Juan L. Blanco Valdés combina diferentes aspectos da infinita galaxia Gutenberg. No eido universitario coordina como secretario o Máster en Edición da USC, que xa vai pola súa segunda edición, e traballa no Servizo de Publicacións desta universidade. Profesor na UNED en Pontevedra e poeta, exerce de estradense e reivindica onde e cando pode ao seu parente Roberto Blanco Torres, asasinado en 1936.
Atopamos a Juan Luis atarefado coa organización do Máster en Edición da USC que vai celebrar este ano a súa segunda edición. Este proxecto pioneiro e de éxito na súa primeira convocatoria persegue achegar unha formación completa sobre o sector da publicación e da produción editorial e nel participan profesionais que abranguen todas as áreas do proceso de edición. Juan Luis, secretario do mestrado alén de impartir algún módulo, está nestas semanas pechando a matriculación de alumnos (o seu prazo de matrícula remata o 30 de setembro) ao Máster e ao Curso de Especialización que tamén ofrecen. Tamén prepara a organización dun curso para profesores universitarios de escritura científica e ortografía técnica, e procura rematar un poemario en castelán e un libro de relatos en galego. “Tal vez moito arroz para tan pouca galiña...”, asevera el.
Desde que en 1990 asumiu a subdirección técnica do Servizo de Publicacións da universidade compostelá Juan ficou vencellado ao mundo da edición. Imparte Lingüística e Historia da Lingua Española no centro da UNED en Pontevedra dende 1985, onde vén de coordinar o libro colectivo “De cerca en la distancia. Treinta años del Centro de la UNED en Pontevedra” (2004). A colleita do seu cultivo poético en lingua galega son dous poemarios “Os signos, as mudanzas” (2000) e “Ruínas” (2003).
O sangue da tribo convocouno a restaurar publicamente, a través de tres libros e infinidade de colaboracións, comunicacións, conferencias, artigos, etc. a figura do seu parente Roberto Blanco Torres (Día das Letras Galegas 1999), poeta e xornalista asasinado en 1936 polos partidarios do golpe de Estado.
Como estradense e convencido da importancia das raíces Juan Luis é membro do consello de redacción e decidido impulsor da nova etapa da revista anual “A Estrada, miscelánea histórica e cultural”.
Algúns sitios web polos que Juan L. Blanco recomenda pasar:
www.usc.es/posgrao/edicion
Web do II Máster en Edición da Universidade de Santiago de Compostela-Xunta de Galicia. Velaí toda a información relativa a un mestrado e un curso de especialización que fornecen unha ampla formación superior, teórica e práctica, no eido da edición (tanto impresa coma dixital), que até agora a universidade galega non proporcionaba.
www.librosybitios.com http://jamillan.com Provocador, próximo, divertido, profundo... O lingüista, escritor e editor dixital José Antonio Millán ofrece un universo de enlaces, sites e foros de reflexión sobre o presente e o futuro da edición impresa e dixital, a puntuación e a ortografía técnica, a evolución do mundo da cultura e a comunicación dende Gutenberg a blogger.com... Especialmente recomendable o seu último libro "Perdón imposible", unha guía divertida pero nada frívola da puntuación de textos.
www.usc.es/spubl Páxina web que este ano cumpre 10 de existencia. Recolle toda a produción editorial da Universidade de Santiago de Compostela, procedementos para a publicación, outros enlaces imprescindibles para a documentación no terreo editorial, etc.
www.dosdoce.com Interesante revista dixital de cultura, arte e comunicación. No último número un revelador artigo de Javier Celaya sobre «Os blogs na promoción do libro».
www.valdoulla.com Unha cesión –lírica e subxectiva– ao cerne da terra que un nunca debe esquecer. Trátase dunha web non oficial sobre os concellos da Estrada, Boqueixón , Teo e Vedra. Moita información, imaxes e enlaces sobre a marabillosa comarca da Ulla (deixando á parte a pandemia de eucaliptos, o monte queimado, o feísmo arquitectónico, que xa son lamentábel patrimonio de todos): deportes, camiños, tradicións, festas, xantares, cultura, a emigración, economía, "who’s who"...
|