Manuel Bragado é Director Xeral da empresa editorial máis puxante do país, Edicións Xerais de Galicia. Con el ao temón Xerais ven de facer no 2004 as súas vodas de prata no panorama editorial.
Manuel participa activa e criticamente no sector cultural desde Xerais e desde a Asociación Galega da Editores da que é secretario, así como co seu traballo e achegas na Mesa do Libro e a Lectura para elaborar unha Lei que regule estes ámbitos. Tamén pode presumir de estar plenamente integrado nas novas tecnoloxías e ter moitos seguidores das súas “Notas do traballo de edición”, o weblog Brétemas onde deixa case diariamente anotacións do seu traballo, as súas inquedanzas ou comentarios interesantes.
No seu traballo editorial recentemente rematou tres edicións das que se ocupou persoalmente, a "Fotobiografía de Lorenzo Varela", de "Carrilanos" (libro e DVD) de Rafael Cid e "Couto Mixto" de Luís García Mañá e Xurxo Lobato. Tamén anda a rematar o Plan Editorial de Xerais para 2006, un proceso de planificación moi laborioso e a preparación das sesións do módulo de Promoción Editorial que imparte no Mestrado de Edición da Universidade de Santiago.Manuel ven de pasar o verán participando en congresos e encontros de editores con intervencións e conferencias e xa está preparar o programa do II º Simposio O libro e a lectura “O libro e as novas tecnoloxías” que vai celebrarse en Santiago en novembro.
Manuel recomenda facer as seguintes visitas na rede:
astuasbalas.blogspot.com Estou enganchado a este blo, unha das mellores bitácoras intimistas e de
reflexión cultural que coñezo. Posúe unha voz tan definida que semella moumear aos seus lectores.
tendancefloue.blog.lemonde.fr Un blo colectivo dos fotógrafos de Le Monde. Atopo curiosidades e noticias de contido humano sempre moi sorprendentes.
www.digestivocultural.com Un portal de libros e de actualidade cultural brasileira. É un dos sitios máis modélicos de información cultural na rede que visito, mestura a promoción de novidades con ensaios e forums. Moi interesante.
www.galiciaencantada.com Unha das páxinas máis orixinais e bonitas da rede en galego. Un manantío
para consultas sobre literatura de tradición oral e mitoloxía.
imaginaria.com.ar Para min, a mellor revista dixital de literatura infantil. Gosto das súas entrevistas e dos informes sobre autores internacionais.
industrias-culturais.blogspot.com O blo de Rogerio Santos. Abraia pola cantidade e calidade da información
que sobre a sociedade da información vai recollendo de aquí e acolá.
Indispensable para saber das tendencias sobre esta cuestión.
www.jamillan.com Páxina persoal de José Antonio Millán, un dos maiores expertos de edición dixital que coñezo. Provocadora, moi provocadora, ás veces, mais sempre interesante.
www.loisgreenfield.com A páxina sobre fotografía máis suxestiva que coñezo. Bonita, bonita!! Gosto do seu tratamento visual sobre a danza contemporánea.
www.filix.org Todo sobre a literatura infantil en galego: libros, autores, ilustradores e tendencias. Utilísima. Un prodixio admirable, xa que está preparada por unha única persoa.
E, por suposto, www.vieiros.com e Culturagalega.org
|