no recente disco de homenaxe a Andrés Dobarro e supón a primeira canción que grava en galego, xa que todos os seus temas está cantados en inglés.
Nalda está próxima a entrar no estudio para gravar durante o verán o que será o seu primeiro EP, un disco con cinco ou seis cancións editado polo selo “indie” sevillano Bubbletone Discos. “espérase que saia a mediados de outubro”, di Elena. Tamén este mesmo selo editará en breve un disco tributo ós Field Mice no que ela participa cunha versión deste grupo londiniense. A Nalda aínda lle queda tamén por diante o encontro co público en directo, xa que polo de agora o seu é un proxecto musical de estudio paro ela, aínda que con algo de inquedanza, agarda que iso cambie pronto.
A súa escolla de recunchos da rede lévanos por estes lugares:
My Space Creo que é un dos grandes inventos da rede, é unha gran plataforma para que moitos grupos poidan darse a coñecer en calquera parte do mundo. Tamén é perfecta para contactar con xente cos teus mesmos intereses dispostos a axudarte cos teus proxectos. Para min foi moi importante.
Desconcierto Para min é como o diario da actualidade musical, creo que é onde atopo primeiro todas as noticias. Gústame ademais porque a pesar de tratar a música tanto nacional como internacional, danlle unha especial cobertura a música en Galicia. É un gran apoio para todos os que intentamos abrirnos paso neste mundiño.
Sono-Tone Outro webzine moi similar a Desconcierto, cunha personalidade distinta, pero igual de completo e informativo e quizais aínda máis volcado na música que se fai en Galicia, teño que admitir que estou enganchada a algunha das súas seccións.
Mira el Péndulo Blog dedicado case na súa totalidade a grupos maqueteiros sobre todo de pop moi lo-fi. É unha gran oportunidade para descubrir cancións perdidas que convértense facilmente en favoritas. Ademais sempre hai enlaces para descargar toda a música que comentan, como curiosidade dicir que foron os primeiros en escribir sobre Nalda.
All Music É a enciclopedia máis completa de música que coñezo, é unha guía moi práctica para situar tal grupo o coñecer influencias de grupos, discos, etc.
Indie pages Páxina que reúne unha completísima guía de grupos, discográficas, fanzines e todo o que ten que ver co indiepop. A pesar de ser estadounidense, nela teñen cabida moitos grupos españois.
Ads of the world Esta páxina ten que ver coa miña outra faceta, a publicidade. Cando algo non sae sempre vou buscar inspiración aquí, xa que sempre colgan o mellor que se está a facer en publicidade en todo o mundo, tanto gráfica como audiovisual. Aínda que a publicidade non sexa o teu, creo que é una web moi entretida.
|